
O descubrimento, cuxos detalles acaban de ver a luz en Nature Communications, fíxose no marco dun consorcio internacional (Pan-Cancer) integrado por equipos de Inglaterra, Xapón e España, que utiliza avanzadas tecnoloxías de secuenciación do ADN para conseguir describir unha nova vía de formación de tumores como consecuencia da actividade do virus VHB, e o seu comportamento xenético, coa formación de tumores. O avance podería facilitar o diagnóstico precoz da enfermidade e axudar a deseñar estratexias terapéuticas máis eficaces.
O 4% da poboación mundial está infectada polo virus da hepatite B (VHB). O 20% dos e das enfermas acabará morrendo por mor de cirrose ou cancro de fígado, un dos poucos tipos tumorais cuxa taxa de mortalidade prevese que siga aumentando nos próximos dez anos. Sábese que o cancro hepático desenvólvese habitualmente nun fígado enfermo, pero falta afondar en como é posible que unha infección por un virus poida derivar en cancro.
Dende hai décadas coñécese que, durante a infección, como parte do seu ciclo natural, VHB introduce o seu propio material xenético o seu manual de instrucións dentro das células do fígado humano. Iso é o que lle permite seguir producindo copias de si mesmo e estender a infección. Este proceso, que é común a moitos outros virus, pode en ocasións rematar coa integración do ADN de VHB dentro do ADN humano, de igual modo ao que ocorre cando engadimos un par de elos máis a unha pulseira que nos aperta, sostén a primeira autora do artigo, Eva G. Álvarez. Estas integracións do ADN do virus poden ser prexudiciais per se, pero por si soas non permitían explicar como VHB promove a formación de tumores, engade a investigadora.
Descifrar o ADN
Froito dunha investigación de varios anos e do traballo conxunto desde centros de Inglaterra, Xapón e España, conseguiuse achegar certa luz a estas incógnitas. Neste estudo, no que se abordaron 296 carcinomas de fígado, describiuse un novo fenómeno que podería estar detrás do inicio e da progresión destes tumores. Utilizando tecnoloxías punteiras de secuenciación de ADN, comprobamos que, con frecuencia, as integracións do ADN do virus están a mediar alteracións no xenoma das células hepáticas. É dicir, no noso xenoma, adxacentes ao lugar en que se integra o ADN viral, vemos outro tipo de anomalías como perdas do ADN nativo ou fusións entre cromosomas diferentes que, en última instancia, fan que se perdan xenes protectores contra o cancro, segundo explica a investigadora da USC e coautora do artigo, Paula Otero. Por tanto, sería a ausencia destes xenes, que en condicións normais evitan que as células se dividan sen control, a que podería estimular a formación do tumor.
Ir por diante da enfermidade
Uno dos descubrimentos máis sorprendentes foi poder demostrar que estes feitos ocorren de maneira moi temperá, ás veces mesmo dúas décadas antes de que se diagnostique o tumor. Por iso, segundo Paula Otero, cremos que estes achados poderían facilitar o diagnóstico precoz da enfermidade, e tamén axudar a desenvolver estratexias terapéuticas máis eficaces.
As liñas de traballo deste grupo de investigación liderado polo profesor da USC José Tubío, tamén asinante do artigo, pasan no futuro por ir un paso máis alá e estudar a integración de VHB en tecidos pre-tumorais, é dicir, en fígados infectados por VHB nos que aínda non se desenvolveu o tumor. Isto permitiranos ver o momento exacto no que estes eventos teñen lugar, caracterizalos e analizar como afectan á estrutura do xenoma. Desta maneira poderemos ter unha visión global do proceso de desenvolvemento tumoral dende un punto de vista evolutivo, conclúe a investigadora Eva G. Álvarez.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.