Notas de prensa

BioNanoTools, traballo desde Galicia na detección de células que xeran resistencia contra o cancro

Nove socios de seis países europeos, entre os que se atopa o grupo BioNanoTools do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), unirán esforzos para desenvolver novas vías de traballo fronte o cancro. Baixo a denominación REAP, este proxecto pretende desenvolver un sistema de imaxe multimodal para detectar células que xeran resistencia ao tratamento contra o cancro.

O equipo investigador liderado por Beatriz Pelaz, responsable do proxecto na USC e investigadora principal no CiQUS, encargarase da preparación de axentes de contraste que sexan capaces de identificar estas células persistentes.

Cando un tumor se volve resistente, o tratamento contra o cancro pode deixar de funcionar. A miúdo, a orixe desta recaída atópase en determinadas células, capaces de desenvolver resistencia aos fármacos empregados para sobrevivir ao tratamento. Localizar e identificar ditas células cando aínda non xeraron o tumor representa un enorme reto ao que a ciencia pretende facer fronte a través de investigacións como a que acaba de poñerse en marcha esta semana a través do proxecto REAP.

Os diferentes equipos traballarán no desenvolvemento dun dispositivo que combinará técnicas avanzadas de optoacústica, coherencia óptica e microscopía de dous fotóns. Ao mesmo tempo, deseñaranse sofisticadas nanopartículas coas propiedades idóneas para poder ser detectadas mediante o novo sistema multimodal xerado. Unha vez sintetizadas ditas partículas serán transformadas en axentes de contraste capaces de recoñecer selectivamente as células persistentes en modelos preclínicos.

“O noso traballo é asegurar que estas nanopartículas sexan adecuadas para detectar as células persistentes funcionando como axentes de contraste eficientes” explica Beatriz Pelaz. “Modificaremos a súa superficie para asegurarnos que son compatibles a nivel celular, darémoslles a estabilidade coloidal necesaria para que realicen a súa función e tamén capacidade de recoñecemento para detectar estas células”, engade. O seu grupo, que tamén realizará estudos de nanotoxicoloxía para comprobar a biocompatibilidade destes materiais, conta con ampla experiencia na síntese e caracterización de nanomateriais, modificando a súa superficie para facelos bioloxicamente activos.

Academia e industria

O proxecto ERAP enmárcase no programa de traballo ‘Information and Communication Technologies’ de Horizonte 2020 para o desenvolvemento de tecnoloxías disruptivas na área da fotónica. Coordinado pola Universidade Médica de Viena, academia e industria danse a man no proxecto REAP para lograr avances significativos no campo da enxeñería biomédica e a tecnoloxía láser, con obxectivo de revelar os mecanismos subxacentes á resistencia desenvolvida por estas células fronte aos tratamentos antitumorais. Aproveitando a experiencia nas súas respectivas áreas, o consorcio está formado por catro universidades, catro empresas e un centro tecnolóxico que traballarán de maneira conxunta durante os próximos catro anos no desenvolvemento dos novos sistemas de bioimaxe e axentes de contraste.

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-01-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES