Notas de prensa

Esta fin de semana comeza a décimo sexta edición do FIV de Vilalba

En catro días, o FIV de Vilalba volverá tinguir de fucsia a localidade na que se celebra o primeiro festival da tempada desde fai dezaseis anos. Vilalba espera numerosos visitantes na súa edición máis multitudinaria, albergando este ano un aforo para 5.000 persoas. O venres, o festival abrirá as súas portas ás 19 horas coa sesión de Tangerine Sistas, que dará paso ás actuacións de Moura, Carlangas, Sidecars, La Casa Azul e Akkan.

Mentres que o sábado, a programación musical prevista no escenario do Campo da Feira dará comezo ás 19.15 horas co concerto do grupo lucense Berta Franklin. A continuación, subirán ao Escenario Vibra Mahou Hickeys, Sidonie, Lori Meyers, Delaporte e Ocho y Medio Djs.

En paralelo, no escenario Emerxente, situado na Praza da Constitución, celebraranse varios concertos de forma gratuíta. O sábado, o palco da música acollerá os concertos da Banda de Música de Vilalba, Los Malinches e os Djs Jus Kno’; mentres que o domingo estará dedicado ao público infantil, coa actuación da Gramola Gominola.

Tamén se organizan actividades complementarias ao longo da fin de semana na Casa da Cultura. O venres, gravaráse un programa do podcast Café Derby 21, ao que poderán acceder os gañadores do sorteo realizado entre os seguidores das redes sociais do festival. O sábado, ás 12.30 horas, celébrase o coloquio “Falamos de música”, no que participan os xornalistas especializados, Pepa Ferreiro, Pepe Cunha, Javier Becerra e Cristina Arias como moderadora, e no que se tratará a evolución dos medios musicais. O domingo, ás 11.30 horas e seguindo a liña infantil da xornada, o xornalista Javier Becerra presentará o seu libro “Isto é rock!” no mesmo espazo. Para acceder a estas actividades, necesítase realizar reserva previa a través da páxina web, xa que o aforo é limitado.

Esta iniciativa municipal supón para a localidade unha inxección importante en canto á revitalización económica; pois o seu desenvolvemento tradúcese en emprego, promoción da localidade, e atracción do turismo. Ademais, este ano volverá reactivarse a campaña #EuSonFIV, na que participan algúns dos establecementos locais ofrecendo un 5% de desconto ao público que mostre a súa pulseira de FIV 2023.

Así mesmo, o FIV contará con entradas, aseos e barras accesibles, así como un punto lila no recinto principal que estará dispoñible de 19 a 04 horas, para previr agresións sexuais e facilitar asesoramento.

O festival conta co apoio de Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco @Estrella que impulsa os encontros en torno ao directo. A Deputación de Lugo, Grupo Entrepinares, Petroni, Alma Atlántica e Gadis tamén forman parte dos patrocinadores oficiais do FIV 2023, apostando por este formato que promove a música indie.
Aínda quedan os últimos abonos á venda a un prezo de 45€ (+g.g.) tras esgotarse os tres primeiros tramos, así como as entradas de día para os concertos do venres e o sábado a 25€ (+g.g). Os tickets pódense adquirir a través da web https://fivdevilalba.com.

FIV Vilalba, 2023-04-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES