Notas de prensa

A UDC acada un éxito histórico coa captación de seis novos investigadores de alto nivel na última convocatoria do programa Ramón y Cajal

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presentou na Reitoría, xunto co vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, os seis novos investigadores de alto nivel captados na última convocatoria Ramón y Cajal. Alejandro Criado Fernández, Roberto Javier Brea Fernández, Óscar Ibáñez Panizo, e Armand Hernández Hernández están xa incorporados na UDC.

O reitor subliñou a trascendencia deste día para a Universidade da Coruña, “un dos días máis importantes para a Universidade” pola incorporación destes seis investigadores novos que se suman aos anteriores Ramón y Cajal e que leva a que este ano haxa activos 16 investigadores grazas a este programa, un fito histórico e que responde á política científica impulsada por este equipo de goberno hai seis anos. “Puxémonos como meta abrir unha liña propia da UDC para captar talento. “Para a Universidade é fundamental contar con persoal que está iniciando a súa carreira investigadora con liñas e ideas propias que incrementen ás existentes”, sinalou destacando a importancia de captar talento pero máis aínda de “reter e estabilizar ese talento”, para o que se deseñou un sistema para que estes investigadores excelentes poidan establecerse e consolidarse na Universidade da Coruña. “A UDC vai crearvos unha carreira profesional”, díxolle o reitor aos investigadores apuntando que “o reto é seguir creando ese ecosistema que permita que a vosa investigación se desenvolva nas mellores condicións”. Abalde agradeceu ao persoal da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) todo o traballo de xestión que están a realizar para captar talento investigador.

O vicerreitor Naya destacou o nivel dos investigadores que conseguiron estas axudas Ramón y Cajal, “o programa máis competitivo de España” e valorou a súa incorporación á Universidade da Coruña como o mellor elemento para prestixiala. “O mellor plan estratéxico que pode ter a universidade é captar ao mellor talento”, afirmou.

As axudas Ramón y Cajal, pertencentes ao Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Innovación, teñen como finalidade a incorporación de persoal investigador excelente aos axentes do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, como as universidades. Estas accións, de cinco anos de duración, destacan polo seu prestixio e a súa natureza extremadamente competitiva e son unha referencia a nivel nacional nos programas de captación de talento, xa que ademais garanten a estabilización posterior. O limitado número de axudas Ramón y Cajal, o prestixio asociado a elas e o impacto que teñen nos indicadores de financiamento das universidades, fai deste programa altamente competitivo.

A Universidade da Coruña acadou un éxito histórico nesta última convocatoria coa concesión destas seis axudas. En tres anos, a UDC pasou de ter tres investigadores Ramón y Cajal a ter activos en 2022 un total de 16 científicos de alto nivel.



Perfil dos investigadores

- Alejandro Criado Fernández. Doutor en Química Orgánica (2013) pola Universidade de Santiago de Compostela. Despois dun período na Universidade de Trieste, incorporouse en 2015 ao centro de investigación CIC biomaGUNE en San Sebastián, onde desenvolveu nanomateriais modificados para a súa aplicación en biomedicina. En 2021, incorporouse como Investigador Distinguido da Xunta de Galicia ao Centro de Investigacións Avanzadas (CICA) da UDC. Desde o pasado 1 de marzo de 2022, é investigador Ramón y Cajal na UDC, coliderando o grupo de investigación Nanochemistry and Self-Assembly for Biological Sciences (NANOSELF4BIO). A súa investigación céntrase nos novos métodos de preparación e modificación de nanoestruturas de carbono para o desenvolvemento, principalmente, de sensores de alto rendemento. Nun futuro, estes dispositivos poderían permitir a detección temperá de enfermidades e infeccións víricas cunha maior sensibilidade, rapidez e eficacia.

- Roberto Javier Brea Fernández. Doutor en Química Orgánica (2013) pola Universidade de Santiago de Compostela. Despois dunha etapa posdoutoral na University of California, San Diego (EEUU), uniuse en 2021 ao Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da UDC como investigador distinguido da Xunta de Galicia, e desde o pasado 1 de marzo de 2022 é investigador Ramón y Cajal. Na UDC, lidera o grupo de investigación Biomimetic Membrane Chemistry (BioMemChem) centrado no desenvolvemento de estratexias químicas para xerar estruturas autoensambladas, controlar a formación in situ de lípidos e modular a modificación de proteína en células vivas e organismos.

- Óscar Ibáñez Panizo. Doutor en Enxeñaría Informática pola USC (2010). Desenvolveu os seus estudos en seis universidades diferentes (Salamanca, Coruña, Santiago, Granada, UNED e Alicante) e estancias internacionais en laboratorios de alto prestixio en EEUU, Escocia, Francia e Israel. Incorporouse á UDC como Ramón y Cajal o pasado 1 de febreiro no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC). O seu traballo está centrado na investigación e transferencia de técnicas de Intelixencia Artificial co obxectivo de crear solucións con impacto social, con especial interese no ámbito dos dereitos humanos (identificación forense), ámbito no que é cofundador da start-up Panacea Cooperative Research.

- Armand Hernández Hernández. Paleoclimatólogo e Doutor en Ciencias da Terra polo Instituto de Investigación Geociencias Barcelona do CSIC (2010). Tras un período na Universidade de Lisboa, volveu ao GEO3BCN do CSIC. Incorporouse á UDC como Ramón y Cajal o pasado 1 de febreiro no Centro de Investigacións Avanzadas (CICA). A súa investigación céntrase no estudo do clima do pasado e do presente empregando indicadores bioxeoquímicos. A súa investigación axudará a probar, validar ou mesmo corrixir as proxeccións do impacto do cambio climático actual.

- Silvia Martínez Ferreiro. Doutora en Ciencia Cognitiva e Linguaxe pola Universitat Autònoma de Barcelona (2010). Tralo seu doutoramento, tivo a oportunidade de desenvolver diversos proxectos sobre trastornos adquiridos da linguaxe en varios países europeos, incluíndo entre outros Holanda, Dinamarca e Francia, así como de colaborar en múltiples proxectos internacionais con América e Australia. Actualmente é investigadora posdoutoral na Université de Toulouse, e incorporarase como Ramón y Cajal na UDC o vindeiro 1 de maio.

- Saúl Beceiro Novo. Doutor en Física Nuclear pola Universidade de Santiago de Compostela (2011). Tralo seu doutoramento, incorporouse á Universidade de Míchigan (EEUU) como investigador posdoutoral e traballou no National Superconducting Cyclotron Laboratory (NSCL). Despois de varios anos na Universidade de Míchigan, retornará ao seu Ferrol natal para incorporarse como Ramón y Cajal no Campus Industrial de Ferrol o vindeiro 1 de maio. A súa área de especialización abarca a astrofísica e física nuclear.

Todos os investigadores, salvo Saúl Beceiro que non puido estar, destacaron as boas condicións dadas pola Universidade da Coruña “que non se ofrecen noutras universidades”, que facilitou a decisión de incorporarse a esta universidade.



Captación de talento UDC

A UDC é pioneira na nosa contorna no desenvolvemento de accións específicas encamiñadas á incorporación de investigadores excelentes a nosa institución, como por exemplo o programa InTalent coa colaboración de INDITEX, que tan bos resultados deparou á institución nos últimos anos.

Ademais, desde hai varios anos, a UDC conta cun programa propio, denominado Berce (Benvida, Estabilización e Retorno da Ciencia Excelente). Coordinado pola Área de Ciencia Excelente e Captación de Talento da OTRI da UDC, este programa ten como obxectivo fomentar o apoio á excelencia como estratexia, e atraer talento excelente de calquera parte do mundo á UDC. O propósito deste programa é construír as bases para que os investigadores atopen na UDC o ambiente adecuado para levar a cabo, con todas as garantías, a súa investigación de excelencia. Dentro do programa Berce contémplanse diferentes medidas específicas que facilitan a incorporación de investigadores beneficiarios dunha axuda Ramón y Cajal á UDC.

Universidade da Coruña, 2022-03-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-gaivota-cdg.JPG) A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukušić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro. A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukušić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para as III Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que se celebraron en Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia profesionais e alumnado das tres universidades galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES