
Este venres, ás 20.30h no Teatro Colón, da man dos gañadores dos Goya Laura Ferrés e Alberto Vázquez, xunto a Ángel Suanzes, terá lugar a actividade "Os Goya desde dentro" na que poderemos coñecer as reviravoltas da organización dos premios.
O broche final do festival será o sábado 21, ás 21.30 h, no Teatro Colón, coa entrega de premios desta 6ª edición. David Fidalgo será o mestre de cerimonias dunha gala na que se outorgarán 12 premios valorados en máis de 10.000 . A artista galega Su Garrido Pombo poñerá música a esta festa do audiovisual. A entrada é gratuíta ata completar aforo.
Visita de Roee Rosen desde Israel. Esta fin de semana poderemos gozar da obra do artista israelí Roee Rosen, coñecido polo seu traballo multifacético e provocativo que a miúdo desafía as divisións entre historia e o presente, documental e ficción, política e erótica. Na súa obra sempre foi crítico coa situación política e territorial que atravesa o seu país. A súa visita supoñerá unha ocasión especial para analizar as súas películas e conversar con el sobre os motivos que levaron a este momento en ambos os lados. Os horarios están dispoñibles en www.interseccion.gal
Para concluír esta semana repleta de filmes, o festival dedica as súas últimas sesións ao director inglés Nicolas Gebbe e á galega Carme Nogueira. Gebbe centra a súa obra no mundo dos espazos 3D e a creación dixital. Pola súa banda, Carme Nogueira ofreceranos unha perspicaz visión do seu traballo a través dunha sesión na que compartirá o seu proceso creativo coa audiencia a medida que se repasa a súa obra.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.