Notas de prensa

O 75% das plantacións de eucalipto poderían ser recuperables para o cultivo de alimentos

A UDC leva catro anos traballando coa Fundación Galicia Sustentable no Concello da Laracha sobre modelos baseados nos principios da agricultura sintrópica para a rexeneración de chans. Este estudo conseguiu demostrar que estas técnicas de agricultura rexenerativa dan resultados moi notables na recuperación do chan en plantacións intensivas de eucalipto, recuperando a súa produtividade agroalimentaria.

E que, ademais, dáse a viabilidade de cultivos de alimentos complementarios baixo as propias plantacións de eucaliptos.

As conclusións desta investigación revolucionan a concepción actual sobre as plantacións intensivas de eucalipto, que se presentan agora, nunha alta porcentaxe, como chans con potencial para o cultivo de diversidade de variedades agroalimentarias, abrindo novas perspectivas e posibilidades para o tratamento forestal dos terreos.

Trasladando estes resultados ao mapa forestal de Galicia, por exemplo, este estudo permite constatar que polo menos o 75% das terras destinadas a plantacións de eucalipto na comunidade (máis de 250.000 de preto de 340.000 hectáreas) son susceptibles de ser recuperadas baixo estas técnicas de agricultura rexenerativa.

Esta investigación, presentada esta mañá no museo Mega de Estrella Galicia, foi liderada por Melania Payán, licenciada en Ciencias Ambientais pola Universidad de Huelva, coa contribución de Noelia López, enxeñeira agrónoma pola Universidade de Santiago de Compostela, e de Sergio Quiroga, CEO da empresa galega Ecocelta.

Deixar traballar á natureza

Esta investigación impulsada pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sustentable estableceu un programa marco de traballo centrado na rexeneración de chans en plantacións intensivas de eucalipto seguindo principios de sintropía; unha forma de manexo agroforestal que se basea na aceleración da procura do equilibro, tendencia da propia natureza a evolucionar como un ecosistema, rehabilitando o chan, aumentando a produtividade e a súa complexidade.

Ángel Santiago Fernández Castro, director da Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sustentable quixo sinalar o gran esforzo de investigación sostido ao longo destes catro anos e destacou os resultados como un fito de gran relevancia para a Cátedra. Agradeceu tamén a aposta dunha compañía como Hijos de Rivera por proxectos de longo percorrido que teñen un impacto real tan tanxible para a comunidade.

Esta fase inicial consistiu no aproveitamento de distintos tipos de biomasa que se achega como acolchado das plantacións para favorecer a presenza de materia orgánica. En paralelo iniciouse a posta en marcha dunha sucesión de cultivos complementarios na plantación para a recuperación de macronutrientes fundamentais na fertilidade do chan. O traballo de secuencia de cultivos e achega paulatina de materia adáptase necesariamente aos ciclos e tempos naturais.

O traballo diario da propia natureza, a secuencia de cultivos e a achega paulatina de materia orgánica permitiron que xa a partir do segundo ano se apreciasen os resultados, tanto na liña da rexeneración de chan como, especialmente, na complementariedade de cultivos.

As análises en laboratorio mostraron un incremento constante de macronutrientes NPK (sodio, fósforo e potasio) e tamén o aumento da presenza tanto do carbono total como da materia orgánica. E constatouse a viabilidade da xerminación e dos transplantes.

Desta maneira, ademais da rexeneración do chan das parcelas, conséguese tanto cultivar alimento de forma complementaria, como mellorar a biodiversidade grazas á presenza de distintos cultivos nunha mesma parcela.

“As veciñas e veciños mirábannos con incredulidade cando empezamos a sementar baixo os eucaliptos, pero ao final viñan de visita para ver cos seus propios ollos as patacas crecidas baixo os eucaliptos”, dixo Marcos Pérez, da Fundación Galicia Sustentable. Neste sentido, insistía en que “queremos e necesitamos un rural próspero” xa que é clave para a nosa subsistencia, para a xeración de enerxía e o abastecemento de alimentos.

Sinalou ademais a dificultade engadida que supuxo para o proxecto atopar uns terreos para realizar este estudo, algo que finalmente se resolveu cunhas parcelas na parroquia de Montemaior, grazas ao apoio do Concello da Laracha.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, manifestaba que este tipo de proxectos “son un impulso moi importante para o rural en termos sociais e económicos. A posibilidade de iniciar novas plantacións, novas fontes de produción e de xeración de riqueza son un aliciente fundamental para cumprir co obxectivo de asentar poboación”.

Cátedra Hijos de Rivera- UDC de Desenvolvemento Sustentable

A Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sustentable créase en febreiro de 2019 e regula a colaboración entre a Universidade da Coruña e Corporación Hijos de Rivera co fin de fomentar o intercambio de experiencias no campo da docencia, a investigación e a cultura en xeral. A iniciativa responde o compromiso da compañía galega coa súa contorna e a súa forte vinculación coa agricultura, orixe do 100% das materias primas dos seus produtos.

O principal obxectivo da Cátedra é explotar modelos innovadores e disruptivos que garantan o equilibrio entre a competitividade económica, o respecto ao medio ambiente e o avance social. A idea é facilitar á comunidade universitaria e á sociedade, unha visión analítica sobre a importancia estratéxica de alcanzar un desenvolvemento socioeconómico compatible co medio ambiente.

A cátedra está adscrita á Facultade de Economía e Empresa da UDC e ao Campus de Sustentabilidade e expón a posta en marcha de actividades de investigación, encontros entre diferentes actores interesados, seminarios sobre experiencias e modelos de transformación socioeconómica, así como propostas de formación e divulgación relacionadas co desenvolvemento sustentable.

Universidade da Coruña, 2023-04-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES