
Co obxectivo de sumar as achegas dos investigadores e investigadoras á súa sétima edición, que se desenvolverá entre o 16 e o 18 de setembro en Pontevedra e Santiago, este congreso abriu o prazo de presentación de propostas de comunicacións, dirixido a seleccionar os traballos que formarán parte das diferentes mesas que integran o programa do único foro académico centrado na performance que se leva a cabo en España.
Coa sede da Vicerretoría e o CGAC como sedes, a VII International Performance Arte Conference Fugas e Interferencias manterá en 2022 o seu formato habitual, no que as conferencias e as mesas de presentación de comunicacións se combinan cun programa de performances. Os estudos presentados polos diferentes investigadores e investigadoras reuniranse posteriormente no libro de actas dun congreso que, desde a súa primeira edición en 2016 recolleu nas súas publicacións preto de 70 comunicacións centradas nunha disciplina artística pouco abordada, como recoñecen os seus responsables, desde o ámbito académico. Penso que a creación dun corpo teórico que achegue innovación ao campo é algo que vai custar tempo, recoñece o profesor de Belas Artes Carlos Tejo, codirector do congreso xunto coa investigadora e comisaria Marta Pol. Nese senso, pese a que no estudo da performance en Galicia hai un antes e un despois de Fugas e Interferencias e de que este congreso abriu unha oportunidade única no panorama académico en Galicia e en España para estudar e analizar esta disciplina, Tejo recoñece que aínda queda moito por facer, ao que Pol engade que temos que admitir que o camiño iniciouse, pero fáltanos moito por percorrer, investigar, mostrar e divulgar.
Catro eixos de análise
Ata o 27 de marzo permanece aberto o prazo de presentación de resumos para este congreso, cuxo comité científico fará público en abril as propostas seleccionadas, dispondo os seus autores e autoras de prazo ata o 26 de xuño para remitir o artigo completo. Estes, segundo recolle a convocatoria, deberán pór o foco nun dos catro eixos temáticos que centran o congreso; a reflexión teórica sobre a arte de acción; o seu carácter híbrido e como esta práctica evolucionou ata incorporar estratexias visuais ou escénicas; as posibles interaccións co contexto político, dentro da que se presta unha especial atención á natureza da arte de acción desde unha perspectiva de xénero, teoría e arte feminista, a nova masculinidade e o queer; e comisariado de performance.
Deste xeito, sinalan os seus responsables, o obxectivo fundamental deste congreso céntrase na análise dos novos comportamentos da arte de acción, tanto desde a práctica como desde a reflexión teórica. Como todo tipo de arte, a performance tamén sofre un proceso de evolución que pode provocar cambios na disciplina, sinala Tejo, ao que Pol engade que a arte de acción como linguaxe artística vaise adaptando aos inputs e ás demandas da sociedade. Deste xeito, poden producirse cambios profundos e apenas perceptibles debido á súa contemporaneidade, engade esta investigadora. En cada época atopamos constantes que poden definir un estilo, sinala Tejo, quen recoñece o grao de madurez importante que a performance alcanzou na actualidade no ámbito galego, onde as e os artistas que traballan con esta disciplina amosánse hoxe máis libres no estilo, menos partícipes dunha escola determinada e con moita máis autonomía creativa.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.