Notas de prensa

O programa ICARUS impulsa o voo de doce investigacións de estudantes con “impacto positivo social e medioambiental”

“Queremos potenciar ideas de impacto positivo no eido social e medioambiental”. Con estas palabras definiu o delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Otero, a meta que a USC persegue a través do programa ICARUS que este mércores 13 entregou os seus premios dirixidos a recoñecer a aplicación social e económica dos resultados de traballos fin de grao (TFG), e mestrado (TFM), así como das teses de doutoramento.

“O coñecemento nace da investigación que despois de madurar chega á sociedade”, afirmou o profesor Otero en relación á primeira edición deste programa que trata de estimular os estudantes para que saquen o seu coñecemento do límite da súa utilidade académica para imaxinar e explorar outras posibilidades. Trátase, tal e como indica o nome da iniciativa, dunha sorte de voo de Ícaro que se atreveu a aplicar o coñecemento e o enxeño para poder chegar máis alá da illa na que estaba confinado.

“Moitos de vós tedes alma de emprendedor ou emprendedora e queredes saber se aquilo que investigades pode ir máis alá”, sinalou Luis Otero para despois poñer en valor “o ecosistema galego de apoio ao emprendemento cada vez máis consolidado, o que permite lograr un modelo produtivo máis competitivo”, dixo. O delegado do reitor lembrou neste senso que a USC conta cunha trintena de empresas baseadas no coñecemento xerado dentro da propia institución. Tamén participaron no acto Irene Bonome Gradaílle, subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria; Margarita Ardao Rodríguez, directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego; e Inmaculada Rodríguez Cuervo, directora xeral de Unirisco.

En total repartíronse 8.100 euros, distribuídos en doce premios. No caso das teses, os galardóns consistiron nun primeiro premio de 1.000 euros e nun segundo de 500 en cada unha das seguintes áreas: Artes Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas; Ciencias, Enxeñería e Arquitectura; e Ciencias da Saúde. No caso dos TFG e TFM, a distribución dos premios foi idéntica coa diferencia de que os primeiros contaron con 800 euros cada un, e os segundos con 400.

Premios a teses de doutoramento

Na categoría de teses no eido das Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas, os traballos premiados foron ‘A integración da tecnoloxía de computación na nube no proceso de ensino-aprendizaxe: O proxecto RuralSchoolCloud’ de María José Rodríguez Malmierca (primeiro premio) e ‘Domesticando corpos femininos no franquismo (1939-1975): a (re)modelación da feminidade normativa e a súa encarnación sartorial na transición dos cincuenta’ de Uxía Otero González (segundo premio). O traballo de María José Rodríguez ten como principal obxectivo analizar o deseño, implementación e avaliación dun contorno para a docencia flexible e a colaboración en centros educativos rurais e/ou illados de Europa baseados na tecnoloxía de computación na nube. Pola súa parte, o estudo de Uxía Otero buscou entender como e en que medida as mulleres encarnaron os ideais de xénero en tempos de Franco a través da vestimenta. O xeito no que o vestir se relaciona intimamente cos corpos e o xénero colocou a vestimenta no foco desta investigación.

Óscar Pereira Rial con ‘Ultra-low power CMOS circuit design for energy harvesting applications’ (primero premio) e Emilio Fernando García García con ‘Presentación e análise de viabilidade dunha nova tipoloxía de peirao: o pilote-lámina’ (segundo premio) foron as teses distinguidas na categoría de Ciencias, Enxeñaría e Arquitectura. Pereira Rial estudou o deseño e fabricación de circuítos integrados (chips) para aproveitar as fontes de enerxía ambiental dispoñibles, como por exemplo a luz solar, as vibracións mecánicas, o calor residual ou as ondas electromagnéticas, para obter enerxía de maneira sostible e continua. Pola súa parte, Emilio Fernando García García presentou na súa tese unha nova tipoloxía de obra de atracada e amarre denominada sistema Pilote-Lámina, baseada no funcionamento conxunto de pilotes e elementos tipo lámina.

Na modalidade de teses pertencentes ao eido das ciencias da saúde, Yolanda Torres Corral obtivo o primeiro premio con ‘Diagnóstico, prevención e control de enfermidades emerxentes e reemerxentes en acuicultura’. A solución desenvolvida e avaliada na presente tese é unha vacina bivalente fronte á tenacibaculose causada polas especies bacterianas T. maritimum e T. Soleae, principais axentes causantes da tenacibaculose en peixes. Na mesma categoría, o segundo premio recaeu en Alba Regueira Iglesias polo traballo titulado ‘O microbioma oral como ferramenta de diagnóstico de precisión das enfermidades periodontais’. A aplicación práctica do proxecto baséase nos principios da metaxenómica clínica, unha disciplina emerxente que consiste na análise exhaustiva do material xenético microbiano presente nunha mostra clínica para recuperar información clinicamente relevante que poida impulsar o diagnóstico preciso de enfermidades infecciosas como as enfermidades periodontais.

Premios a TFG/TFM

Os traballos premiados na categoría de TFG e TFM de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas foron ‘O turismo xera ruído? A degradación da paisaxe sonora por turistificación urbana’ de Julian Grijalba (primeiro premio) e ‘Novos Horizontes no Mercado da arte: Ferramentas de venda en liña das galerías das arte contemporáneo españolas’ de Susana Varela Negro (segundo premio). Julian Grijalba centrouse nunha tecnoloxía que responde á necesidade de comprender integralmente o factor físico e perceptual da paisaxe sonora da cidade, co propósito de planificar, deseñar e xestionar contornas urbanas coas máis altas condicións de calidade ambiental posible. Pola súa parte, o traballo de Susana Varela Negro consiste na creación de soportes, recursos e recomendacións para galerías de arte ou/e implementar programas de capacitación e educación dixital específica para o sector.

Arturo Castro Currás recibiu o primeiro premio na modalidade de ‘Ciencias, Enxeñaría e Arquitectura’ polo traballo titulado ‘Estudo do comportamento tribolóxico de lubricantes e recubrimentos baseados en nanopartículas’, no que estudou o rendemento tribolóxico de nanolubricantes formulados a partir dun aceite de base sintética (polialfaolefina, PAO8) aditivado con dous tipos diferentes de nanopartículas de ZrO2 e CeO2-ZrO2 como potenciais lubricantes para vehículos eléctricos. O segundo premio dentro da mesma categoría recaeu en ‘Explorando novas aplicacións biotecnolóxicas do sistema IC-Tagging’ de Daniel Abella López. Neste traballo propúxose aproveitar as características do sistema IC-Tagging para encapsular unha forma activa da encima fenilalanina amonio liasa de Anabaena variabilis (AvPAL) en nanoesferas producidas en bacterias.

Yago Radziunas Salinas por ‘Liposomas catiónicos en terapia cardiovascular’ (primeiro premio) e Inés Martínez Sambade por ‘Validación de marcadores xenéticos e identificación de xenes candidatos de resistencia á Bonamiosis na Ostra Plana (Ostrea Edulis)’ (segundo premio) foron as persoas vencedoras na categoría de Ciencias da Saúde. Radziunas Salinas propón no seu traballo o deseño e implementación dun sistema liposómico como transportador de fármacos. Finalmente, Inés Martínez Sambade logrou identificar unha rexión xenética relacionada coa resistencia a parasitos intracelulares en ostra plana. Grazas a isto, conseguiu diferenciar entre ostras resistentes e non resistentes en áreas que estiveron afectadas por parasitos de especies introducidas durante xeracións.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-09-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (mitec-42-2025.jpg) A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presentou hoxe a programación da súa 42ª edición, que se celebrará entre os días 22 de xuño e 6 de xullo no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, así como nas rúas e noutros espazos da vila do Morrazo, que acollerán 26 espectáculos e un nutrido programa de actividades lúdicas e sectoriais. O certame, organizado desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, é un dos poucos festivais de teatro europeos cuxo principal selo de identidade é a comedia, unha marca consolidada e referente da produción escénica deste xénero en calquera das súas vertentes: negra, branca, xestual, contemporánea, circense, dramática, musical e, dende hai máis dunha década, tamén na danza.
Foto de la tercera plana (musica-clasica.jpg) A praza Conde de Fontao de Foz será o enclave elixido para a actuación extraordinaria do festival o 31 de xullo con La Carroza Del Real, mentres que o destacado pianista Denis Kozhukhin abrirá oficialmente o ciclo de concertos o 12 de agosto na Fortaleza de Alfoz. O 13 de agosto a Real Filharmonía de Galicia e o Coro da Comunidade de Madrid realizarán o primeiro concerto sinfónico-coral no que interpretarán o Réquiem de Mozart na Catedral de Mondoñedo. A clausura do XII Festival Bal y Gay será co barítono galego Borja Quiza, o 21 de agosto, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, cita na que tamén participarán o pianista Javier Carmena e a mezzosoprano Andrea Rey, nunha proposta que mesturará as raíces galegas e españolas.

Notas

Afondar no papel que a evidencia científica pode e debe xogar nas decisións políticas e na implantacións de políticas públicas foi o obxectivo central da conferencia impartida pola presidenta do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Eloísa del Pino, na UVigo. Sustentar as actuacións públicas na ciencia, defendeu Del Pino, posibilita en primeiro termo 'ser eficiente cos recursos, porque sabes que é máis probable que unha política funcione, aínda que non é unha garantía de éxito'.
A Sociedade Europea de Biomateriais recoñeceu cun dos seus premios europeos de doutoramento Julia Polak 2025 a Ana Iglesias Mejuto e Miguel Pereira Silva, que realizaron a súa tese de doutoramento en iMATUS da USC. O galardón distingue persoal investigador novo que completou un doutoramento de excelencia no ámbito dos biomateriais e a enxeñería de tecidos, valorando tanto a calidade da súa investigación como a súa formación internacional.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES