Notas de prensa

Un estudo do Campus Terra determina que os viñedos de Galicia aproveitan entre o 30 e o 40% da auga que reciben

Os viñedos de Galicia aproveitan pouco máis da terceira parte da auga recibida en forma de precipitacións ou a través doutras formas de provisión de recursos hídricos, segundo se desprende da tese de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC a investigadora do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) María Fandiño Beiro baixo o título 'Necesidade de auga e influencia dos sistemas de rega en Vitis vinífera Var. Albariño'.

A investigación de doutoramento dirixida polo profesor Javier J. Cancela Barrio constitúe un estudo pioneiro neste eido en Galicia, ao tempo que permite avanzar no coñecemento dos requirimentos de auga que presentan as vides galegas. De feito, María Fandiño achega e presenta na súa tese ferramentas axeitadas para mellorar o proceso de adaptación da viticultura galega ao cambio climático, un proceso no que a rega se antólla coma unha das técnicas agronómicas que vai ter máis relevancia a curto prazo.

As diferentes estratexias de rega das vides, nas etapas de formación dos gromos, floración e envero, tal e como se coñece unha das fases do ciclo de maduración da uva, son obxecto dun detallado estudo na tese realizada por María Fandiño. Esta investigadora da USC, que tamén abrangue na súa análise os procesos de desfolla precoz (floración) das vides, conclúe que a estratexia de auga aplicada desde o envero supón unha aproximación para o equilibro vexetativo-produtivo e favorece a obtención dunha calidade de uva apropiada. Asemade, engade, na desfolla, a rega reduce a produción pero reporta melloras significativas na calidade das uvas.

A elevada pluviosidade rexistrada en Galicia ao longo de determinadas épocas do ciclo da vide cobre as demandas as demandas de recursos hídricos da planta, aínda que unha boa parte desta cantidade de auga non é aproveitada polas vides, dado que pasa a percolación profunda e/ou escoramento superficial pola terra, explica.

María Fandiño advirte asemade de que a presenza de vexetación permanente (adventicias) nas plantacións de vides galegas obriga a facer unha avaliación específica da súa demanda hídrica. Neste senso, as pescudas desenvolvidas por esta investigadora da EPS de Enxeñaría da USC permiten determinar que se ben as cepas de vides dos viñedos de Galicia aproveitan entre un 30 e un 40% da auga recibida en forma de precipitación ou a través da rega, a cuberta vexetal existente consume outro terzo dos recursos hídricos dispoñibles, mentras que outro 40% desaparece por evaporación do solo, factor que, segundo precisa, non pode entenderse como negativo, xa que aporta humidade á terra.

A tese de doutoramento presentada por esta enxeñeira agrónoma recolle tamén os coeficientes culturais para xestionar a rega de xeito práctico para os viticultores, o que facilita así a transferencia dos resultados da investigación ao sector vitícola galego, a fin de que melloren a produtividade dos seus cultivos, optimicen a eficiencia no uso da auga e aumenten as súas producións.

Tribunal de tese e cualificación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) e do Instituto das Ciencias da Vide e do Viño, Mar Vilanova de la Torre, presidiu o tribunal encargado de avaliar a investigación de doutoramento presentada por María Fandiño. A profesora da Universidade de Castela A Mancha, Amelia Montoro Rodríguez, e José Manuel Miras Ãvalos, do Centro de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria (CITA) de Aragón, completaron a formación dun xurado que outorgou a esta tese doutoral a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-02-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES