
O Atlantic FEST de Vilagarcía de Arousa presentou hoxe a programación completa da súa nova edición, na que se reencontrará co público nun formato desconcentrado, que prima a calidade artística e a seguridade do público, despois de que o verán pasado a pandemia impedira a súa celebración nas condicións habituais.
O cartel deste ano estenderase do 12 ao 24 de xullo, con 13 citas musicais e a participación de 18 artistas e grupos en catro escenarios, un deles baixo o patrocinio da Xunta de Galicia no marco do Xacobeo 21-22. Trátase, ademais, do primeiro evento da temporada FEST Galicia 2021, a marca creada polo Goberno galego para apoiar este tipo de eventos, considerados estratéxicos tanto no ámbito da cultura como no do turismo.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou os representantes da organización e do resto de entidades colaboradoras no acto que se desenvolveu no Auditorio Municipal de Vilagarcía, onde se instalará o devandito escenario Xacobeo 21-22 do Atlantic Fest. Nel actuarán La Habitación Roja (día 13), María José Llergo (día 14), Derby Motoretas Burrito Kachimba (día 20), Annie B. Sweet (día 21) e Rufus T. Firefly (día 22).
Representación da música galega
Na súa intervención, o responsable de Industrias Culturais da Xunta subliñou a calidade artística da oferta deste ano, destacando especialmente a representación da música galega con Ortiga, Verto, Kings of The Beach e Mounqup. Completan o cartel outros coñecidos nomes da escena musical estatal como La Habitación Roja, Zahara, Dorian, León Benavente, Depedro, Sidonie, Lori Meyers, Chucho, Johny B. Zero e Second.
Coa extensión da programación ao longo de 13 días en diferentes escenarios repartidos pola capital arousá e con capacidade limitada, Atlantic Fest comprométese coa cultura segura e garante as condicións sanitarias tanto para o público como para os artistas e os profesionais que traballan na organización.
Este foi outro dos aspectos que destacou Sutil, quen tamén lembrou as dúas principais vías de apoio económico do Goberno galego aos festivais profesionais de música, para os que se conta cun orzamento de preto de 850.000 euros en 2021. Dunha banda, a través da marca FEST Galicia, que se reforza cun investimento de 500.000 euros, un 25% mais que en 2020. Tras a convocatoria publicada o pasado mes de xuño, o programa deste ano materialízase a través de contratos de patrocinio publicitario coas promotoras no marco do Xacobeo 21-22. Como sinalou o director da Agadic, o obxectivo é crear valor engadido neste tipo de eventos para fortalecer a súa posición como produtos culturais e artísticos.
En 2021 retomouse, ademais, a convocatoria específica de subvencións a festivais de música, suspendida en 2020 ante a imposibilidade de levar a cabo os eventos nos seus formatos habituais. Esta liña de axudas, actualmente en proceso de tramitación cara á súa próxima adxudicación, distribuirá outros 340.000 euros entre os encontros beneficiarios.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.