Notas de prensa

O xacemento de Armea amplía as súas dimensións cunha nova intervención arqueolóxica

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo acaba de finalizar unha nova intervención arqueolóxica na 'cibdá' de Armea, no concello ourensán de Allariz. Desde mediados do mes de setembro, un equipo de seis persoas estivo traballando na ampliación da zona escavada, descubrindo 300 novos metros cadrados deste xacemento de orixe romana, ocupado arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III.

A campaña realizada permitiu rematar a escavación da domus norte e descubrir, entre outros elementos, parte dunha estela funeraria posiblemente procedente da necrópole, aínda por localizar, deste asentamento.

O proxecto de Armea, dirixido polo arqueólogo do GEAAT Adolfo Fernández, desenvólvese dende hai 12 anos a través dun convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Vigo e o Concello de Allariz. Este ano conta ademais con financiamento da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, concretamente da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a través dun convenio co propio Concello de Allariz. Este martes, o xacemento foi visitado por Cristina Cid, alcaldesa de Allariz; Mónica Villanueva, directora da Ãrea de Coordinación do Campus de Ourense; Julio Prada, decano da Facultade de Historia do campus de Ourense; Roberto Pena, xefe de Servizo da Ãrea de Arqueoloxía da Xunta de Galicia, e Sandra Quintas, xefa territorial da Consellería de Cultura en Ourense, ademais do propio Adolfo Fernández.

Avances realizados

A coñecida como finca da atalaia, de propiedade municipal, é o espazo onde se desenvolve este proxecto e as súas escavacións anuais, que ao longo desta década permitiron sacar á luz tres grandes domus ou casas que se dispoñen arredor dunha rúa central empedrada. Tal e como explica Adolfo Fernández, a campaña de 2022 “foi máis longa do habitual”. Así, detalla, ademais da tradicional intervención arqueolóxica que realiza o GEAAT no mes de xullo neste enclave, este ano fíxose esta segunda intervención, que se prolongou durante catro semanas, na segunda quincena do mes de setembro e a primeira de outubro. “O que se fixo este ano é avanzar na escavación das propiedades municipais, que se estenden da finca da atalaia cara o leste, escavando as novas vivendas que aparecen de época romana nesta zona”, sinala o arqueólogo. O xacemento, subliña, “está sendo totalmente renovado, coa nova área escavada e nova sinalización”.

No verán, comenta Adolfo Fernández, cun equipo formado por unha vintena de persoas, membros do GEAAT e alumnado de prácticas, fíxose unha intervención centrada na domus do hexasquel, a domus norte. “Habitualmente, co alumnado o que facemos é unha escavación máis devagar, para que se formen en arqueoloxía de campo, e centrámonos en detectar os niveis máis antigos de ocupación da 'cibdá' de Armea, pois sabemos que hai casas debaixo das casas que agora xa se ven, debaixo das grandes domus”, relata o arqueólogo. Así, detalla, neses niveis máis antigos estarían vivendas de inicios do século I despois de Cristo, estando construídas as grandes domus a finais deste século I.

A segunda intervención de 2022 agora rematada, explica o responsable do proxecto, “o que nos permitiu foi ampliar moita zona de escavación, fixemos moitos metros cadrados escavados de novo, o que dá lugar á visualización de moitas máis partes desas casas dese barrio romano da atalaia”. Se no verán foi unha intervención “máis concentrada, máis reducida en canto a extensión, intentado localizar con escavación en profundidade os niveis máis antigos de ocupación”, esta segunda, sinala Adolfo Fernández, “foi unha escavación máis en extensión, para exhumar, para deixar á vista máis metros cadrados de xacemento”.

Nesta campaña de outono fíxose unha intervención cun equipo máis reducido, de seis persoas (tres técnicos e tres auxiliares), e centrada en ampliar a casa leste, a domus do tríscele, onde apareceu en xullo un atrio interior totalmente enlousado e en moi bo estado de conservación, con estancias anexas. Ademais, tamén traballaron en zonas máis periféricas da casa norte, a do hexasquel, que quedou practicamente delimitada, atopando os seus muros exteriores así como máis estancias e diferentes zonas como adegas e zonas de habitacións. “A escavación desta casa xa rematou, xa estamos en zonas exteriores polo que en calquera momento pode aparecer unha nova casa ao seu carón”, indica Adolfo Fernández. O arqueólogo subliña que “todo o que estamos escavando segue tendo ese magnífico estado de conservación que caracteriza o xacemento de Armea, segue aflorando un xacemento que é moi monumental, moi visible”.

En canto á cultura material, o responsable do proxecto explica que apareceron moitas pezas decoradas, tanto rosetas como hexasqueis e trísceles; restos de cerámica, vidro e metais, e tamén a parte superior dunha estela funeraria reutilizada nas casas. Esta última peza, sinala, “danos información de que nunha zona próxima ten que haber unha necrópole, un cemiterio onde se enterraba toda esta poboación de Armea, cemiterio que aínda hoxe está sen localizar”.

Conservación, restauro e musealización

O vindeiro luns empezará a intervención de conservación e restauro no xacemento “para actuar sobre todas eses restos arqueolóxicos que foron descubertos estes dous meses de escavación” xa que hai que realizar tarefas de consolidación de muros, tapado de estruturas e pavimentos e musealización. A acción prolongarase entre tres e catro semanas. Igualmente, comenta o arqueólogo responsable, estase a completar a renovación de toda a sinalización existente no xacemento e tamén a instalación de indicadores para chegar a el desde Armea e Santa Mariña de Augas Santas. “Aproveitamos o outono para levar a cabo traballos de musealización. O ano que vén, o xacemento xa estará cunha imaxe nova, renovada e con novas zonas de visita”, afirma.

Universidade de Vigo (UVigo), 2022-10-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaxe.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta destinará un total de 270 millóns de euros a paliar os efectos do conflito en Oriente Medio na nosa comunidade. Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, o titular do Goberno galego lembrou, ao respecto da situación en Oriente Medio, que o Consello da Xunta xa analizou hai dúas semanas 'os primeiros impactos' e que Galicia foi 'a primeira comunidade autónoma en falar cos clústeres'. Nesta liña, o presidente anunciou que o vindeiro Consello autorizará 'un plan de máis de 150 millóns' para atender aos sectores afectados, que se sumará aos máis de 120 millóns que suporá para Galicia financiar as iniciativas do Goberno central a este respecto.
Foto de la tercera plana (escenasdocambio-2026.png) Para a edición de 2026, chegan desde o outro lado do Atlántico La Cura e El Vacío (ambas estreas en España), nas que o coreógrafo cubano Julio César Iglesias dirixe á prestixiosa Compañía Colombiana de Danza Contemporánea. Tamén a conferencia escénica Arder Épica (Cap. 1) na que o artista brasileiro Reinaldo Ribeiro constrúe unha nova memoria colectiva a partir das cinzas que deixou o incendio do Museo Nacional do Brasil en 2018. Forma parte tamén da programación a instalación inmersiva Hecatombe II: Movementos e rituais para a renovación do mundo, da colombiana de orixe indíxena Martha Hincapié Charry, que rescata saberes ancestrais de líderes nativos das primeiras nacións americanas.

Notas

A National Aeronautics and Space Administration, NASA, confirmaba o pasado martes de xeito oficial que o 1 de abril será a primeira data na que se intentará lanzar desde o Centro Espacial Kennedy de Florida Artemis II, a primeira misión lunar tripulada desde 1972. 'Podo confirmar que todo está en orde e non hai ningún impedimento para o lanzamento de Artemis, se as condicións meteorolóxicas o permiten', afirmou a viceadministradora e responsable de exploración espacial da axencia espacial estadounidense, Lori Glanze.
A iniciativa, que este ano desenvolve a súa terceira edición, está promovida por CLARIAH-GAL, o nodo galego de CLARIAH-ES, infraestrutura que reúne especialistas de diferentes institucións do Estado español co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de recursos, ferramentas e metodoloxías dixitais para a investigación en humanidades, artes e ciencias sociais, no marco dos consorcios europeos CLARIN e DARIAH.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES