Notas de prensa

O proxecto europeo Women Entrepreneurs in Action fomenta o espírito emprendedor nas estudantes

Co obxectivo de fomentar o emprendemento desde unha perspectiva de xénero, desde setembro de 2019 a Universidade de Vigo e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) participan no proxecto europeo Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN! (Mulleres Emprendedoras en Acción). A súa programación inclúe o desenvolvemento de diferentes mobilidades entre mulleres dos países participantes, que son ademais de España, Francia, Bélxica e Alemaña.

Ao seu abeiro, esta semana un grupo de universitarias alemás está en Ourense para afondar no emprendemento feminino e madurar as súas ideas emprendedoras. Ademais, a iniciativa ofrece no mes de abril un programa de formación para emprendedoras.

Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN! conta con financiamento da Comisión Europea, formando parte do programa de Alianzas Estratéxicas Erasmus+ para a educación e a formación profesional, e está dirixido a mulleres emprendedoras con proxectos de menos de tres anos de actividade ou mulleres cun proxecto de creación de empresa. Ademais da Universidade de Vigo e da CEO, son socios da iniciativa o Eléo Conseil e a Societè Interfaces, de Francia; a Universitat des Saarlandes, de Alemaña, e a Association des Mompreneurs de Belgique, de Bélxica. A participación de Ourense está liderada, a través do Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da UVigo, pola profesora Elena Rivo.

Mobilidades para alumnas da UVigo e Saarlandes

“O noso proxecto, que remata en agosto de 2022, trata de fomentar o emprendemento feminino. Levamos xa tres anos e xa foron moitas as actividades desenvolvidas”, explica Elena Rivo. Entre as levadas a cabo por parte da UVigo e a CEO están un programa de formación sobre emprendemento, titoriais formativos, un taller de creación de negocio propio, a elaboración dun cómic titulado Mulleres en acción. Unha guía para o emprendemento e as citadas mobilidades. Estas mobilidades, detalla a profesora, están destinadas tanto a mulleres emprendedoras como a estudantes con afán emprendedor. Así, se o pasado mes de outubro acudiron a Ourense un grupo de emprendedoras de Alemaña e Bélxica, esta semana fano estudantes procedentes da Universitat des Saarlandes, situada na cidade alemá de Saarbrücken, e socia do proxecto Women Entrepreneurs in Action WE'RE IN!.

Ao longo de tres días, as estudantes teñen previsto visitar o campus de Ourense, especialmente a súa Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e a Confederación Empresarial de Ourense, para falar de emprendemento feminino e tamén das súas propias ideas de negocio, entre elas a creación dunha aplicación de xeración de contidos educativos de forma dinámica e atractiva para fomentar a motivación en diferentes ámbitos do ensino. A delegación alemá está formada por Ingrida Krivickaite, Aysenur Bilgin-Cabuk e Tina Trier, acompañadas por Niklas George, membro do equipo alemán participante no proxecto. Na súa visita ao campus puideron ademais coñecer as características e potencialidades da Universidade de Vigo, especialmente no que se refire ás titulacións e iniciativas afíns ao seu ámbito de interese.

Esta visita, detalla Elena Rivo, terá a súa contrapartida na que realizará un grupo de sete estudantes dos graos de Administración e Dirección de Empresas (ADE); ADE-Dereito e Turismo do campus de Ourense á Universitat des Saarlandes coincidindo coa Semana Santa, en abril. “O intercambio pode achegarlles ás nosas alumnas unha experiencia internacional moi positiva, coñecendo unha facultade que está especializada en emprendemento e compartindo ideas con estudantes coma elas. Ademais, está o feito de que terán que facer a exposición dos seus propios proxectos e ideas emprendedoras, terán que facer o esforzo de plasmalas por escrito e expolas ante o profesorado e alumnado alemán”, subliña a coordinadora do proxecto.

Andrea Maquieira, estudante de cuarto curso do programa conxunto de ADE-Dereito da UVigo, é unha desas estudantes do campus de Ourense que participará nestas mobilidades e que estes días acompaña ás alumnas alemás na súa visita a Ourense. No seu caso, explica, irá a Saarbrücken con outras tres compañeiras de estudos e presentarán unha idea de emprendemento arredor “dunha asesoría relacionada cos temas ambientais, para asesorar a empresas e entidades buscando diminuír as externalidades negativas da contaminación”. A súa participación neste proxecto europeo, apunta, “é unha posibilidade que valoramos moito e que consideramos fantástica”. Así, destaca a estudante, decidiron participar xa que “pareceunos unha boa iniciativa para aprender e tamén para saír ao estranxeiro, ademais dunha experiencia interesante para incluír no noso currículum”. Debido á pandemia e ás características do seu programa conxunto, apunta Andrea Maquieira, ela e as súas compañeiras de grupo non tiveron a oportunidade de realizar unha estadía fóra de España ata o momento, polo que esta será a súa primeira incursión académica no estranxeiro. Polo que respecta posibilidade de emprender, sinala, “nunca se descarta” pois, apunta, “aínda que quizais para nós aínda non é o momento, porque somos moi novas e estamos estudando, no futuro pode ser unha boa alternativa”.

Formación virtual

No marco do proxecto WE´RE IN a Universidade de Vigo e a Confederación Empresarial de Ourense tamén organizan un Programa de Formación en Emprendemento dirixido a mulleres. Trátase dun curso gratuíto orientado a mulleres que teñen un proxecto de creación de empresa e/ou mulleres xa empresarias (con menos de tres anos de actividade). Desenvolverase on-line a través de la plataforma Zoom, desde o 31 de marzo ata o 29 de abril, cun total de 30 horas de formación. O obxectivo do programa é proporcionar ás participantes unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa para poder determinar oportunidades de mercado e desenvolver o seu plan de negocio ou mellora. Con este obxectivo, contempla un programa de asesoramento práctico e individualizado que lles posibilite ás participantes coñecer a súa verdadeira situación e poder actuar en consecuencia.

Universidade de Vigo, 2022-03-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (turismo-santiago.jpg) Estase a celebrar a Asemblea Xeral anual de NECSTouR, a rede de rexións europeas centrada en promover o turismo sostible e competitivo. A xuntanza que se desenvolve baixo o lema 'Turismo e cultura: da creación ao legado -construíndo territorios resilentes e conectados' ten lugar estes días en Bourges, no Val de Loira (Francia), e no marco da mesma, a entidade vén de acordar a celebración da vindeira cita anual en Galicia coincidindo co Xacobeo 2027. En NECSTouR están representadas un total de 44 rexións europeas e 32 organizacións académicas, asociacións e redes de empresas de turismo sostible, que representan a 19 países europeos.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-rapaces.jpg) Alfonso Rueda anunciou que Galicia será a primeira comunidade que regule os exames virtuais para o ensino público non universitario. Esta regulación para a 'educación do futuro', que se encadra na futura Lei de educación dixital, contempla o emprego de 'sistemas biométricos que garantan a autenticidade dos resultados' no caso de probas a distancia sen supervisión docente. Neste sentido, cómpre lembrar que esta Lei incorporará outras medidas destinadas a responder os retos presentes e futuros da educación, como que a comunicación entre profesores e familias se produza só a través de Abalar, a prohibición de gravar clases sen autorización, ou a regulación do uso da intelixencia artificial ou do móbil nas aulas.

Notas

A materia ordinaria representa apenas o 5% do Universo. O resto segue sendo un misterio para a Humanidade: non sabemos de que está composta, nin como se comporta. Estímase que a maior parte é enerxía escura, e o resto (ao redor dun 27%) é a materia escura, unha substancia que ten masa, e que se delata pola súa atracción gravitatoria sobre as galaxias, pero que non emite nin absorbe luz e que nunca foi detectada directamente nun laboratorio.
Seleccionado na sétima convocatoria do programa Interreg Poctep 2021-2027, o proxecto Activa Rural Transfronteirizo reúne 17 institucións e entidades de diferentes puntos de España e Portugal, entre as que se atopa a Universidade de Vigo, co propósito de abordar o envellecemento da poboación nas zonas rurais transfronteirizas e ofrecer respostas á fenda dixital e ao desigual acceso aos servizos asistenciais nestas áreas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES