Notas de prensa

250 anos do nacemento do 'primeiro científico galego'

'Afán por aprender e por contribuír ao desenvolvemento científico do seu pais', así definen o profesor José Ãngel Docobo e a investigadora Carmen Villaverde Pérez os eixos que definiron a traxectoria do catedrático da USC José Rodríguez González, ao que definen como “o primeiro científico galego”. Neste ano 2020, cumpríronse 250 anos do seu nacemento. Rodríguez González estudou Astronomía e Altas Matemáticas no Observatorio e College de Francia, onde traballou e tivo amizade con grandes científicos como Laplace, Delambre, Biot ou Arago.

En Inglaterra, tamén se relacionou con membros da Royal Society. Logo dunha ausencia de varios anos, a USC saca a concurso a súa cátedra de ‘Matemáticas sublimes’ e nos cursos 1812-13 e 1813-14 volve á docencia. “Domingo Fontán Rodríguez, autor do excelente Mapa Xeométrico de Galicia de 1834, é un dos seus alumnos, recoñecendo a Rodríguez como inspirador e mestre”, apuntan Docobo e Villaverde.

Traxectoria internacional

En outubro de 1814 saíu cara a Alemaña, esta vez comisionado para estudar Ciencias Naturais e Mineraloxía. Pasou case dous anos na Escola de Minas de Freiberg con Abraham Gottlab Werner, considerado un dos pioneiros da Xeoloxía e Mineraloxía moderna, “aquí debeuse iniciar na súa paixón por estas disciplinas que xa non abandonaría”, cren os investigadores. “A súa seguinte etapa foi Gotinga, alí o insigne matemático Friedrich Gauss, ensinaba no Observatorio da Universidade, Rodríguez pasou varios meses con el e incluso publicou en alemán Sobre as proporcións do esferoide terrestre”, sinalan.

Volveu a París en xuño de 1817. Durante esta segunda estadía mercou e remitiu á USC instrumentos científicos para o Gabinete de Física e para a realización da Carta Xeométrica de Galicia que ocupou a Domingo Fontán dezasete anos. Estudou co abade René Just Haüy, pai da Cristalografía, que lle brindou a súa amizade e o agasallou cos Sólidos Cristalográficos que se conservan na actualidade no Museo de Historia Natural da USC. Ademais, recibiu propostas dos gobernos ruso e arxentino para dirixir os seus Depósitos Xeográficos, pero consultou ao goberno español antes de tomar a decisión e este respondeulle co nomeamento de profesor de Astronomía do Museo de Ciencias Naturais de Madrid. “Chegou a Madrid a finais de maio de 1819, renunciando á súa cátedra de Santiago e aceptando tamén o cargo de Director do Observatorio Astronómico, que cumpría poñer en uso, despois de anos en estado ruinoso a consecuencia da Guerra da Independencia”, sinalan os investigadores. O 2 de decembro dese ano comeza o primeiro curso de leccións públicas de Astronomía.

Política

Deputado por Galicia dende o 1 de xullo de 1820 ao 22 de febreiro de 1822, no chamado Trienio Liberal, compaxinou esta actividade coa docencia e dirección do Observatorio. “Non tiña vocación política pero era unha persoa comprometida coas súas ideas e co seu país”, apuntan Villaverde e Docobo.

A finais de abril de 1823, marchou de Madrid cara a Galicia. “Sábese pola súa correspondencia que o 22 de xuño de 1824 chegou a Oporto, visitou tamén Lisboa e Coimbra, tivo a oportunidade de reencontrarse con algúns dos seus compañeiros deputados e outros coñecidos, exiliados dende o ano anterior no país”, explican os investigadores. O 12 de setembro volve enfermo a Santiago. Ese mesmo día fina e na súa acta de defunción consta que foi soterrado na igrexa de San Agostiño, pero “na actualidade non é posible atopar ningún rastro nese lugar”, conclúen.

Universidade de Santiago de Compostela, 2020-12-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES