Notas de prensa

Aberto o prazo para votar pola candidatura galega no AI Song Contest 2023

Despois dun mes de deliberación, o panel de expertos do AI Song Contest escolleu as 9 cancións finalistas que se sumarán á Galicia na Gran Final o vindeiro 4 de novembro na Coruña. A candidatura galega competirá contra unha decena de países coma Alemaña, Canadá, España, Estados Unidos, India, Países Baixos, Portugal, Reino Unido e Suecia. "Florespiña" é o tema impulsado polo equipo PAMP!, que recupera coa IA a famosa cantante, presentadora e actriz Ana Kiro.

Conta coa colaboración do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A iniciativa está liderada polo director creativo Joel Cava, responsable da delegación galega e produtor executivo da edición 2023 do festival.

Ata o 30 de outubro, o público poderá votar de balde pola súa proposta favorita a través da páxina oficial do concurso. En setembro recibíronse máis de 100 candidaturas, e daquela preclasificáronse 35 nunha primeira fase de avaliación. O xurado profesional escolleu agora as mellores opcións que tentarán levar o título á mellor canción co-creada con intelixencia artificial. Ademais do premio popular, a novidade deste ano, o gañador total decidirase pola combinación dos puntos do 50% do televoto e dun 50% dos especialistas, e anunciarase no programa de televisión en directo que se celebrará en Studio Follow, onde a cultura galega estará moi presente. As entradas da gala están á venda a través da plataforma Ticket Hoy dende 8 euros, ademais do congreso académico na Cidade das TIC.

"Florespiña" rende homenaxe a Ana Kiro cunha viaxe musical do pasado ao futuro da intérprete, pasando pola verbena, a música tradicional, o trap e a electrónica, co obxectivo de inmortalizar e resignificar o seu legado ás novas xeracións empregando a intelixencia artificial de xeito respectuoso. A obra conta coa aprobación expresa e recoñecemento da familia. María Dolores Casanova González (1942-2010) foi unha muller adiantada ao seu tempo: feminista, galeguista e progresista, un exemplo de resiliencia que se personifica na imaxe da flor do toxo, que medra nos lugares máis inhóspitos e simboliza a resistencia do pobo galego, quen sempre soubo sobrepoñerse malia as adversidades. O tema pódese escoitar nas principais plataformas en liña, e xa superou as 7.000 reproducións dende a súa estrea.

As responsables desta iniciativa pioneira levan por nome "Ana María Prieto", un proxecto de investigación como tributo á primeira muller programadora informática galega. O grupo está formado por Juan Alonso, Javi Cardama (CiTIUS), César Díaz (CiTIUS), Fernando Estévez (CiTIUS), Camille Hedouin (Mounqup), Sofía Infante, Ruben Laso (CiTIUS), Eva Outeiro, Xandre Outeiro, David Santos e Marta Verde, coordinados por Joel Cava, e todas contemplan a intelixencia artificial só como ferramenta colaborativa e complementaria ao traballo musical, nunca substituta das persoas, onde estas son as únicas decisoras e supervisoras do proceso creativo, e sempre seguindo un uso ético, responsable e transparente para promover a lingua e cultura de Galicia.

Proceso creativo

O proceso para compoñer comezou o pasado mes de abril na residencia artística de Sony CSL París, onde os subcampións desta competición probaron as ferramentas de intelixencia artificial da discográfica e escribiron a letra da canción, logrando que o modelo GPT-J-6B aprendese a falar galego e a compoñer versos a partir dunha achega de máis de 400 estrofas do cancioneiro dixital Volai-vai, co alecrín como fío argumental. A máquina xerou os textos, e só foi necesario corrixir algunhas grallas e adaptar algunha frase, respectando os resultados do ordenador. No tocante á melodía, a través de Google Magenta xeráronse diferentes variacións rítmicas de "Viva Galicia", un dos éxitos máis reproducidos de Ana Kiro, que se empregaron para cada estrofa.

Respecto á música, graváronse instrumentos como a gaita, o acordeón, a pandeireta e o bombo ao natural, que se procesaron polo sistema DDSP, conseguindo unha musicalidade de xeito artificial seguindo a liña melódica previamente definida, e engadindo un contrabaixo extraído con IA. Para os ruídos de ambiente, empregouse o algoritmo que converte o texto en son AudioLDM, achegándolle á computadora referencias da letra sen condicionala excesivamente e seleccionando os mellores resultados entre máis dun centenar de ideas obtidas. Para a harmonización utilizouse o código Daw WavTool, e a produción arranxouse e masterizouse coas solucións artificiais que ofrecen as ferramentas Logic Pro, Ableton e Izotope Ozone AI RX 10.

Para a xeración da síntese de voz, adestráronse dous modelos de transferencia tímbrica de Ana Kiro, voz falada e cantada, dadas as diferencias de rexistro bocal, grazas a SoftVC VITS Singing Voice Convertion. O proceso partiu dun labor exhaustivo de varias semanas coas fases de documentación, filtro, limpeza e procesamento dos contidos proporcionados pola Corporación de Radiotelevisión de Galicia (CRTVG), concretamente, audio e vídeo dos programas e especiais que presentou, nos que interveu e actuou a cantante. Deste xeito, cunha gravación de entrada de calquera persoa, o algoritmo foi capaz de crear un clip de audio cunha voz moi aproximada á da artista, que foi puntualmente corrixida con Autotune para a composición.

Finalmente, elaborouse o videoclip coa aplicación de arte artificial Midjourney, que produce imaxes estáticas escribindo indicacións textuais ou visuais, producindo diversos recursos, captura por captura, aos que se lles aplicou posteriormente movemento con Runway Gen-2, Pika Labs e Leiapix. O resultado é un periplo pola Galicia profunda co toxo, a súa flor e o folklore propio como protagonistas, ademais de recuperar as portadas e iconografía clásicas de Ana Kiro utilizando InsightFaceSwap, e recreando unha actuación imaxinaria en Eurovisión, festival no que a de Arzúa estivo a piques de participar no ano 1969 representando a España e Radiotelevisión Española (RTVE), disputando o título coa catalá Salomé e "Vivo cantando", finalmente gañadora.

Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (Citius), 2023-10-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (gozo-festival-2026.jpg) Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia achegarán a mellor música internacional do momento a Santiago de Compostela cunha nova edición de O Gozo Festival. Maroon 5, Martin Garrix, Danny Ocean, Rita Ora e Miriam Rodríguez son as primeiras confirmacións do festival, que presentarán os seus directos no Monte do Gozo compostelán o sábado 11 de xullo de 2026. O Gozo Fest conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo. En 2026, O Gozo Festival celebrará a súa cuarta edición cun line-up de luxo. O proxecto O Gozo Festival, que naceu en 2023 co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo, consolidouse na súa terceira edición, celebrada en 2025, cun éxito rotundo de crítica e público.
Foto de la tercera plana (20251210-rueda.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu esta mañá, na súa condición de presidente da delegación española do Comité Europeo das Rexións (CdR), unha maior cogobernanza das rexións na planificación e xestión dos fondos europeos e máis recursos para o sector primario. Así o destacou logo dunha reunión organizada polo Executivo galego entre os representantes españois tanto das comunidades autónomas como das entidades locais do CdR con eurodeputados españois e o embaixador representante permanente de España ante a Unión Europea, Marcos Alonso, 'para poñer en común as intencións e o noso plantexamento' de cara á negociación do novo Marco Financieiro Plurianual 2028-2034.

Notas

A mostra 'Alfredo Brañas Menéndez XIX-XXI. 125 anos do seu pasamento' chega ao Claustro Alto do Colexio de Fonseca para, en palabras da comisaria, Belén Trigo, 'buscar e descubrir os aspectos menos tratados' da figura deste intelectual rexionalista e 'establecer un diálogo entre dúas épocas', o século XIX e as primeiras décadas do século XXI. A exposición, que pode visitarse ata o 15 de xaneiro, conta cunha mostra bibliográfica con obras do autor e sobre o autor, documentos que obran no poder da USC, e 16 paneis.
Organizada polo Concello de Pontevedra e a Facultade de Belas Artes, a exposición Do final e do comezo reúne as creacións que 25 novos tituladas e titulados deste centro desenvolveron como parte dos seus traballos de fin de grao . As obras de 21 egresadas e catro egresados foron seleccionadas para unha mostra que busca achegar á cidadanía o proceso de 'construción e reconstrución' como artistas que implicou a súa formación, á vez que reúne un conxunto de pezas que representen as múltiples disciplinas traballadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES