Notas de prensa

Unha investigación analiza a pegada da música no ADN e o seu posible uso para paliar certas enfermidades

Sensogenoma22 é un proxecto de investigación no que, por primeira vez e a grande escala, ciencia e música danse a man para loitar contra diferentes enfermidades. Así, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e a Real Filharmonía de Galicia dan pulo a esta colaboración interdisciplinaria que ten por obxecto 'buscar as bases biolóxicas do estímulo musical' coa vontade de 'iluminar novas dianas terapéuticas'.

Os profesores da USC Antonio Salas e Federico Martinón explicaron que se trata dunha nova disciplina da ciencia xenómica que afonda en como os estímulos sensoriais repercuten no ADN, buscando as bases moleculares que subxacen á activación da información xenética, e abrindo a porta a novos usos terapéuticos que melloren a calidade de vida das persoas.

Con este obxectivo, o 30 de setembro, ás 20.30 horas, celebrarase un concerto experimental no Auditorio de Galicia no que se recollerán mostras biolóxicas das persoas participantes. “Esperamos atopar sinais no xenoma que respondan a estímulos musicais, dos que moitos poden ter relación coa actividade cerebral, en rutas que conectan o cognitivo, a memoria ou o proceso de comunicación”, engaden. A música sempre influíu no estado de ánimo, e este, á súa vez, na saúde, é por iso, que Sensogenomica22 trata de pescudar as súas bases moleculares e entender, se pode e de que xeito, axudar a frear ou paliar os efectos de certas enfermidades investigando a súa pegada no ADN.

Así, antes do evento, farase unha recollida de mostras biolóxicas, saliva e unha pinga de sangue a través dunha pequena picada no dedo e ao finalizar repetirase o mesmo proceso. Desta maneira poderase medir a resposta dos xenes en dous puntos temporais e a resposta que tiveron a ese estímulo musical. En canto ao repertorio do concerto será sorpresa para que ningunha persoa vaia condicionada previamente e así poder sacar conclusións a nivel xeral. Deste xeito, convídase as persoas a asistir e sacar a entrada gratuíta con toma de mostras, das que se recollerán arredor dunhas 400, con consentimento informado asinado.

Ademais dos profesores Salas e Martinon, interviñeron este martes na rolda de prensa de presentación do proxecto Baldur Bronimann, director do concerto Sensogenoma22, e Sabela Garcia Fonte, directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, que deron a coñecer todos os avances e detalles desta investigación, acompañados por Mari Luz Couce, directora do IDIS e profesora da USC, e Eloína Núñez Masid, xerente da área Sanitaria de Santiago e Barbanza.

Os profesores Salas e Martinón profundaron en como “ao non haber investigacións anteriores, o ámbito de traballo é moi amplo e permítenos encher un baleiro que existe en como a música se relaciona co noso xenoma”. O primeiro paso da investigación céntrase na música e a expresión dos xenes na poboación xeral e en distintos contextos como pode ser o caso do cancro, a enfermidade de Alzheimer, os trastornos do espectro autista (TEA) ou o dano cerebral, entre outros, co fin de obter datos a grande escala, analizalos con rigor científico usando técnicas de vangarda e, eventualmente, poder proporcionar ferramentas que melloren a calidade de vida das persoas. Completan o equipo Laura Navarro Ramón, coordinadora de Sensogenomica, musicóloga e doutora en Educación Musical, Belén Mosquera Pérez e Carmen Rodríguez-Tenreiro, coordinadoras de xestión e de ensaios clínicos e bioética respectivamente.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-09-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES