Notas de prensa

Científicos do CiQUS descobren un novo tipo de líquido

Científicos da USC no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) acaban de demostrar a formación de novas estruturas supramoleculares en disolucións acuosas, o que abre a porta a un novo tipo de líquidos con novas propiedades fisicoquímicas. O traballo froito da colaboración entre diferentes grupos de investigación do centro, publicouse na revista Angewandte Chemie.

“Se puidésemos observar o comportamento das moléculas de auga cunha cámara ultrarrápida, veriamos que cada unha delas está unida a outras catro moléculas, formando un tetraedro”, explican os científicos. Esta estrutura é dinámica, mantense estable durante un período de tempo moi curto, reorganizándose continuamente ao tratarse dun líquido. “As propiedades físicas e químicas da auga dependen en gran medida da devandita estrutura, de que as distancias e ángulos entre as moléculas de auga que forman ese tetraedro non se vexan alteradas”, apuntan. “E iso é exactamente o que sucede cando disolvemos compostos orgánicos en auga líquida, destorcendo a súa estrutura molecular nun fenómeno coñecido como solvatación hidrofóbica”, continúan.

Nesta ocasión, os investigadores descubriron unha forma de reordenar as moléculas de auga que xera un novo tipo de fluído. "Demostramos que utilizando moléculas orgánicas cunha disposición particular das súas cadeas hidrocarbonadas podemos inducir unha estruturación das moléculas de auga diferente ás que coñecemos" sinala Francisco Rivadulla, coautor do traballo. Xunto ao grupo de María Giménez-López comprobaron que a velocidade de transferencia de enerxía en forma de calor ou a velocidade de transmisión de son nesta nova substancia é moito menor que na auga pura. Tamén a súa compresibilidade ou a capacidade calorífica mostran un comportamento singular, o que aumenta o seu interese en numerosas aplicacións tecnolóxicas.

A colaboración entre ambos os dous grupos de investigación do CiQUS foi clave neste descubrimento. "Estabamos a estudar este fluído molecular cando nos demos conta da ausencia dos puntos de fusión e conxelación que normalmente se atopan na auga mediante medicións calorimétricas. Empregando resonancia magnética nuclear, tamén podiamos observar difusións anormalmente lentas dos catións disolvidos" explica Giménez-López, á fronte do grupo FunNanoMat LAB. Ao mesmo tempo, o laboratorio de Química de Materia Condensada liderado por Rivadulla atopábase investigando a posibilidade de utilizar a condutividade térmica para determinar cambios na estrutura dos líquidos e outras fases condensadas non cristalinas. A complementariedade e experiencia de ambos os dous grupos na materia abriu deste xeito unha posibilidade única para entender e evidenciar de forma conxunta as pouco usuais propiedades deste novo fluído.

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-02-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES