Notas de prensa

Novo avance galego na procura de fármacos antitrombóticos

O impacto da obesidade en eventos trombóticos é o escenario do novo traballo do Centro de Investigación en Medicina Molecular y Enfermedades Crónicas da USC (CiMUS). O grupo Proteómica de Plaquetas do CiMUS-IDIS, liderado por Ángel García Alonso, en colaboración co de Obesidómica do IDIS- CIBEROBN, dirixido por María Pardo, e o Servizo de Endocrinoloxía do CHUS, acaba de publicar un estudo sobre a reactividade plaquetaria en pacientes obesos que conduce ao descubrimento de vías de activación alteradas nas plaquetas sanguíneas e que incrementan o risco de aterotrombose.

A aterotrombose é o fenómeno patolóxico polo cal se forma un trombo sobre unha lesión arteriosclerótica preexistente e desempeña un papel capital no desenvolvemento e evolución de trastornos cardiovasculares que cursan con isquemia e que afecta á circulación cerebral, coronaria ou arterial periférica. “Se temos en conta que a obesidade se asocia cun estado proinflamatorio e protrombótico que apoia o incremento das graxas nas arterias, atopámonos cunha situación de risco extremo que desencadea múltiples comorbilidades”, expón o investigador do CiMUS e autor do estudo, Ángel García Alonso.

O traballo, que acaba de publicarse na revista Arterioesclerosis, Thrombosis and Vascular Biology (ATVB), realiza unha análise da fosforilación das proteínas de plaquetas en obesidade severa, que deixa ao descuberto alteracións da reactividade plaquetaria e das vías de sinalización. A fosforilación é un dos principais mecanismos de regulación da actividade das proteínas en xeral e das encimas en particular.

Novos biomarcadores plaquetarios

O obxectivo deste estudo foi obter información sobre os eventos de fosforilación relacionados coa reactividade plaquetaria na obesidade e identificar biomarcadores plaquetarios e vías de activación alteradas nesta afección clínica. Para iso, os investigadores efectuaron “unha análise fosfoproteómica comparativa das plaquetas en repouso de pacientes obesos e os seus controis delgados pareados por idade e sexo. Os datos fosfoproteómicos validáronse mediante ensaios mecánicos, funcionais e bioquímicos, identificando 220 fosfopéptidos regulados diferencialmente, de polo menos 175 proteínas”. O estudo incide no feito de que todos eles estaban regulados positivamente na obesidade. De feito, tamén as investigacións revelaron que as plaquetas obesas mostraban máis adhesión ás placas recubertas de coláxeno.

Os investigadores conclúen que os resultados proporcionan información nova sobre os cambios da fosforilación plaquetaria relacionados coa obesidade, revelando o impacto desta patoloxía crónica na reactividade plaquetaria e apuntando cara ás principais vías de sinalización desreguladas.

Procura de fármacos antitrombóticos

O estudo publicado agora pola revista ATVB continúa o traballo realizado polo grupo Proteómica de Plaquetas do CiMUS en colaboración cos servizos de endocrinoloxía e cardioloxía do CHUS, e que permitiu propoñer ao receptor de coláxeno en plaquetas, Glicoproteína VI (GPVI), como diana terapéutica de interese para o desenvolvemento de novos antitrombóticos. O desenvolvemento de fármacos inhibidores de GPVI é un obxectivo principal do grupo de investigación, que está a levar a cabo en colaboración co grupo BioFarma (USC- IDIS), e para o que conta con apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación e a empresa Bayer.

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-01-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES