Notas de prensa

Ourense será en outubro centro de debate sobre os retos de futuro do sector turístico

O campus de Ourense acollerá en outubro o XXII Congreso Internacional de Turismo da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo (Aecit). Especialistas tanto do eido académico e investigador como profesional e institucións abordarán os retos de futuro do novo turismo, como son a innovación, a dixitalización, a sostibilidade e a competitividade, nun momento de profunda transformación do sector.

O evento foi presentado este venres no campus de Ourense por representantes das entidades organizadoras e colaboradoras. No acto, Elena Rivo, comisionada de Coordinación Institucional da Universidade de Vigo, salientou que este congreso é un exemplo “do grande apoio institucional” que ten o campus de Ourense, tanto pola Xunta de Galicia como pola Deputación e o Concello de Ourense. A responsable académica puxo en valor o feito de que este congreso se celebre na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo onde, recalcou, se imparte un Grao en Turismo “moi forte e activo”, un programa conxunto dos graos en Turismo e Xeografía e Historia, un Máster en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde e un programa de doutoramento.

Nava Castro, directora Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, destacou a importancia estratéxica do turismo na comunidade e salientou a necesidade de falar del en termos de “cantidade pero tamén de calidade”. Neste senso, lembrou como o sector representa arredor do 11% do PIB e o 12% do emprego e como actualmente a comunidade ten cifras históricas de visitantes. Porén, recalcou, á hora de falar do novo turismo “hai que falar de calidade” e subliñou que “a calidade pasa precisamente por estes eixos que se propoñen neste congreso”, apuntando a importancia de ferramentas como a dixitalización e a sostibilidade para seguir mellorando. Do mesmo xeito, Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, subliñou na súa intervención que o turismo é “un eixe estratéxico” da provincia e amosou a súa satisfacción porque este congreso se organice desde o campus de Ourense, “unha fábrica de talento”, dixo. O responsable provincial lembrou o compromiso do órgano que preside co desenvolvemento do campus ourensán desde a súa creación e cos seus estudos relacionados co Turismo, financiando recentemente a convocatoria de 45 bolsas para para o alumnado matriculado no curso 2022/2023 no Grao en Turismo ou no programa conxunto (PCEO) dos graos de Turismo e Xeografía e Historia.

Pola súa banda, Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, amosou o “orgullo” do seu centro por acoller “este grande evento científico e profesional de relevancia nacional e internacional” e Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo, subliñou a importancia das catro temáticas abordadas no congreso pois, dixo, “se temos todo iso temos boa rendabilidade”. Por último, Armando Ojea, tenente alcalde de Ourense, salientou que “é importante que congresos coma este teñan lugar nesta cidade”, apuntando a súa repercusión no eido turístico.

Catro temáticas

José Antonio Fraiz, presidente do comité organizador do congreso, arrancou a súa intervención agradecendo a implicación das entidades presentes na celebración desta cita. O docente salientou as razóns académicas que fan acaída a celebración en Ourense deste evento pero tamén as razóns de índole turística. Así, por unha banda puxo en valor a oferta formativa de grao, mestrado e doutoramento que se realiza na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense e por outra a pertinencia da súa celebración en Galicia tendo en conta que este ano é Ano Xacobeo e a aposta da cidade e da provincia de Ourense polo sector turístico.

O presidente do comité organizador foi o encargado de debullar os detalles do XXII Congreso Internacional de Turismo da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo (Aecit). Aecit é unha asociación sen ánimo de lucro que agrupa persoal docente e investigador e profesionais de recoñecido prestixio no ecosistema do sector do turismo, das empresas, das universidades, das institucións e das consultoras en España. Nada en 1994 por iniciativa dun grupo de docentes de diferentes universidades españolas motivados pola crecente importancia do sector turístico no país e pola importancia de transferir coñecementos entre as distintas universidades, empresa e a sociedade, na actualidade, a entidade conta con máis de 250 socios, entre eles a Universidade de Vigo. Esta será a segunda vez que a provincia acolla un congreso internacional de Aecit, xa que en 2012 celebrouse unha anterior edición, tamén coordinada desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo ourensá, na que participaron máis de 500 persoas.

O congreso márcase como obxectivos crear un foro de encontro de profesionais e investigadoras e investigadores nacionais e internacionais interesados nas temáticas turísticas, que permita establecer sinerxía entre o mundo académico científico, os responsables de xestión pública e o sector empresarial; facilitar a actualización de coñecementos sobre aspectos de planificación e xestión turística e coñecer diferentes modelos de xestión e explotación dos recursos turísticos. Igualmente quere propiciar o encontro e a colaboración entre o sector científico académico e o mundo empresarial, fortalecer os contactos entre institucións e equipos de investigación interesados en elaborar informes e desenvolver proxectos para a mellora da competitividade turística e estimular vínculos con terceiros países en materia de investigación turística. Tamén quere “pór en valor o potencial científico, económico, patrimonial e turístico da cidade e a provincia de Ourense como referente internacional en materia turística, especialmente en termalismo, establecendo sinerxía con institucións crave na nosa provincia”.

A temática elixida para esta edición é o novo turismo: a innovación, a dixitalización, a sostibilidade e a competitividade do sector. Cada un destes eixes contará cun relator convidado relevante nesa área e unha mesa de debate con representación empresarial, da administración pública e académica/investigadora. Tamén haberá un espazo para a presentación e discusión dos distintos traballos de investigación. Neste senso, desde a organización sinalan que teñen recibido máis de 100 propostas de comunicacións de 28 universidades de diferentes puntos da xeografía estatal e de Portugal, México, Chile e Brasil, principalmente das áreas de márketing turístico, turismo e novas tecnoloxías e competitividade turística.

Universidade de Vigo, 2022-06-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES