Notas de prensa

Co lema 'As found!' o arquitecto Carlos Pita Abad gaña o concurso de proxectos para rehabilitar a Fábrica de Armas como Cidade das TIC

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, deron a coñecer nun acto telemático a relación de premiados do concurso para rehabilitar a Fábrica de Armas como Cidade das TIC, así como o proxecto do primeiro edificio que se fará, o Centro de Servizos Avanzados (CSA).

No acto de apertura das plicas estaba a vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade, Amparo Casares, e o secretario do xurado, o xefe do Servizo de Arquitectura da UDC, Bernardo Lage Arias.

Ao Concurso de proxectos con intervención de xurado para a redacción do proxecto, dirección de obras e traballos de seguridade e saúde do Centro de Servizos Avanzados e estudo de detalle da rehabilitación da Fábrica de Armas para a Cidade das TIC presentáronse 19 propostas, o que levou a que o xurado propuxese unha segunda volta con sete delas. Nas reunións mantidas a primeiros deste mes, o xurado decidiu que o primeiro premio fose para a proposta As Found! que, abertas hoxe as plicas, resultou ser do arquitecto Carlos Pita Abad; o segundo premio foi para o proxecto Motherboard, dos arquitectos José Manuel Casabella e José Luis Martínez Raído; e o terceiro premio acadouno a proposta EGJIA 117, da arquitecta Elisabeth Abalo Díaz, o xurado decidiu dar unha mención especial á proposta DOOM 2020 dos arquitectos Irisarri Piñeira e Sabín Blanco.

A valoración arquitectónica que o xurado fixo do proxecto gañador para o CSA destaca que “consiste nunha intervención respectuosa e sincera, que pon en valor o existente e actualízao coa inclusión de novas pezas e solucións que o activan e revitalizan. Valórase moi especialmente a nova estrutura de madeira que se insire no patio central, sen que supoña un obstáculo senón máis ben un acontecemento. O resto dos espazos son fluídos e funcionais. Proposta moi posibilista e economicamente viable”. Sobre a cualificación espacial e funcional da parcela, recolle a acta do xurado que se “utiliza o concepto do lema “As found” para elaborar unha metodoloxía de intervención a todos os niveis, cun resultado moi ordenado e preciso, que equilibra con acerto os espazos libres e as zonas construídas”.

A ordenación da parcela propón “a creación dun gran parque urbano onde se lea con facilidade a vella estrutura da Fábrica de Armas e como esta se convirte na Cidade das TIC, nun lugar de carácter, amable, acolledor e máis humano”. A proposta de rehabilitación da Fábrica de Armas traballa sobre o concepto de “supermazᔠdesenvolvida por Salvador Rueda e a Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona, cun núcleo fundamentalmente peonil e tráfico rodado perimetral de moi baixa intensidade. O modelo sería un híbrido entre un parque inglés e un campus universitario americano, dándolle á árbore un protagonismo arquitectónico, coa creación dun bosque.

Sobre o CSA, a primeira das naves que se rehabilitará, proponse unha construción de 2.627 metros cadrados entre a planta baixa e a entreplanta destinados a empresas TIC; e 2.069 metros cadrados para laboratorios, aulas e zonas comúns (cafetería, espazos de traballo informais, instalacións...). O proxecto plantexa a potenciación da tipoloxía basilical do edificio coa introdución dunha nova construción de madeira de 440 metros cadrados, destinado a aulas, coworking, cafetería e espazo informal.

Vinculado a todo isto proponse unha “arquitectura de proximidade”, segundo se indica na idea gañadora, traballando con empresas locais e galegas para que todos os materiais, sistemas e elementos de produción sexan galegos, coa fin de diminuír a pegada de carbono e aproveitar a ocasión para xerar riqueza de proximidade.

O xurado, presidido polo reitor da UDC, Julio Abalde, estaba formado por Miguel Abelleira, arquitecto designado pola Sociedade Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC; Cristóbal Crespo, arquitecto designado pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña; Amparo Casares, arquitecta e vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade da UDC; Antonio Raya, arquitecto e adxunto da Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade da UDC; Ãlvaro Fernández, arquitecto representante das empresas socias da Sociedade Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC; Antonio Rodríguez del Corral, representante da Sociedade Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC; Leoncio Touceda, representante da Sociedade Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC; e Bernardo Lage, xefe do Servizo de Arquitectura da UDC, como secretario.

Finalizado o acto de apertura das plicas cos nomes dos premiados, o reitor felicitou aos gañadores e agradeceu a elevada participación que puxo o nivel “altísimo”. Abalde manifestou a súa satisfacción polo avance deste proxecto que deixou xa de ser unha idea para ser unha realidade que se materializará pronto. Para o presidente do Clúster TIC Galicia hoxe é un día “para felicitarmos por este novo paso no desenvolvemento da Cidade das TIC”. Rodríguez del Corral confirmou que segue a rexistrarse unha alta demanda de empresas por instalarse na Cidade das TIC.

Sobre o CSA

A Cidade das TIC recibiu un importante apoio económico da Xunta de Galicia a través do Igape con 4,8 millóns de euros para construír o primeiro dos seus edificios, o Centro de Servizos Avanzados. O CSA será un centro de demostración, prototipado e lanzamento de proxectos para a implantación das TIC nos sectores económicos de Galicia. Prevese a súa entrada en funcionamento para o ano 2022 coa posta en marcha de laboratorios avanzados de innovación e un espazo de aloxamento para empresas TIC.

Universidade da Coruña, 2020-12-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES