
Durante o acto, o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, agradeceulle aos organizadores o esforzo para adaptarse a actual situación sanitaria sen perder a súa esencia para seguir ofrecéndolle aos músicos mozos e virtuosos a posibilidade de participar de xeito seguro nunha programación de música clásica de primeiro nivel en diferentes lugares da capital galega. A crise sanitaria mudou o noso xeito de entender e relacionarnos coa cultura, pero é importante que apostemos por novas fórmulas que nos permitan seguir desfrutando e que sirvan de oportunidade para os novos talentos, salientou.
O Festival Peregrinos Musicais, tendo en conta a dimensión internacional do Xacobeo, aproveita a edición deste ano para abrirse a participantes de calquera país do mundo. Así, presentáronse ao festival 45 músicos nacionais e internacionais de países como Alemaña, Turquía, Portugal, Italia, Irlanda, Bélxica, Estados Unidos, Países Baixos ou Taiwán.
Entre todos os participantes, o xurado de Peregrinos Musicais seleccionou a seis finalistas que competirán na fase final do concurso que se celebrará, coincidindo co festival, entre o 11 e o 19 de setembro. Os intérpretes convidados serán Alexandre Arurtyunyan (violín), procedente de Portugal; Bastian Uhlig (clave), de Alemaña; Xurxo Morales (saxofón), de España; Emma Naegele (cello), de Países Baixos, e Sira Pellicer (saxofón) e Alberto Sanz (violín), procedentes de España.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.