Notas de prensa

A metade dos emprendedores reorientan o seu modelo de negocio en Galicia por mor da COVID-19

Só o 4% dos emprendedores abandonaron os seus plans para 2020 mentres que o 45% está reorientando o seu modelo de negocio. Son conclusións do Informe GEM-Galicia 2019-2020, elaborado polos investigadores da USC Loreto Fernández Fernández, Isabel Neira Gómez, Sara Fernández López, Emilio Ruzo Sanmartín, David Rodeiro Pazos, Marta Portela Maseda e Jacobo Feás Vázquez. Segundo os datos recadados, a COVID-19 afectará no 2020 a todas as fases do proceso emprendedor, aínda que de modo distinto.

“Despois de 50 días de confinamento, en abril de 2020, tan só o 4% dos futuros emprendedores abandonaran os seus plans de emprender e un 35% paralizáranos, pero aínda atopabamos un 45% que sinalaba que cambiaría o seu modelo de negocio mantendo a súa intención emprendedora”, explican os autores da investigación.

Neste senso, o 97% dos emprendedores vía oportunidades de negocio aínda que fora de xeito excepcional (29%), só no caso de empresas diversificadas (25%), en actividades relacionadas coa crise sanitaria (28%), ou en xeral para calquera empresa (15%). Tan só o 3% dos emprendedores entrevistados non vían oportunidades para ningunha empresa. Por outra banda, os expertos consultados a mediados de xullo de 2020 apuntaron cara a necesidade dunha axuda máis directa por parte do Estado, financiando un emprendemento innovador e reducindo a presión fiscal sobre os emprendedores. Estas recomendacións destacan, asemade, a potenciación do comercio interior e da economía de proximidade, reducindo costes fixos de determinadas industrias ou fomentando a colaboración entre empresas e individuos, especialmente aos “poseedores de capital” cos “poseedores de ideas”.

“En épocas como as que vivimos, os emprendedores potenciais, aqueles que manifestaban ter intención de crear unha empresa —10% no caso masculino e 7% no feminino, en 2019—, constitúen a base do futuro crecemento económico, e deben tratarse con especial atención, xa que se trata de persoas activas e cunha visión diferente das oportunidades da poboación en xeral”, apuntan os autores.

Emprendemento feminino e rural

A actividade emprendedora medida polo Total Entrepreneurial Activity (TEA) caeu levemente no 2019 situándose no 5,3%. Isto quere dicir que aproximadamente 5 de cada 100 persoas de entre 16 a 64 anos estaban involucradas en procesos emprendedores, isto é, entre 3 e 42 meses de actividade empresarial. Delas, o 53% eran autónomas e o 41% tiñan entre 1 e 5 empregados. Destas iniciativas, o 48% estaban orientadas ao consumo. Segundo os datos recadados, o 28% dos emprendedores tiñan estudos universitarios, distribuídos de forma equitativa entre homes (53%) e mulleres (47%). Ademais, no 2019 afianzouse o pulso do emprendemento feminino que, cun TEA do 6,8%, fronte ao 3,7% masculino, ocupaba unha situación de liderado se o comparamos co resto das comunidades autónomas en España, só superada por Cataluña.

Trátase, igual que no caso dos seus homólogos masculinos, de iniciativas de mulleres con estudos primarios ou secundarios, 74% do total. Atendendo ás súas características, na súa meirande parte pertencen ao sector servizos (47%), a empresas de pequena dimensión (62%) e situadas en contornas urbanas (71,7%). Neste senso, o informe salienta o significativo crecemento do emprendemento rural, co 28,3% do total de iniciativas no 2019, o que supón, xunto co feminino, o maior impulso do emprendemento en Galicia. O seu TEA, de case o 10% sobre o total da poboación rural, duplicaba a media galega, sendo aínda maior no caso feminino: o 11,6% das mulleres rurais galegas estaban involucradas en 2019 en iniciativas emprendedoras de até tres anos de vida. “Todo isto pode indicar que o nicho de oportunidades emprendedoras con capacidade de consolidarse no futuro, pode ser o contexto rural”, apuntan os autores do informe. Na elaboración desta investigación, a USC contou coa colaboración de investigadores da UDC, UVigo, Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e Federación Galega de Xoves Empresarios (FEGAXE).

Universidade de Santiago de Compostela, 2020-09-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).
Foto de la tercera plana (galicia-ilusiona-2026.jpg) Foio presentada a quinta edición de Galicia Ilusiona, o Festival Mundial de Ilusionismo de Galicia, que volverá converter a comunidade nun referente internacional da maxia durante os meses de novembro e decembro de 2026. Dirixido por Pedro Bugarín e Dani Polo, o festival, reunirá a seis artistas internacionais multipremiados: Mago Murphy, Toni Frebourg, An Ha Lim, Didak , Bonjin Koo e Diego @ Elena, que ofrecerán o mellor do ilusionismo en diferentes teatros e auditorios galegos, achegando espectáculos a milleiros de espectadores. A programación das galas Internacionais desenvolverase en oito cidades galegas: A Coruña, Cangas, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela, entre o 20 de novembro e o 13 de decembro.

Notas

A Casa de Rosalía en Padrón acolleu a presentación pública de 'TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade en torno ao Patrimonio Literario Rural', un proxecto liderado pola Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), na modalidade Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (ACTS).
A actriz e narradora oral Atenea García, o poeta e narrador Celso Sanmartín e as e os finalistas do certame 'Bótalle un conto' protagonizarán 'Contos de inverno', o ciclo de contacontos para adultos que promove a Vicerreitoría do campus. Dirixido a pór en valor a literatura de transmisión oral como parte do patrimonio inmaterial galego, así como subliñar o seu papel na preservación de tradicións, mitos ou lendas, este ciclo desenvolverase os días 19 e 25 de novembro, e 3 de decembro, na Casa das Campás.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES