Notas de prensa

61 especialistas de máis de 40 universidades e 18 países afondan en Vigo na herdanza filosófica e sociopolítica de José Saramago

O pobo galego sempre se sentiu parte do universo que o escritor portugués José Saramago foi tecendo ao longo das súas obras e hoxe, cando está a piques de celebrarse o centenario do seu nacemento, a Universidade de Vigo inaugurou un encontro internacional que durante catro días converterá esta cidade en centro neurálxico de estudo e debate sobre a herdanza filosófica e sociopolítica do premio Nobel.

Participan no encontro 61 especialistas de máis de 40 universidades e 18 países e, xunto a presentación de relatorios, mesas redondas e debates, a VII Conferencia Internacional José Saramago, trae tamén consigo unha intensa axenda de actividades culturais e artísticas.

A inauguración do encontro tivo lugar no Centro de visitantes do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia e nela o responsable do comité organizador, o profesor Burghard Baltrusch, director da I Cátedra Internacional José Saramago, estivo acompañado pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández Tapias; a coordinadora do portugués como lingua estranxeira en España e Andorra, Filipa Soares, e Nuno Lopes da Fundação Eng.º António de Almeida, unha das primeiras entidades en apoiar e asociarse á cátedra.

Celebrando a memoria e o legado do Nobel portugués

“Este encontro danos a posibilidade de confrontar a obra e o legado de José Saramago cos grandes temas que ocupan o pensamento contemporáneo”, explicou a responsable do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, quen agradeceu á Universidade de Vigo o feito de ter creado esta cátedra e, ao seu abeiro, ir organizando diferentes actividades coas que, amosar de xeito claro a actualidade do pensamento deste autor. “Xosé Saramago nunca nos deixou indiferentes, nin como intelectuais e académicos, nin a nós como galegos”, salientou Álvarez, facendo así fincapé na gran proximidade do escritor portugués co pobo galego, que sempre o acolleu con “admiración e simpatía”.

Ao respecto do acerto da creación da Cátedra José Saramago pronunciouse tamén a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, quen fixo referencia a que “esta entidade leva algo máis de sete anos cumprindo dun xeito exemplar cos seus obxectivos de estudo, preservación e difusión da extensa e magnífica obra do Nobel portugués, sen esquecer tamén outros aspectos relacionados coa súa figura”.

En relación á importancia desta cita para a difusión da lingua e cultura portuguesa a nivel internacional pronunciouse Filipa Soares, quen ser referiu ao programa do encontro como “ambicioso e moi interdisciplinar”, algo non que coincidiu con Nuno Lopes e Marta Fernández Tapias, que exerceu como anfitrioa. “Para nós era unha obriga lembrar a herdanza que nos deixaron as súas achegas”, salientou a responsable da Xunta en Vigo.

Análise da actualidade baixo a óptica de Saramago

O presidente da cátedra e responsable do comité organizador, Burghard Baltrusch, foi o encargado de debullar os detalles do programa. Segundo a súa opinión, “a herdanza filosófica e sociopolítica de José de Saramago é un tema que se adapta perfectamente á actualidade, unha actualidade que require que se empregue o pensamento crítico sobre a historia, a filosofía e a política do noso autor, quedando a cuestión literaria nun segundo plano”.

Tal e como explicou Baltrusch, como primeiro eixe temático, o congreso explorará a fonda relevancia contemporánea do legado filosófico deixado por José Saramago, incluíndo cuestións relacionadas cos animais, a empatía e o antropomorfismo. Completan este eixe, entre outros, os obxectivos sociopolíticos da rede JANGADA de cátedras, institutos e asociacións, a partir dos principios ético-morais consagrados na Carta Universal dos Deberes e Obrigacións dos Seres Humanos. Inspirada no discurso que Saramago pronunciou o día 10 de decembro de 1998 en Estocolmo, cando recibiu o Premio Nobel de Literatura, foi elaborada na Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), por unha comisión de especialistas internacionais e sometida á ONU en 2018. Deste xeito, esta Carta e o debate internacional sobre os seus temas constituirán o segundo eixe temático deste congreso. “Un cuarto eixe temático estará dedicado ás reflexións sobre a situación actual e o futuro da cultura e lingua galegas, a partir dos vieiros e reivindicacións que nos ofrece o pensamento saramaguiano”, engadiu Baltrusch.

Exposición na sede de Afundación Vigo e ciclo de cine no Marco

Se hoxe foi a inauguración formal do congreso, as diferentes actividades culturais organizadas en torno ao congreso arrancaron xa a semana pasada coa inauguración da exposición Graça Morais e José Saramago. A arte de pensar O Ano de 1993, na sede Afundación Vigo e ata onde mañá xoves –ás 18.30- se desprazará a propia pintora portuguesa para realizar unha visita guiada. A maiores, onte pola tarde arrancou no Museo de Arte Contemporáneo o ciclo de cine O surrealismo no cine de Saramago. Proxectaranse en total tres longametraxes, un documental e sete curtametraxes de varios realizadores de diferentes nacionalidades, inspirados na obra e na vida do Nobel portugués.

O ciclo arrancou coa proxección da película Enemy (2013), dirixida polo cineasta franco-canadiense Denis Villeneuve e ganadora de cinco premios, entre eles o de mellor director, nos Canadian Screen Awards. Trátase dunha adaptación cinematográfica da novela homónima de Saramago e, entre outros intérpretes, coa coa participación de figuras tan coñecidas como Jake Gyllenhaal, Mélanie Laurent, Sarah Gadon e Isabella Rossellini. Para conversar sobre o filme contouse coa presenza do guionista e crítico de cine Javier Trigales.

O ciclo prolongarase ao longo dos sábados de outubro e novembro ás 19.30 horas. Este sábado, día 29, a cita será coa película Embargo de 2010 do director portugués António Ferreira, quen se achegará ata o Marco para comentar a película xunto coa produtora Tathiani Sacilotto. O 5 de novembro o ciclo amosará a película máis íntima e persoal, o documental José y Pilar de 2010, do director portugués Miguel Gonçalves, que se engargará de comentar o director de Galaxia Francisco Castro.

A sesión do 12 de novembro estará dedicada ás curtametraxes e o ciclo pecharase o día 19 coa proxección de Blindness (A cegas), 2008, a premiada película do brasileiro Fernando Meirelles.

Instalacións, recitais, performances...

No relativo ás actividades culturais, o programa do congreso inclúe tamén unha instalación artística do portuense Miguel Januário, no Camões hoxe mércores pola tarde –ás 18.15 h-; unha performance da poeta galega Silvia Penas –mañá xoves ás 18.30 na sede de Afundación- e un recital de poesía de Patricia Lino –no Camões o venres ás 18.15 h.

Universidade de Vigo (UVigo), 2022-10-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-abanea-2025.jpg) O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.
Foto de la tercera plana (trensturisticos.jpg) A campaña de Trens Turísticos da Xunta de Galicia sigue o seu percorrido este mes de xullo de xullo con varios dos traxectos practicamente vendidos, o que da mostra da excepcional acollida deste produto turístico deseñado por Turismo de Galicia en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico – INORDE, dependente da Deputación de Ourense. Cun nivel xeral de ocupación do 71,4%, aínda quedan billetes sobre todo para as saídas de agosto, setembro e outubro. Están á venda a totalidade dos traxectos que compoñen o programa de Trens Turísticos de Galicia. As persoas que queiran gozar desta experiencia singular, que une o desprazamento en tren con visitas a lugares senlleiros da comunidade, teñen aínda oportunidade de comprar o seu billete para os traxectos nos que quedan prazas.

Notas

O 23 de novembro de 2023, despois de millóns de anos de viaxe a través do universo, unha sinal en forma de ondas gravitacionais chegou á Terra. Foi detectada ao mesmo tempo polos observatorios de Hanford e Livingston, separados por máis de 3.000 quilómetros nos Estados Unidos. Pero esta sinal, bautizada como GW231123, non era unha máis: foi causada pola colisión de buracos negros máis brutal que a humanidade puido observar ata agora.
O investigador galego Rafael Carballeira Coego, membro do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA) do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, participa nun destacado proxecto internacional que busca reconstruír a historia do fenómeno climático El Niño ao longo de milleiros de anos. A investigación desenvolverase na lagoa La Niña, situada na costa norte do Perú, un enclave estratéxico para o estudo do sistema climático do Pacífico.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES