
A docente da USC fixo esta afirmación no acto de presentación dos principais datos relativos a Galicia do estudo elaborado polo Observatorio do Emprendemento de España con datos do Global Entrepreneurship Monitor (GEM), en colaboración con ENISA e Coca-Cola. O informe sitúa as mulleres á cabeza do número de iniciativas emprendedoras desenvolvidas en territorio galego, cunha taxa de emprendemento do 5% en 2020, superando por segundo ano á masculina.
Os datos de percepción presentados indican, tal e como explicou Neira, que, para o 39% delas, emprender é un proceso asumible, e que un 56% considera que sabe como facelo, sendo para o 50% unha boa opción de carreira profesional; porén, subliñou a docente, o medo ao fracaso continúa como unha espada de Damocles para o 44% das emprendedoras. Trátase de percepcións que sempre manifestan nun ton máis pesimista que os seus homólogos masculinos, pero que, con todo, lévaas a liderar todas as fases do proceso emprendedor, sinalou.
O estudo recolle, ademais, os diferentes perfís que se observan ao estudar as motivacións que impulsan o emprendemento. Na súa maioría, sinalou Neira, figuran as mulleres que emprenden para gañarse a vida ou por continuar coa tradición familiar. En menor medida atópanse as motivacións relacionadas con xerar renda ou riqueza alta, un feito que, segundo a profesora da USC, leva a que ao redor da metade das iniciativas reais xa establecidas sexan de niveis de renda baixo.
Doutra banda, outro dos temas abordados durante a presentación de conclusións do informe foi a consolidación da rexeneración de empresas. Así, aínda que no 71% das empresas de máis de tres anos dirixidas por mulleres as súas promotoras teñen máis de 45 anos, as mozas de menos de 35 anos supoñen o 42% nas iniciativas futuras, tendo ademais niveis de formación altos no 42% dos casos, un nivel formativo profesional ou universitario. En definitiva, concluíu Neira, as mulleres son peza clave no emprendemento galego, consolidándose en innovación e competitividade, pero continuando a necesidade de traballar a percepción da contorna económica e da súa posición de liderado na sociedade.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.