Notas de prensa

As xornadas de Economía Crítica abordan as 'Emerxencias, transicións e desigualdades socioeconómicas'

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela, e a Asociación de Economía Crítica organizan, integramente en liña os días 4 e 5 de febreiro, as Xornadas de Economía Crítica (JEC), un espazo de encontro aberto que conta xa con tres décadas de traxectoria. Nesta ocasión, as xornadas desenvólvense baixo o lema ‘Emerxencias, Transicións e Desigualdades Socioeconómicas’.

Como explica o equipo promotor do encontro, “nos últimos anos, enfrontámonos a múltiples retos que nos indican unha situación altamente crítica para o futuro inmediato da humanidade. Facer fronte a estes retos esixe a diagnose de todas as emerxencias que deben ser atendidas, ademais da formulación de posibles camiños para transitar cara un mundo no que ditos retos poidan ser superados e que, por outra parte, permitan reducir as desigualdades existentes a diferentes niveis”. As xornadas contan esta vez con tres plenarios e coas tradicionais sesións de debate onde se presentarán cerca de cen comunicacións, así como espazos de diálogo con outras disciplinas e o activismo.

A sesión plenaria de ‘Emerxencias’ contará coa participación de Erika González, investigadora no Observatorio de Multinacionales de América Latina (OMAL), e de Antonio Turiel, científico titular no Institut de Ciències del Mar (CSIC). Na sesión de ‘Transicións’ participarán Santiago Álvarez Cantalapiedra, director de FUHEM Ecosocial, e Alicia Valero Delgado, directora do grupo de investigación de Ecoloxía Industrial no Instituto CIRCE da Universidade de Zaragoza. Por último, na sesión de ‘Desigualdades’ participarán Cristina Carrasco Bengoa, profesora de Teoría Económica na Universitat de Barcelona, e Xosé Manuel Beiras, catedrático de Estrutura Económica da Universidade de Santiago de Compostela, ambos xa retirados.

Como explican o equipo promotor, debido ás restricións impostas pola pandemia da Covid-19, as Xornadas desenvolveranse en liña a través da plataforma MS Teams e as diferentes intervencións estarán dispoñibles en Youtube. Tanto a consulta do programa como o proceso de inscrición pode realizarse a través da web das xornadas (http://www.asociacioneconomiacritica.org/jec/jec-2020-santiago-de-compostela/).

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-01-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES