
Na súa presentación este martes no campus de Ourense, Beatriz Comendador, do Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial, explicou que esta iniciativa recolle unha tradición de traballo de certo percorrido, de dez ou doce anos de traballo que levamos facendo sobre todo no ámbito da arqueoloxía e do patrimonio cultural na comarca de Monterrei, no Val do Támega. Neste percorrido, detallou, fomos coñecendo a moita xente, a moitos colaboradores cos que tentamos establecer un tipo de traballo máis horizontal, de colaboración en creación de coñecemento e nesta liña de traballo, indicou a arqueóloga, este festival é case unha oportunidade para a celebración deste intercambio de saberes.
Pola súa banda, Óscar Penín, de A Bela Auria, salientou que esta iniciativa enmárcase no movemento de valorización social do patrimonio, algo que, recalcou, é algo endóxeno do rural. Do festival destacou que constitúe tamén un punto de encontro para iniciativas que tanto en Ourense como noutros territorios, especialmente da España baleirada, ven nesta valorización do patrimonio unha vía de dinamización do rural. Así, PEDRA enmárcase na actividade previa á celebración de SOPA, o Congreso Internacional sobre Educación e Socialización do Patrimonio no Medio Rural que se desenvolverá este ano en Ávila. Ademais, o festival, indicou Penín, conta co apoio de O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22, imbricando a súa programación coa Vía da Prata que pasa pola zona onde se desenvolverá. Neste senso, Cecilio Santalices, xefe de Área Provincial de Turismo en Ourense da Xunta de Galicia, felicitou ás entidades organizadoras por contar cun programa moi completo de actividades que recolle os valores do Camiño e orientado á comunidade pola que transcorre.
Cinco días de programación
PEDRA, explicouse na súa presentación, foi deseñado para contar con actividades para todas as idades e coa idea de traballar diferentes tipos de saberes relacionados tanto co patrimonio material (por exemplo a olaría) como co inmaterial (por exemplo a tradición oral). Ao longo dos cinco días de celebración, o certame mesturará obradoiros con actividades máis de lecer, arrancando a actividade o día 26 de xullo cunha visita ao castro de San Millao (Cualedro) na que pode participar xente de todas as idades.
Xa en agosto, o festival continuará os días 27 e 28. O primeiro día, a programación incluirá actividades como un obradoiro para crear un modelo de proceso comunitario sobre o patrimonio rural, con Sabah Walid e Juanjo Pulido; unha sesión sobre a olaría e o traballo das mulleres, con Catia Cardoso, e un contacontos de tradición oral con Uxía Morán. O segundo día as persoas interesadas terán dous obradoiros, un de arqueoloxía experimental para quitar bronce das pedras, con Aaron Lackinger e Beatriz Comendador, e outro de cestaría tradicional, co CDR Portas Abertas de Vilardevós e da man de Mª Dolores Alonso. Tamén haberá un mercado de sabores e saberes locais e unha exposición participativa titulada Pola Verea.
A terceira vaga de PEDRA será o 4 e 5 de setembro. O día 4 a programación inclúe unha introdución ao procesado artesanal da la, con Almudena Sánchez, e unha sesión sobre as músicas das avoas con veciñas de Feilas, Félix Castro e Héctor Salgado. A xornada inclúe igualmente unha barferencia sobre o pasado nas pedras do Val do Támega, con Nieves Amado, Víctor Muñiz, Lucía Rodríguez e Beatriz Comendador; unha observación de estrelas con Pablo Martínez (Sociedade Astronómica Rías Baixas) e a inauguración exposición Mitos y Leyendas (de las Hurdes). Por último, o día 5 de setembro o festival pecharase cunha sesión titulada Fitos no camiño ancestral. Que coñeces da Vía da Prata?, con Carmen Pérez e Beatriz Comendador, e contos a cargo de Anxo Moure.
As actividades teñen aforo limitado e/ou desenvolveranse ao aire libre, para cumprir cos protocolos covid-19 aplicables en cada momento, sendo precisa a inscrición previa.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.