Notas de prensa

Vigo acollerá en 2024 o principal cumio mundial de criptografía cuántica

Vigo será a sede en 2024 do principal cumio mundial de criptografía cuántica ao ser elixida sede da 14th International Conference on Quantum Cryptography, QCrypt, un evento que tras pasar por cidades como Zurich, Cambridge, Shanghai, Amsterdam ou Washington -en 2023- chegará por primeira vez a España. Será do 2 ao 6 de setembro na seda Afundación, organizado pola UVigo e o Centro de Supercomputación de Galicia, Cesga.

Traerá á cidade olívica a entre 300 e 400 investigadores que traballan nas múltiples vertentes que inclúe o desenvolvemento deste tipo de tecnoloxías que velan, sobre todo, polo incremento constante da seguridade e confidencialidade das nosas comunicacións.

“É unha oportunidade única para visibilizar aínda máis as importantes actividades de investigación que se realizan na nosa Universidade, en Galicia, e España nestas tecnoloxías, e para converter a Vigo na capital das comunicacións cuánticas durante a semana do evento”, explica o catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Marcos Curty, director científico do Vigo Quantum Communication Center, adscrito ao centro de investigación AtlantTic, pendente de presentación pública, no que colaboran empresas e universidades dunha ducia de países e co que se contribuíu de xeito definitivo a situar a Galicia no mapa mundial das comunicación cuánticas.

Pioneiros neste campo

“Varios dos investigadores cos que contamos actualmente na Universidade nestas tecnoloxías somos pioneiros neste campo, temos gran visibilidade internacional e colaboramos cos principais grupos internacionais nesta área”, subliña Curty, quen aclara que dous deles -el mesmo e Hugo Zbinden- teñen sido membros do comité directivo deste congreso varios anos. “Esta bagaxe e a investigación de excelencia que realizamos na nosa Universidade en comunicación cuántica foron fundamentais para que se elixise Vigo”, recalca o investigador.

A conferencia anual sobre criptografía cuántica, QCrypt, é un encontro internacional aberto ao estudantado e á comunidade investigadora que traballa en todos os aspectos da criptografía cuántica, o que inclúe investigacións teóricas e experimentais sobre as posibilidades e limitacións da comunicación e a computación seguras con dispositivos que explotan os efectos da mecánica cuántica, ou na presenza de dispositivos que empregan estas tecnoloxías.

Representación, fundamentalmente, de Estados Unidos, Europa e Asia

“O obxectivo da conferencia é presentar os mellores resultados do ano anterior en criptografía cuántica e apoiar a construción dunha comunidade de investigación neste eido”, salienta o docente vigués, quen tamén fai referencia a que o programa incluirá, entre outras cuestións, investigacións sobre a distribución cuántica de claves criptográficas plenamente seguras.

A maioría das e dos asistentes a estas xuntanzas acostuman proceder de universidades, centros de investigación e departamentos de I+D+i de empresas de Estados Unidos, Europa e Asia, principalmente.

Universidade de Vigo, 2023-10-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES