Notas de prensa

Galicia contará o vindeiro ano cun informe sobre a incidencia do cambio climático na costa galega

As tres universidades galegas e a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia colaborarán na realización dun estudo sobre a incidencia do cambio climático na costa de Galicia, que incluirá as tarefas necesarias para completar o actual visor cartográfico que achega información sobre dúas variables: os riscos de inundacións e os da suba do nivel do mar.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ãngeles Vázquez, e os reitores das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo asinaron esta luns o convenio de colaboración polo que se completará esta ferramenta coas proxeccións climáticas da erosión, baseadas nas dinámicas de ondaxe que ofrece a infraestrutura de observación de MeteoGalicia. Este visor permitirá coñecer os impactos do cambio climático na costa e avaliar os riscos asociados, tendo en conta as especiais características da costa galega.

Segundo explicou Ãngeles Vázquez tras a sinatura do convenio, esta “valiosa información” permitirá á Galicia detectar os posibles efectos do cambio climático en praias e estuarios, especialmente nos dous quilómetros cara ao interior, ao identificar as infraestruturas e edificacións que se poden ver afectadas, así como os posibles impactos sobre os espazos naturais localizados nesta franxa, e sobre todo valorar economicamente os riscos.

O potencial das universidades

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, salientou no acto celebrado en Santiago e Compostela que este tipo de proxectos permiten “programar o futuro e os efectos na costa galega” e agradeceu que se conte co potencial das universidades para facer un estudo máis completo. Pola súa banda, Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, sinalou que esta iniciativa é unha mostra máis da longa tradición de colaboración e complementariedade entre as universidades, como consecuencia da especialización destas institucións académicas. Polo que respecta ao reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, destacou que o proxecto presentado é “de Galicia para Galicia”, ao ter en conta a singularidade das rías galegas, e agradeceu a oportunidade de transferir o coñecemento das universidades para solucionar os problemas da sociedade.

O convenio de colaboración prevé un investimento de 192.600 euros ata finais de 2022. No estudo, o Grupo Rede da UVigo fará a análise dos riscos socioeconómicos na costa galega derivados do cambio climático; o Grupo Auga e Medio Ambiente (GEAMA) da UDC analizará os impactos na costa vinculados á erosión; e o Grupo Eco-IURIS da USC estudará como afecta o cambio climático aos ecosistemas costeiros galegos. Posteriormente, o traballo pecharase coas análises dos técnicos de MeteoGalicia sobre os efectos físicos que provocan a acción das augas da costa, que se apoiarán na información xeorreferenciada do Instituto de Estudos do Territorio.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente recordou tras a sinatura do convenio que Galicia está implicada na loita contra o cambio climático, coa elaboración da futura Lei do Clima de Galicia e o desenvolvemento da alianza galega polo clima, proxecto para o que solicitou a experiencia e apoio das tres institucións académicas galegas.

Universidade de Vigo, 2021-12-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES