
O próximo domingo, 14 de maio, vaise celebrar a Romaría de San Vitorio na capela do Santo sita na parroquia begontesa de Damil, recuperando a tradición que levaba interrompida os últimos quince anos.
Con este motivo, no Restaurante Casa Varela de Damil, que rexenta Daniel Ferreiro López (Dani), ven de abrirse unha exposición de pintura sobre temas relacionados coa romaría do San Vitorio -o santo, a capela, a contorna...- como colaboración con esta celebración na parroquia, dun grande arraigo popular en toda a comarca.
Cinco dos cadros expostos son de Marina López López, a matriarca de Casa Varela, grande afeccionada á pintura, que xa veu colgando varias das súas obras no establecemento; un de Ramón Fernández Campos, pintor de Saavedra, e un de José López Soto, recentemente falecido, que foi alcalde do Concello de Muras.
A exposición pode ser visitada libremente no horario do Restaurante, de domingo a venres (ámbolos dous incluídos).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.