Notas de prensa

Ampliadas as axudas do Bono eléctrico galego

O DOG publica unha segunda ampliación do crédito das axudas do Bono eléctrico galego, unha convocatoria que continúa aberta e que ten como obxectivo evitar os cortes de subministración nos fogares galegos con máis dificultades. Así, increméntase nun 31% o orzamento destinado, ata alcanzar 2,1 millóns de euros e, chegar así ao maior número de beneficiarios posible, máis nun contexto como o actual no que o prezo da luz bate récords diariamente.

O pasado mes de abril, o Goberno galego xa deu luz verde a unha primeira ampliación de 300.000 euros do orzamento inicial –1,3M€– co que comezou esta convocatoria a principios de ano, chegando así aos 1,6M€. Tras constatar un aumento significativo do número de solicitudes –un 39% máis que o ano anterior–, decidiu incrementar agora a partida destinada a estas axudas en medio millón de euros. Co que a cantidade final supón un 61% máis que o previsto inicialmente.

No que vai de ano xa se concederon preto de 1,4 millóns de euros que permitiron apoiar a 4560 familias. O Bono eléctrico galego está dirixido a consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social co obxectivo de asegurar a este colectivo o acceso continuado á subministración de enerxía eléctrica en Galicia. Para acceder a estas axudas, os solicitantes deben ser persoas residentes en Galicia e titulares dun servizo de subministración eléctrica que teñan contratada a tarifa de último recurso e sexan consumidores vulnerables severos (por tanto beneficiarios do bono social estatal cun
40% de desconto) e estean en risco de exclusión social, termo que deberá ser acreditado mediante informe expedido polos servizos sociais dos concellos.

Os apoios, que se outorgan por orde de presentación de solicitude, serán dun 50% da factura eléctrica correspondente á vivenda habitual do solicitante e terán unha contía máxima anual de 300 ou 450 euros –no caso de familias numerosas–.

Esta cantidade, unida ás axudas estatais, permitirá que as familias con máis dificultades non teñan que pagar pola súa factura eléctrica, garantindo o acceso continuado á subministración nos fogares máis vulnerables, pois non se lles poderá cortar o servizo mentres sexan beneficiarios desta axuda.

A presentación de solicitudes será preferentemente telemática e para dar axilidade ao procedemento, establécese un prazo máximo dun mes desde a presentación da solicitude ata a súa resolución. Así, unha vez a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación –a través da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais– comproba que se cumpren os requisitos, realízase o pago directamente aos comercializadores de referencia a medida que van remitindo as facturas.

Con esta liña de axudas, adaptada á normativa estatal, a Xunta segue fiel ao seu compromiso coas familias máis desfavorecidas que non contan coa posibilidade de facer fronte ás súas facturas dunha necesidade tan básica como é a enerxía eléctrica.

Máis de 27.000 apoios desde 2014

Galicia xa foi pioneira nesta liña de axudas no ano 2018, converténdose na única Comunidade que ten en marcha este mecanismo complementario ao estatal que evita o corte da subministración. En 2020, beneficiáronse do Bono eléctrico galego máis de 4400 familias.

Antes destas axudas, a Xunta de Galicia xa tivo en marcha o tícket eléctrico –co que tamén foi pioneira entre 2014 e 2017–, ao igual que tamén se convocaron en 2016 e 2017 axudas para evitar cortes de subministración. Desde a posta en marcha do tícket eléctrico en 2014 ata o actual Bono eléctrico galego, o número de beneficiarios por este tipo de axudas ascendeu en Galicia a máis de 27.000, con apoios por valor de máis de 6M€.

Xunta de Galicia, 2021-08-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES