Notas de prensa

O manifesto RUIGEU reivindica a corresponsabilidade como chave para facer fronte ás fendas de xénero

'A pandemia contribuíu a aumentar a violencia machista e intensificou a fenda dos coidados, que recaen maioritariamente sobre as mulleres'. Esta afirmación é un dos eixos sobre o que se asenta o Manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria ao que se deu lectura no acto co que a USC conmemorou o Día Internacional das Mulleres.

Na sesión presidida polo reitor Antonio López, tamén interviñeron a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, Susana López Abella, secretaria Xeral da Igualdade; e Mercedes Rosón, concelleira responsable de Igualdade. “Temos moito que facer se miramos ao futuro”, dixo Antonio López para logo subliñar que é necesario afirmar “con contundencia” que existen “as discriminacións por razón de xénero” e que se non se pode afastar a ollada para outro lado.

O manifesto deste 8M pon o foco no estudo ‘Brecha salarial de xénero nas universidades públicas españolas’, froito da colaboración entre o Ministerio de Universidades, a ANECA e a CRUE, e que revela a existencia de fendas salariais no PDI. Segundo ese informe, a diferenza salarial “é claramente visible na percepción de complementos, sendo os homes os que acceden en maior número a estes ingresos”, apunta o manifesto. “A causa posible é o menor exercicio dos dereitos de conciliación e liberación do tempo de corresponsabilidade que exercen os homes para atender o coidado familiar”, destaca o documento. Polo que respecta ao PAS, os estudos diagnósticos das respectivas universidades apuntan a unha diferenza salarial menor pola composición feminizada do persoal, pero, aínda así, a fenda salarial existe e vincúlase, entre outras causas, ao exercicio dos dereitos de conciliación por coidado familiar, nos que apenas se aprecia unha mellora da corresponsabilidade.

Fenda dixital

Outro dos aspectos destacados polo manifesto é como, a pesar de que a presenza das mulleres nas universidades aumentou, a ausencia destas nas carreiras de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (CTEM) segue a ser sobranceira, así como nos postos de responsabilidade. “Somos conscientes da enorme importancia que o dominio das tecnoloxías terá no futuro, resultando estratéxicas para acceder a ocupacións que posúan gran relevancia social. Hai que traballar para erradicar a actual fenda dixital de xénero, producida por nesgos androcéntricos que dificultan ou menoscaban a igualdade entre os sexos”, afirma o manifesto. A necesaria implantación dos estudos de xénero e da transversalización da perspectiva de xénero na docencia, a investigación, a transferencia e o compromiso social, como as vías máis potentes para aumentar a concienciación e a prevención das discriminacións, é outra das reivindicacións contempladas no documento.

Recoñecemento

O acto serviu para facer entrega da placa con Mención Honorífica á Comisión de atención ás situacións de acoso sexual, acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero que recolleu Ángela Juana Torres Iglesias, profesora da USC e presidenta da Comisión. A sesión tamén contou co relatorio ‘Igualdade e xénero humano’ a cargo de Carmen Blanco, escritora e profesora da USC.

Axenda #USC8M

Ademais da lectura institucional do manifesto que se levou a cabo en diversos centros dos campus de Santiago e Lugo, a USC desenvolve co gallo do 8M unha nutrida axenda de actividades. Así, este mesmo luns 7, a Facultade de Psicoloxía acolle as V Xornadas de Psicoloxía e xénero. Ademais, este centro dá pulo ao certame ‘Expresión artística do feminismo’, dirixido a alumnado de grao mestrado. Pola súa parte, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) acolle este martes 8, a partir das 13.00 horas, a charla ‘Homes e mulleres no traballo’ a cargo de Laura Hospido Quintana, economista do Banco de España.

A biblioteca da Facultade de Ciencias da Comunicación impulsa a iniciativa ‘m 2=muller en potencia’ e que consiste na incorporación de dúas fotografías dos graffitis do movemento ‘Mujeres Creando’ (A Paz, Bolivia). Este martes 8, tamén a partir das 13.00 horas, procederase ao acto de entrega de premios a traballos fin de grao do VI Concurso Enxeñaría e Muller Rural da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE). Ademais, contarase co relatorio ‘O papel da Muller Enxeñeira na Cooperación Internacional’, a cargo de Raquel Zolle, enxeñeira de Montes e membro de Enxeñeiros sen Fronteiras.

‘A relevancia da documentación xudicial nos estudos de xénero: o caso das “espontáneas”’ é a actividade coa que o Arquivo Histórico Universitario conmemora o 8M. Na charla interveñen Désirée Mª Domínguez Pallas, directora do arquivo; e Ángel Arcay Barral, investigador e actual arquiveiro do concello de Santiago. O acto comezará ás 18.00 horas deste 8 de marzo na sala de conferencias do arquivo. É precisa a confirmación de asistencia no enderezo arquivo.historico@usc.es ou no teléfono 881 812 880. O seminario web ‘Encontro de mulleres traballadoras do mar’, organizado por EqualSea Lab do CRETUS é outra das iniciativas que nutren este 8M na USC.

O 9 de marzo será a quenda da conferencia ‘A Primeira Enxeñeira de Montes de Galicia’, a cargo de Isabel Fernández García, catedrática de Química Inorgánica. O relatorio terá lugar no salón de actos da EPSE a partir das 12.30 horas. ‘Mulleres e Química’, a cargo de Xoana Pintos Barral, é o título do relatorio que se desenvolverá na Aula Magna da Facultade de Química ás 13.00 horas. Na mesma xornada, celebrarase a proxección e debate de Buda explotó por vergüenza de Hana Makhmalbaf (2007), no marco do ciclo de Cinema Filosófico que ás 18.00 horas acolle a Facultade de Filosofía.

Este mesmo centro alberga a colocación dun cartel en homenaxe ás vítimas de violencia de xénero dos últimos meses. Esta iniciativa está organizada pola Comisión de Igualdade de Xénero da Facultade de Filosofía e coordinada por Cruz Fernández, estudante do mestrado de Filosofía. O acto terá lugar o xoves 10 de marzo, ás 14.00 horas. Nesa mesma xornada, ás 19.30 horas, desenvolverase o relatorio ‘As mulleres filósofas e súa importancia histórica na corrente filosófica analítica’, a cargo do profesor Xavier de Donato Rodríguez.

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo acolle o venres 11, ás 12.00 horas, a conferencia ‘Non as esquezas: traballos das mulleres galegas’, a cargo de Mari Carmen Casasnovas, vicepresidenta da Área de Mulleres da Federación de Veciños de Lugo. O 31 de marzo, ás 16.00 horas, desenvolverase a conferencia ‘Feminismo, coñecemento e valor na cultura-rede’, a cargo de Remedios Zafra, escritora e investigadora do Instituto de Filosofía-CSIC no marco das VII Xornada Mulleres na ciencia. O acto está organizado pola Oficina de Igualdade de Xénero e a Asociación AMIT-Gal.

As mostras ‘Mulleres na Psicoloxía’ (Andar 1-Módulo A da Facultade de Psicoloxía), ‘Porque elas foron, nós seremos’ (Facultade de Relacións Laborais) e ‘Mulleres economistas’ (Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais) completan un programa de accións que tamén contempla a convocatoria da III Edición dos premios Mª Carmen Guisán e Mª Xose Rodríguez Galdo aos mellores TFG ou TFM que inclúan a perspectiva de xénero.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES