Notas de prensa

O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais de Ourense arranca a súa actividade

O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae), con sede no campus de Ourense, arranca a súa actividade. Este venres celebrouse a xuntanza de constitución da súa xunta directiva, sendo elixido como director comisario o profesor Ángel Paredes. Doutor en Física, Ángel Paredes é profesor titular no Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, institución á que se incorporou no ano 2011.

Autor de máis de 60 publicacións científicas en distintos eidos (como óptica, física teórica, cosmoloxía e modelización de sistemas) ten dirixido proxectos de investigación en convocatorias estatais e autonómicas e realizado estadías en institucións académicas, como a École Polytechnique de París. Como secretaria comisaria do instituto foi elixida a profesora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo Elena Martín. Doutora en Enxeñaría Aeronáutica, é premio internacional de posdoutoramento David Crighton, da Universidad de Cambridge, outorgado a novos investigadores polos seus avances no campo da mecánica de fluídos. É profesora titular de Mecánica de Fluídos, onde lidera diversos proxectos de ámbito autonómico, estatal e europeo, cunha captación de recursos superior a 1,5 millóns de euros. Ten participado en proxectos da Nasa e actualmente lidera na UVigo proxectos de investigación coa Axencia Espacial Europea (ESA).

Segundo explica o novo director comisario do Ifcae, “a tendencia é aglutinar os grupos de investigación en estruturas máis grandes, coma centros ou institutos de investigación, de xeito que a creación deste instituto era unha oportunidade que non podiamos deixar escapar”. Este instituto, engade, será ademais o primeiro que se pon en marcha na UVigo ao abeiro da nova normativa que posibilita a súa creación. Por estes motivos, comenta Ángel Paredes, afrontan con “moita ilusión e con gañas de traballar, pero tamén con respecto pola responsabilidade que supón”, o reto da posta en marcha deste centro, reto que será compartido con “todos os compañeiros e compañeiras que formarán parte do Ifcae”.

Un marcado carácter interdisciplinar

A UVigo, lembra Ángel Paredes, “aprobou en decembro de 2011 un regulamento para a creación de institutos de investigación e aproveitando esta oportunidade, un grupo de 19 profesores e profesoras da Universidade de Vigo elaboramos a proposta do Ifcae, que foi tramitada e aprobada ao longo de 2022 polos órganos de dirección da Universidade (Claustro e Consello de Goberno) e polo Consello Social”. Agora, sinala, “constitúese a xunta directiva, o que se pode considerar como a posta en marcha das actividades do instituto” e nas vindeiras semanas teremos un proceso aberto de adscrición de persoal. Por outra banda, engade, “o regulamento que rexerá o seu funcionamento deberá ser aprobado polo Consello de Goberno da UVigo e unha vez concluídos estes pasos deberemos enviar toda a información á Xunta de Galicia para que recoñeza a creación do instituto, e con iso rematará este proceso inicial de creación”.

O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais, comenta Ángel Paredes, estará formado por persoal investigador dos campus de Ourense e Vigo. A súa investigación centrarase en certas áreas da física e das ciencias aeroespaciais, e en especial na busca de sinerxías entre elas e con outras disciplinas relacionadas, como poden ser as matemáticas e a enxeñaría informática. Así, a axenda científica do instituto estrutúrase arredor de cinco grandes áreas de investigación interrelacionadas entre si, como son a fluidodinámica e termodinámica; os sistemas ópticos; as aeronaves non tripuladas; as ciencias do espazo e a modelización, simulación e software. Polo tanto, engade o director comisario do centro, “a nosa actividade terá un marcado carácter interdisciplinar e buscará ademais un equilibrio entre investigación básica, investigación aplicada e transferencia de coñecemento”.

Promovido por preto dunha vintena de investigadoras e investigadores cun volume de publicacións e proxectos científicos importantes, máis de 50 sexenios, máis de 40 teses de doutoramento, máis de 1000 artigos e dúas EBts, o instituto nace co obxectivo de ser “impulsor do ecosistema galego aeronáutico e aeroespacial así como das súas sinerxías coa investigación emerxente baseada na física”. Ademais, márcase como eixos prioritarios fomentar unha investigación excelente e recoñecida no seu ámbito; facer unha transferencia de coñecemento á sociedade relevante; captar talento reforzado e divulgar e comunicar. Ubicado no campus de Ourense, onde está a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, o centro contempla como valores transversais a excelencia, a internacionalización, a responsabilidade social e sostibilidade e a cooperación e integración.

No campus de Ourense, indícase desde o Ifcae, desenvólvese hai máis de 20 anos liñas de traballo en diversos campos da física, que van desde a fotónica á fluidodinámica ou as simulacións numéricas avanzadas, entre outros. Estas investigacións, detallan, teñen un potencial impacto tecnolóxico en numerosas áreas, e en particular no sector aeroespacial, destacando a creación no ano 2016 da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo neste campus. Neste contexto, o novo instituto presenta “a oportunidade de dar un novo paso e salto cualitativo, consolidando a exitosa actividade investigadora e de transferencia dos grupos de investigación asociados mediante a creación dunha estrutura institucional no seo da UVigo que permita fomentar e potenciar ditas actividades, creando "unha contorna propicia para a posta en funcionamento de novos proxectos, de maior alcance e impacto".

Universidade de Vigo, 2023-03-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES