A actuación da aula Rosaura tivo lugar na contorna da Praza Maior e dos Xardíns Padre Feijóo, no centro da cidade de Ourense. A obra estreada, titulada En primicia, é froito do traballo realizado polo alumnado e o profesorado de Sarabela Teatro no marco da formación que se dá na Aula Universitaria de Ourense Rosaura, que se desenvolve cada curso académico no campus de Ourense. Así, a dirección desta peza de rúa recae en Sabela Gago, a dramaturxia é unha creación coleciva baixo a súa dirección e o elenco está formado por Carlos Bértalo, Adrián Castro, Silvia Cortón, Cristina Garrido, Isabella Medeiros, Laura González, Yoni G. Hurtado, Rubén Gómez, María González, Dalia Jiménez, Gisela Panadeiros, Emilio Rey, Marta Santos, Olga Suárez, Aimar Vega, Genoveva Longueira, Susana Vázquez e Alba Peteiro, estando como técnicos José Manuel Bayón e Rubén Dobaño. En primicia poñe o foco en como na cobertura dun conflito bélico, os xornalistas loitan para impoñer o seu relato diante da opinión pública.
Tras esta actuación de Rosaura, as demais aulas escénicas da Universidade de Vigo tamén terán protagonismo na Miteu. Así, o día 28, no Teatro Principal, Cordelia Aula Universitaria do Campus de Ourense representará a súa obra O mundo como vontade. Ao día seguinte, terán lugar as 12ª Xornadas de Danza D-Outras, baixo a organización e coa participación da aula de danza do campus de Ourense. O xoves 4 de maio será a queda da Aula de Teatro de Pontevedra, que presentará Intermitencias no Teatro Principal, e da Aula de Teatro de Vigo, que no mesmo escenario representará Incendios. Por último, e tamén seguindo a dinámica de edicións anteriores, o peche da Miteu corresponderalle o día 6 de maio á Aula Universitaria do Campus de Ourense Rosaura, que representará As cidades agochadas.
20 espectáculos diversos
A Miteu é unha mostra organizada por Sarabela Teatro co apoio do campus de Ourense da Universidade de Vigo, a Deputación de Orense, a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, o Teatro Principal e Cervexas Esmorga. Nesta edición contará coa participación de compañías de Colombia (Andrea Ríos), de Portugal (Teatr'Ubi), e de Guinea (Ña Dingö) e sobre todo de diferentes puntos da xeografía estatal (Galicia, Madrid, Euskadi, Andalucía, Navarra e Castilla y León). No marco do compromiso social deste certame, algunhas das obras desta edición proporán reflexións sobre temas como o racismo, a identidade sexual, o feminismo e a xustiza. Aínda que o protagonismo recaerá nas aulas universitarias, tamén haberá compañías profesionais como Yllana e música cun concerto do grupo galego The Tetas Van. A maior parte das representacións terán lugar ás 20.00 h no Teatro Principal de Ourense, aínda que a programación tamén se achegará ás rúas do centro da cidade, ao Café Cultural Auriense, ao Colexio Maristas e ao Liceo. Excepto o espectáculo de Yllana Passport, que custará entre 10 e 15 euros, as entradas para os diferentes espectáculos son libres ou cun prezo de tres euros (para compañías non profesionais) e cinco euros (para compañías profesionais).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.