Notas de prensa

Vigo convértese en epicentro do debate sobre estudos literarios, culturais e de tradución e interpretación

As investigadoras e investigadores en estudos literarios, culturais e tradución e interpretación teñen esta semana unha cita na UVigo, onde botou a andar o I Coloquio Internacional BiFeGa: Literatura, Cultura e Tradución e Interpretación, unha cita organizada polo grupo de investigación BiFeGa-UVigo, un equipo composto na actualidade por máis de medio cento de especialistas, na que participan como poñentes 25 expertas e expertos.

A apertura do encontro, que pode seguirse en directo a través de UVigoTv, correu a cargo do director do grupo, Burghard Baltrusch, profesor da Universidade de Vigo especializado en Literaturas Lusófonas e presidente da I Cátedra Internacional José Saramago, quen fixo unha breve presentación da historia e situación do grupo, destacando a diversidade das súas liñas de investigación e áreas de coñecemento e facendo unha reflexión sobre a posibilidade de potenciar a cohesión interna de cara á necesidade de competir nun contexto que esixe excelencia e impacto internacional da produción científica, así como de futuras convocatorias de axudas. “Un dos obxectivos principais deste coloquio é visibilizar o labor investigador do grupo, reforzar as sinerxías e a súa cohesión, amosando unha das súas características fundamentais: a interdisciplinariedade”, indicou o docente.

Máis de medio cento de investigadoras e investigadores

Sobre o nacemento do grupo, o profesor Baltrusch explicou que BiFeGa naceu da unión de tres grupos de investigación históricos na Facultade de Filoloxía e Tradución: Bitraga, o Feminario, e o grupo GAELT. Hoxe son xa, segundo recalcou, máis de medio cento de investigadoras e investigadores que traballan en sete grandes liñas de investigación. Desde Bitraga, liña de investigación dirixida na actualidade pola profesora Silvia Montero, céntranse na análise do panorama e o desenvolvemento da tradución en Galicia; por parte do Feminario manteñen abertas dúas liñas de investigación máis específicas, unha centrada nos estudos sobre globalización -dirixida pola profesora Belén Martín Lucas-, e outra sobre feminismos, resistencias e estudos poscolinais -da que é responsable a profesora Ana Bringas-. Desde GAELT hai dous campos de estudo abertos, un sobre estudos literarios galegos –a cargo do profesor Manuel Forcadela- e outro sobre estudos lusófonos e de tradutoloxía, onde se inclúe a I Cátedra Internacional José Saramago –a cargo do propio Baltrusch-. A estas cinco liñas de investigación uníronse outras dúas, unha específica de Intepretación –dependente da docente Maribel del Pozo- e outra sobre terminoloxía –a cargo de Iolanda Galanes-.

De Gran Bretaña a Estados Unidos, pasando por Arxentina e Brasil

O coloquio nace, tal e como se destacou na presentación, do desexo do grupo de contribuír a unha divulgación científica de calidade no ámbito das Humanidades. Nesta liña, Baltrusch destacou a ampla proxección internacional do grupo, desde onde se teceron xa alianzas con outras universidades a nivel global, como a University of Warwick, en Gran Bretaña; a University of Maine, en Estados Unidos; ou as Universidad Nacional de La Plata, na Arxentina; a Università degli Studi di Padova, en Italia, e a Universidade Federal Rio Grande do Sul, no Brasil, entre outras. “Este primeiro coloquio internacional está aberto ao público en xeral, aínda que pode ser de especial interese para investigadoras/es doutros ámbitos pola súa conexión cos eidos histórico, filosófico, político e social”, salienta o investigador.

De carácter semipresencial, a conferencia de apertura correu a cargo da galega Olga Castro, profesora de Estudos de Tradución na Universidade de Warwick, onde dirixe o mestrado Translation and Cultures e onde é subdirectora de estudos de posgrao na Escola de Linguas e Culturas Modernas. Participou no encontro de maneira virtual cun relatorio no que fixo un repaso sobre o xeito no que se adoita presentar a profesión da tradución nos mestrados universitarios do mundo occidental, con especial énfase no espazo anglosaxón. Ao tempo tratou tamén de avaliar ata que punto a profesión da tradución pode ser sustentable desde un punto de vista económico, social e ambiental.

A presenza internacional no coloquio vai chegar tamén da man de Gabriela Luisa Yáñez, tradutora e intérprete autónoma en conferencias e profesora da Universidad Nacional de La Plata, e de Kathleen Nora March, catedrática emérita de español na University of Maine, quen será, o xoves ás 12.30 horas, a encargada de impartir a conferencia de clausura. Fonda coñecedora da literatura galega, a relación desta filóloga estadounidense, experta en estudos hispanos, latinoamericanos e portugueses, con Galicia remóntase a 1975 cando chegou aquí para investigar sobre a poesía de Manuel Antonio, estudo ao que logo lle seguirían outros sobre Carvalho Calero, Castelao, Luz Pozo, Xohana Torres e tamén Rosalía de Castro. Nesta ocasión a súa intervención realizarase baixo o título De mar a mar. Por que internacionalizar a literatura galega, para que e como facelo?

Escaparate da investigación humanística feita na UVigo

En total presentaranse ao longo destes tres días máis de 20 relatorios, intervencións a través das que se dará boa conta do labor investigador do grupo BiFeGa-UVigo. Entre outras cuestións, están previstos varios relatorios sobre feminismos e resistencias, modelos de diálogos de interpretación, estudos literarios galegos e estudos lusófonos, interpretación para mulleres xordas en contextos de violencia de xénero, representación do homoeroticismo no exército ou o biopic feminista afroamericano.

Como exemplos concretos de proxectos desenvoltos desde a Universidade de Vigo presentaranse, entre outros, o proxecto JustiSings 2, dirixido pola profesora Maribel Del Pozo, actual vicerreitora de Internacionalización e co que se busca a mellora na comunicación entre mulleres xordas, migrantes ou solicitantes de asilo que non falan as linguas oficiais do país no que se atopan e que son vítimas de violencia de xénero e os profesionais que as atenden nos diferentes servizos (sanitario, policía, avogacía...). Falarase tamén do Catálogo da Tradución Galega, posto en marcha no 2004 e que está dispoñible para a súa consulta en liña, ou da Rede Galega de Estudos Queer, unha asociación de persoas a cabalo entre a academia e o activismo que quere dar visibilidade e movemento aos estudos de xénero e LGBTIQ+ en Galicia.

Universidade de Vigo, 2022-07-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (mit-ribadavia-2025.jpg) A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia reunirá do 17 ao 25 de xullo 25 espectáculos procedentes de Galicia, Portugal, Francia, México e diferentes comunidades autónomas, nunha 42ª edición atravesada pola creación contemporánea, a diversidade de linguaxes e formatos, a memoria histórica, a música en directo e a capacidade da escena para activar pensamento crítico e experiencia colectiva. Entre estas propostas figura A Fortaleza, da compañía A Feroz, coproducida polo Centro Dramático Galego e o festival FITEI do Porto. A obra, dirixida pola portuguesa Raquel Sousa e con dramaturxia de Lorena Conde e da propia Sousa, recupera a memoria das guerrilleiras antifranquistas galegas a través da figura de Consuelo Rodríguez López, Chelo.
Foto de la tercera plana (ateneo-barroco-2026.jpg) O Festival de Música Antiga e Barroca Ateneo Barroco celebrará do 6 ao 20 de outubro a súa oitava edición cun programa articulado arredor da música antiga, os instrumentos históricos, a divulgación e o encontro co público. O certame compostelá ofrecerá seis concertos en diferentes espazos da capital de Galicia, ademais de cinema documental, unha conferencia, unha acción de improvisación, un club de lectura e varios encontros cos artistas. A programación principal de Ateneo Barroco desenvolverase en espazos como a Igrexa da Universidade, o Teatro Principal, o Salón Teatro e o Paraninfo da Universidade. O calendario de recitais abrirase con Lina Tur Bonet e Bach, partita, sonata, e continuará con Ars Atlántica, Resonet, Arc & Volta e Bertrand Cuiller, antes do peche con Accademia del Piacere e Fahmi Alqhai en In dulci jubilo.

Notas

'A idea tomou corpo nun rato de charla espontánea, pero porque xa nos roldaba', recoñece Fernando Romo Feito, editor e tradutor da Eneida en verso ao castelán, publicada por La Oficina de Arte y Ediciones. Precisamente foi cos editores da obra cos que o docente e investigador xubilado da UVigo Fernando Romo mantivo hai tres anos esa conversa e da que xurdiu unha obra sobre a que asegura 'de non gustarlles o resultado, sei que non a sacarían'.
Un equipo do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia rexistrou unha nova metodoloxía que permite elaborar análises económicas e ambientais cun nivel de detalle territorial moi superior ao que ofrecen as ferramentas convencionais. Denomínase Path-Q-Plus para a interrexionalización de marcos contables input-output, investigación da tese de doutoramento de Uvenny Quirama Estrada, dirixida por Xesús Pereira López e Melchor Fernández Fernández.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES