Notas de prensa

A UDC e o INIBIC organizan o congreso International Gap Junction Conference 2022

Do 16 ao 20 de xullo A Coruña acolle este congreso no que se dan cita preto de 200 investigadores internacionais que tratarán estudos sobre os mecanismos moleculares implicados no desenvolvemento de enfermidades neurodexenerativas, cardíacas ou cancro, e outras nas que alteracións nestas proteínas están implicadas no seu desenvolvemento e progreso.

Este congreso internacional organízase cada dous anos alternando América (especialmente Norteamérica) e Europa. É a primeira vez que se organiza en España desde os seus inicios en 1974. É un congreso que reúne a toda unha comunidade científica especialista no estudo das funcións dunhas proteínas (conexinas/panexinas) que forman canles nas superficies das células que permiten a súa comunicación coa contorna e coas células en contacto. Alteracións nas funcións destas canles de comunicación son responsables do progreso de enfermidades como o Alzheimer, de procesos inflamatorios, do progreso da artrose, de diferentes tipos de xordeira, alteracións na reprodución e no desenvolvemento, están implicadas en metástase e progresión tumoral e son cruciais para a resposta a terapias.

A edición do 2022 está organizada por un Comité Executivo composto por María D. Mayán, do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC);. Trond Aasen, do Vall d´Hebron Institut de Recerca (VHIR), Barcelona, Arantxa Tabernero, do Instituto de Neurociencias de Castela e León (INCYL), Salamanca; Henrique Girao, da Universidade de Coimbra (UC), Portugal; e Luis Barrio do Instituto Ramón e Cajal de Investigación Sanitaria (IRYCIS), Madrid, e conta co apoio dun Comité Científico Europeo e dun Comité Científico Local (Manuel Becerra (UDC), Elena Pazos (UDC) e Eduardo Fonseca (CHUAC-INIBIC).

Entre os traballos que se presentarán no congreso destacan estudos como o presentado pola investigadora Danielle Johnston (Universidade de Western Ontario, Canadá) sobre o papel da panexina 1 no desenvolvemento dun tipo de tumor cerebral que afecta sobre todo a adultos e nenos, o glioblastoma; o investigador Xiaohua Gong (Universidade de Berkeley, USA), sobre o papel das conexinas no desenvolvemento de cataratas, ou o investigador Anaclet Ngezahayo (Universidade de Hannover, Alemaña) sobre a regulación da actividade da proteína conexina26 en células do sistema respiratorio. Ademais, entre os traballos que se presentarán destacan os traballos punteiros das investigadoras do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña Amanda Guitián Caamaño e Marta Varela Eirín que serán expostos no congreso e versarán sobre novas dianas terapéuticas para o tratamento do melanoma e para aumentar a eficacia a terapias dirixidas e sobre a implicación da conexina43 en inflamación e senescencia en enfermidades asociadas á idade como a artrose, respectivamente.

Entre os participantes cabe destacar as conferencias maxistrais de Leigh Anne Swayne, profesora asociada da División de Ciencias Médicas da Universidade de Vitoria, Canadá, experta no estudo do papel das panexinas en enfermidades neurolóxicas; Patricia Martin, profesora en Bioloxía Celular da Universidade de Glasgow Caledonian, experta no estudo do papel das conexinas en enfermidades da pel; Dale W. Laird, catedrático da Universidade de Ontario Occidental (Ontario, Canadá) que describiu ao longo da súa carreira diferentes enfermidades que se producen por mutacións nas conexinas e estudou amplamente a función destas proteínas en cancro e outras patoloxías; Luc Leybaert, catedrático da Universidade de Gante, Bélxica, un dos grandes expertos en comunicación celular a través de canles de conexinas/panexinas e o seu papel en inflamación; Paul Sorgen, profesor do Centro Médico da Universidade de Nebraska (USA), experto no estudo dos mecanismos implicados en patoloxías cardíacas; e Viviana Berthoud Barrandeguy, profesora do departamento de Pediatría-Hematoloxía/Oncoloxía da Universidade de Chicago (USA), experta no papel das mutacións das conexinas en enfermidades oculares.

Este congreso internacional é unha oportunidade para visibilizar aos investigadores novos que terán a oportunidade de interaccionar con investigadores referentes neste campo. Durante o congreso faranse entrega de nove premios “Emerging Star Awards”, sendo catro deles outorgados a investigadores considerados como líderes emerxentes no seu campo de investigación: Francisca Acosta, investigadora postdoutoral na Universidade de Texas (USA), que discutirá como a actividade das canles de Cx43 en células do óso poden afectar a enfermidades metabólicas; Nafiisha Genet, investigadora postdoutoral da Universidade de Virginia (USA), mostrará os seus resultados sobre a función da conexina 43 en rexeneración neuronal; Joseph Palatinus, investigador postdoutoral na Universidade de Utah (USA), presentará resultados sobre o papel protector dunha subunidade da proteína conexina 43 no tratamento de arritmias; e Kirk Taylor, investigador postdoutoral da Universidade de St. George (UK), que expoñerá o seu traballo sobre o papel das canles de conexinas na comunicación entre plaquetas e na formación de trombos. Ademais, tamén defenderán os seus traballos e serán premiados os investigadores/as Teresa Ribeiro Rodrigues (Universidade de Coimbra, Portugal), Tânia Martins Marqués (Universidade de Coimbra, Portugal), Paula Carpintero Fernández (INIBIC, España), Rocío Talaverón (Universidade de Salamanca, España) e Filippo Molica (Universidade de Xenebra, Suíza).

Universidade da Coruña, 2022-07-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) Foron presentados os novos equipamentos do Centro de Supercomputación de Galicia) instalación que vai incorporar un segundo computador cuántico, denominado IQM Spark. O novo supercomputador e os dous novos computadores cuánticos que se van adquirir situarán a nosa Comunidade na vangarda europea en canto a capacidade de almacenamento de datos e participación en grandes proxectos internacionais. En canto aos computadores cuánticos, o de menor capacidade (5 cúbits), dedicarase exclusivamente a tarefas de formación, probas de concepto e de algoritmia, complementando así ao de maior capacidade (54 cúbits), que será o buque insignia.
Foto de la tercera plana (autopista-ap9.jpg) A Xunta exixe o rescate da AP-9 e asina cos Gobernos de Asturias e Castela e León e o tecido empresarial das tres comunidades a Declaración Compostela, que insta á Comisión Europea a culminar o ditame sobre as prórrogas da AP-9 e AP-66. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu no encontro 'As infraestruturas viarias do Noroeste', organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia.

Notas

O próximo 12 de agosto a Península Ibérica vivirá un dos eventos astronómicos máis importantes do século: unha eclipse total de Sol. Pola súa posición xeográfica, a súa climatoloxía e a súa contorna histórica-monumental, a cidade de Lugo foi sinalada como un dos mellores destinos de toda Europa para contemplar este fenómeno na súa máxima plenitude.
A VIII edición do congreso da Sociedad de Estudios de Cerámica Antigua en Hispania (SECAH) está estes días celebrándose no campus de Ourense, cunha visita tamén a Lugo. A cita reúne a 80 especialistas de España e Portugal e conta cun programa formado por 50 relatorios e 35 pósters nos que se abordan as últimas novidades e proxectos neste eido de investigación.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES