Notas de prensa

Novos Cinemas levanta o pano coas experimentacións audiovisuais do alumnado da UVigo

Poucas horas antes de que tivese lugar á súa inauguración oficial, dez estudantes do campus convertéronse nos primeiros protagonistas da sexta edición do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas, que, un ano máis, abría o seu programa de proxeccións cos resultados do obradoiro que cada curso promove xunto coa Vicerreitoría do campus.

O videoartista Adrián Canoura foi o encargado de guiar a dez alumnos e alumnas das facultades de Belas Artes e Ciencias Sociais e da Comunicación nun achegamento á videocreación e á confluencia do cinema con outras artes e linguaxes, nun obradoiro no que buscou que puidesen experimentar con diferentes formatos, técnicas e ferramentas.

Os resultados finais do taller Videohipnose. Experimentar co cinema na era dixital presentáronse no Teatro Principal, nun acto no que Canoura e os estudantes estiveron acompañados polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o codirector do festival, Suso Novás. Traballar con imaxes de arquivo, achegarse a “cuestións máis abstractas”, experimentando con dispositivos como sintetizadores, e “deixarse levar por un cinema máis contemplativo” foron as tres propostas que Canoura trasladou ao alumnado do taller, aos que guiou nun proceso de experimentación “con condicionantes”, no obradoiro que se desenvolveu ao longo deste cuadrimestre.

“Foi moi interesante descubrir como as diferentes disciplinas artísticas poden conxugarse para crear pezas novidosas”, salienta o estudante de Belas Artes Rubén Mascato, un dos participantes nun taller marcado polos procesos de traballo colaborativos. Nese senso, a tamén alumna desta facultade Clara Borrazás pon de relevo que esta experiencia “non se semellou en nada a outros cursos ou a unha clase normal”, xa que foi un proceso no que “todos aprendemos de todos” e no que, como engade Fernando Areal, alumno de Comunicación Audiovisual, Canoura “trataba de inspirarnos amosándonos unha morea de artistas, referencias e posibilidades no eido do cinema experimental e a videoarte para que fósemos nós os que atopásemos o camiños”. Nesa mesma liña, Alejandro López, alumno do doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea destaca como Canoura puxo o foco “nos nosos propios procesos individuais”, nun taller que foi “ante todo, un espazo no que ver e compartir diferentes modos de traballar co material audiovisual”.

Imaxes de arquivo como punto de partida

Unha das propostas de Canoura foi traballar con imaxes de arquivo, como fixo Borrazás, quen empregou unha serie de “vídeos de arquivo familiar de escenas gravadas dende un helicóptero” para a súa curta Tocotoco, que define como “unha viaxe psicodélica por paisaxes e cores”. Estudante do Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea Cristina Vera presentou en Arriates, unha peza que presenta como “o rexistro dunha acción na que prima o acontecemento en si e a improvisación que o acompaña”, que supuxo para ela unha “primeira aproximación a un material doméstico tanto propio como alleo e á confrontación de ambos no espazo de proxección”.

Seguindo tamén esta proposta, Fernando Areal decantouse por traballar cunha cinta VHS da voda de seus pais, imaxes cunha “gran carta emocional para min”, explica, que serviron como punto de partida para unha curta, O ceo é azul cunha soa nube, na que fixo uso da cor azul “como vehículo conceptual” e para a que tamén compuxo unha peza musical que “contribuíse á sensación de suspensión do tempo e abstracción”. Estudante tamén de Belas Artes, Claudia Pineda, que o pasado verán fora seleccionada para o Shorts Film Corner do Festival de Cannes, empregou para Corpo d´agua imaxes submarinas que ela mesma tomou en Madeira e Mallorca, xunto con “metraxe atopado”, cos que deu forma a unha curta inspirada “na teoría do mundo da auga de Russel, que di que partimos de microorganismos, de fontes hidrotermais do océano”.

Experimentación e introspección

Como unha “representación metafórica da viaxe ao mundo interior” define Rubén Mascato a súa curta Sen nome, quen valeuse para esta “mirada interna” dun “conxunto de imaxes moi potentes a nivel visual”, caracterizadas polo uso do branco e negro combinado coa presenza do vermello, como a cor “da paixón, o amor e o sangue”. Alumna tamén de Belas Artes Tamara Goberna presentou nesta xornada Los apellidos, que define como un “vídeo experimental sobre a desrealización de min mesma como suxeito, pasando pola deconstrución e disección do meu corpo e do meu ser a moitos niveis”. Como unha “tentativa” e unha “sucesión de imaxes que entrañan o A”, por outra banda, presenta a súa curta A > v Alejandro López, que é ademais un dos integrantes do Xurado Novo deste festival, xunto con Cristina Vera e os tamén estudantes do campus Raquel Ãlvarez, Manuel Lucas e Andrea Varela. Xunto ás súas curtas, neste acto puideron verse tamén por primeira vez as pezas Strike a pose (fai unha pose), da alumna do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Lara Cores; e 42° 25´ 57” N, 8° 38´47” W e Galice galice, das estudantes de Belas Artes Antía Encisa e Yasmina Farhani Luaces.

Unha semana de actividades arredor do cinema

Tras a presentación destas curtas, a estrea de A virxe roxa, de Marcos Nine, puxo inicio este martes á edición número 06 de Novos Cinemas, que ademais das proxeccións dos filmes das súas seccións competitivas e outra serie de exhibición, inclúe no seu programa outra serie de actividades, como obradoiros e encontros con cineastas. Organizado pola Asociación Cultural Novos Cinemas e Matriuska Producións, co apoio do Concello de Pontevedra, a Vicerreitoría do campus, a Agadic, a Deputación de Pontevedra e o ICAA, do programa desta edición forman parte nese senso o obradoiro que o cineasta Chema García Ibarra e a directora de arte Leonor Díaz Esteve impartirán na sede da Vicerretoría nas tardes de xoves e venres. A Casa das Campás será así mesmo o escenario de encontros con profesionais, como o que este xoves protagonizan os cineastas Carlos Martínez Peñalver e Liliana Torres. Ao día seguinte, chegará a quenda de dous egresados da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, o director Ãngel Filgueira e a produtora Silvia Puentes, que presentarán Cuando toco un animal, mentres que o sábado, o tamén ex-alumno da facultade Ãlvaro Gago protagonizará un encontro no que presentará as primeiras imaxes da que será a súa primeira longametraxe, Matria.

Universidade de Vigo, 2021-12-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que, entre os obxectivos principais da nova Estratexia da Biotecnoloxía en Galicia, está a incrementar nun 20% os empregos no sector para chegar aos 7.000 en 2030 así como ampliar un 15% o número de investigadores neste eido e acadar os 1.600. Durante a presentación da Estratexia da Biotecnoloxía de Galicia 2026-2030, na que estivo acompañado de Román Rodríguez e María Jesús Lorenzana, o presidente definiu o documento como 'unha visión compartida de país', as 'vimbias para facer este gran cesto do que vai ser o horizonte biotecnolóxico de Galicia os próximos cinco anos'.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) Galicia formalizou en Bruxelas o traspaso de funcións para asumir, durante o vindeiro semestre, a representación de todas as Comunidades Autónomas de España no Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea (Agrifish). Esta función estratéxica, coordinada a través da Consellería do Mar, confírelle á comunidade a responsabilidade de liderar e defender unha postura común forte ante a Unión Europea. O propósito é garantir que o peso socioeconómico e a realidade do sector mariñeiro galego e estatal conten con argumentos científicos sólidos nas futuras negociacións.

Notas

A Rede CRUSOE celebrou a súa XVI Asemblea Xeral Ordinaria na Universidade da Coruña nun momento de plena transformación. A reunión constatou o papel activo da entidade no apoio para a construción da futura macrorrexión do Arco Atlántico e deu luz verde á constitución da Alianza Universitaria da Rexión Atlántica (AURA), unha nova rede transnacional de universidades do espazo atlántico europeo.
'Profundamente honrada de ser a primeira reitora desta universidade', cun 'compromiso claro co sistema universitario galego e co país ao que servimos' e 'coa determinación de facer da Universidade de Vigo unha institución excelente, moderna, igualitaria e de alta calidade da que todas e todos nos sintamos orgullosos'. Así asume, nas súas propias verbas, Carmen García Mateo o cargo de reitora da UVigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES