Notas de prensa

O sector pesqueiro galego xa percibe os efectos do cambio climático, que ameaza o funcionamento dos sistemas mariños

O proxecto 'Clock: Adaptación á redistribución dos stocks pesqueiros' chega ao seu fin logo de seis anos de actividade, nos que o grupo de investigación Future Oceans Lab do CIM da UVigo, que dirixe Elena Ojea, afondou no coñecemento científico sobre a adaptación da pesca aos impactos do cambio climático desde unha perspectiva socio-ecolóxica.

'O balance é moi positivo, xa que Clock, ademais de que nos permitiu fundar o noso propio grupo de investigación, Future Oceans Lab, tamén fixo posible que desenvolvésemos casos de estudo en profundidade, como a adaptación do sector pesqueiro artesanal en Galicia e en Nayarit (México), ou do sector de túnidos tropicais do País Vasco', explica Elena Ojea.

O proxecto do Consello Europeo de Investigación (ERC) identificou ao longo destes anos rutas de adaptación, maladaptación (ou malas prácticas) e proporcionou información sólida para a toma de decisións. Os principais resultados de Clock, que hoxe foron dados a coñecer nun evento no que participaron as confrarías galegas e representantes da Xunta de Galicia, amosan que o sector xa percibe os efectos do cambio climático en Galicia, que está a ameazar o funcionamento dos ecosistemas mariños, onde aparecen novas especies ou cambios nos hábitats. “Isto impacta na actividade pesqueira, producindo cambios nas capturas, maiores riscos no mar, maior custo da actividade”, detalla a investigadora de Future Oceans Lab, que tamén destaca que estes impactos chegan aos sistemas sociais en forma de incremento da vulnerabilidade do sector, así como perda no capital social e na tradición.

Un sector que segue “un camiño de adaptación”

As investigacións realizadas ao abeiro do proxecto Clock, que nalgúns casos foron lideradas por alumnado de doutoramento que xa defendeu as súas teses como Iratxe Rubio, Diego Salgueiro-Otero e Alba Aguión, permitiron chegar a outras conclusións como que de maneira xeral, ante os impactos negativos nas capturas, a meirande parte dos pescadores e pescadoras, así como das mariscadoras, seguen “un camiño de adaptación” no que pasan de adaptarse a transformarse e abandonar o sector conforme os impactos aumentan. “Nestes casos, a maior parte dos pescadores escollen estratexias de diversificación de recursos e de artes. Cómpre destacar tamén que a maior parte das persoas dedicadas ao sector pesqueiro están orgullosas do seu traballo e senten unha gran responsabilidade para traballar pola conservación do medio mariño e na sostibilidade do recurso”, razón pola que, segundo Elena Ojea, reclaman da administración e das e dos científicos accións que lles permitan continuar co seu traballo.

Aínda que a pandemia obrigou a cambiar unha das zonas de estudo e pedir un prórroga dun ano para facer a investigación prevista en Nayarit, “que está sendo un éxito”, o proxecto cumpriu cos obxectivos fixados inicialmente. “Propoñemos un novo marco de traballo para o estudo da adaptación da pesca ao cambio climático dende unha perspectiva socio-ecolóxica”, sinala Elena Ojea, que tamén destaca o impacto acadado polo proxecto na toma de decisións, tanto a nivel nacional, como internacional, como a participación no informe do IPC sobre cambio climático e en iniciativas como o Panel de Alto Nivel para a Economía Sostible dos Océanos. “A nivel rexional, achegámonos ao sector pesqueiro e establecemos unha relación de traballo e de confianza. Este é o caso das confrarías galegas e estamos facendo agora o mesmo en México”, explica a investigadora.

Boa disposición das institucións galegas e vascas e transferencia de resultados

Dado que o proxecto pretendía desenvolver un marco de traballo conceptual para a adaptación da pesca aos impactos do cambio climático, escolléronse diferentes sistemas de pesca, que permitiran unha perspectiva rexional e global: un sistema artesanal, que é o caso de Galicia e Nayarit e un sistema de pesca industrial, como o dos túnidos tropicais do País Vasco. “Temos que agradecer a boa dispoñibilidade ofrecida polas institucións galegas e vascas. Cando contactamos con elas sempre se mostraron dispostas a axudar e facilitar o noso traballo na medida do posible. No caso do País Vasco fixemos un libro divulgativo que se lles regalou aos participantes e nos outros dous escenarios fixemos obradoiros presenciais onde Diego Salgueiro, en Galicia, e Xochitl Elías, en México, presentaron aos pescadores os nosos resultados e recolleron o sentir do sector”, detalla a responsable de Future Oceans Lab, que considera esta unha fase especialmente gratificante.

Ademais do evento celebrado hoxe coas confrarías e a Xunta no que se presentaron os resultados acadados e estes foron discutidos polos axentes implicados na toma de decisións, o proxecto tamén transferirá os seus resultados a través dunha proba concepto na que se está a traballar e que permitirá trasladar os resultados científicos á sociedade.

Universidade de Vigo, 2022-07-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES