Notas de prensa

O termalismo reivindícase como fonte de oportunidades turísticas e de saúde na pospandemia

A covid-19 puxo máis que nunca o foco na importancia da saúde física e mental e fomentou igualmente un turismo centrado no benestar e o contacto coa natureza. Arrancou en Ourense a cuarta edición do Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida, organizado polo Campus Auga da Universidade de Vigo, cunha programación na que o potencial do termalismo como fonte de oportunidades turísticas e de saúde na pospandemia ten un protagonismo destacado.

72 especialistas procedentes de dez países participan neste encontro científico de formato híbrido (con participación presencial desde Expourense e virtual) e que se integra nun único programa co II Congreso Internacional sobre Auga e Saúde de Termatalia e a Xornada sobre Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago de Compostela.

Na inauguración da cita, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, indicou como esta iniciativa se enmarca no proxecto de especialización do Campus de Ourense como Campus Auga e explicou as súas características. Nun campus como o de Ourense, dixo, “do que estamos altamente orgullosos” polos seus datos de crecemento e “vitalidade", o reitor indicou que se puxo en marcha esta especialización grazas “a un grande acordo” entre a Universidade e os axentes da contorna e tendo en conta o carácter de Ourense como “provincia termal”. Seguindo nesa liña de cooperación, Reigosa recalcou o compromiso da institución académica co sector, afirmando que “a universidade vai estar sempre apoiando o termalismo” e subliñando que “xuntos somos máis fortes”.

Pola súa banda, Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, falou da evolución do sector turístico nos últimos meses e da aposta do goberno galego por “Galicia como destino seguro”. O vicepresidente apuntou como nesta liña “temos que potenciar os nosos maiores atractivos" e recalcou como entre eles está o termalismo. Rogelio Martínez, director xerente de Expourense e director de Termatalia, entre outras autoridades, amosou o seu desexo de que a cita que estes días se celebra en Ourense “contribúa na era poscovid a outorgar ás augas termais o recoñecemento que merecen”. “O termalismo ten ante si unha grandísima oportunidade”, engadiu Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense e da Asociación Europea de Cidades Históricas con Patrimonio Termal (EHTTA). Neste contexto, sinalou Flora Moure, concelleira de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense, o sector afronta a súa reinvención e adaptación aos novos tempos.

Tres días de programación

Nesta cuarta edición do simposio/congreso presentaranse 23 comunicacións científicas e sete relatorios e celebraranse oito mesas redondas, contando coa participación de arredor de 72 especialistas procedentes de dez países, como son Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Colombia, España, Francia, Grecia, Portugal e Tailandia, ademais de diferentes comunidades autónomas españolas. Entre as e os participantes hai unha ampla representación de persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, nomeadamente do campus de Ourense e de centros como as facultades de Ciencias, Ciencias Empresariais e Turismo e Historia.

A programación arrancou este mércores coa celebración da Xornada sobre Hidroloxía Médica promovida pola Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago de Compostela. A actividade estivo centrada no papel dos balnearios na recuperación da saúde tras a pandemia e nela presentaronse os resultados dos traballos realizados desde esta cátedra, dirixida por Juan Gestal, para desenvolver protocolos nos balnearios de Galicia para o tratamento nestes centros das secuelas respiratorias, dermatolóxicas, músculo-esqueléticas e psicolóxicas en pacientes de coronavirus. “Creo que os balnearios teñen a experiencia para poder ser útiles, para axudar a recuperarse ás persoas que pasaron a covid, ás persoas que están coa covid persistente ou incluso ás persoas que non pasaron a covid pero que teñen sufrido os efectos colaterais da pandemia, co illamento, co confinamento”, indicou Gestal referíndose ás características das augas mineromedicinais e á experiencia en recuperación de patoloxías dos balnearios.

O xoves o simposio/congreso centrarase no patrimonio termal e no turismo e wellness, achegándose ás novas estratexias de promoción turística dos destinos termais e de benestar e o cambio nas necesidades e preferencias do novo consumidor poscovid, que busca experiencias de alto valor engadido que promovan un estilo de vida saudable. Na sesión tamén se presentará o proxecto Eixo Atlántico e se celebrará unha mesa redonda coordinada pola Asociación Europea de Cidades Históricas con Patrimonio Termal (EHTTA) na que se presentarán boas prácticas en márketing de patrimonio termal en cidades de Grecia, Austria e Francia. A última xornada, a do día 17, estará dedica á relación entre saúde e benestar e a análise das tendencias da industria wellness no contexto poscovid. A inxestión de augas minerais e a análise dos desafíos actuais do termalismo serán os temas que pechen este simposio e congreso, que concluirá coa entrega de premios da 18ª Cata Internacional de Augas de Termatalia e o recoñecemento ás comunicacións científicas presentadas no evento.

Termatalia, 2021-09-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (flores-rock-2026.jpg) Presentouse o décimo aniversario do festival Flores Rock, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de setembro cunha ampla programación musical e cultural no Barrio das Flores da Coruña. A iniciativa, nacida no propio barrio e fortemente vinculada a súa xente e ao tecido social, mantén dez anos despois a esencia coa que comezou, cunha combinación de música, cultura e participación veciñal. O festival contará con dous escenarios e unha programación que reúne artistas e bandas de diferentes estilos, ademais de actividades para públicos de todas as idades e familias. O Flores Rock naceu en 2016 como iniciativa local e, ao longo desta década, foi consolidándose no calendario cultural da Coruña sen perder a súa identidade.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura volverá converterse o próximo 28 de agosto nun punto de encontro para os novos sons urbanos coa celebración da III Lingua Urbana, unha cita que se consolida dentro da programación dos Concertos do Xacobeo. A terceira edición de Lingua Urbana contará con Yung Beef e Dirty Suc, dous dos nomes máis recoñecidos da escena urbana, aos que se suma Abhir, que ofrecerá en Santiago a súa única actuación en Galicia durante 2026. A presenza galega terá un peso destacadocoa participación de Arce, 9Louro, Lg1do, Sote, Carlos Barral ou Valesk8.

Notas

No marco do convenio asinado pola USC e a Deputación da Coruña, o grupo de investigación Histagra da USC, tamén pertencente ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), está a coordinar o estudo histórico e arqueolóxico das fosas localizadas no cemiterio de Serantes (Ferrol). A primeira cata arqueolóxica neste espazo desenvolverase entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
Pódese prever como se comportará a rótula despois dunha operación de prótese de xeonllo? Unha investigación desenvolvida no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña permite simular o movemento desta articulación tras a intervención e estudar como as características de cada paciente poden influír na elección do tratamento.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES