Notas de prensa

Galicia despediu o mes de xullo máis seco desde o ano 1986, cun 93% menos de precipitacións do habitual para esta época

Galicia acaba de despedir un mes de xullo caracterizado polos valores extremos, con temperaturas máis altas do habitual, especialmente no que respecta ás máximas, e durante o que apenas se rexistraron precipitacións. Así se desprende do avance do informe climatolóxico de MeteoGalicia, que sitúa no ano 1986 o precedente máis seco para este mesmo período na Comunidade.

Durante todo o mes a tónica xeral en Galicia foi a influencia anticiclónica e a presenza de aire cálido procedente do sur da península Ibérica e do norte de Ãfrica. Esta situación explica que a temperatura media se situara 2,03 graos por riba do esperado, cunha anomalía incluso máis acusada no caso das máximas, extremadamente cálidas ao superar en 3,03 graos as medidas da histórica de referencia.

O calor foi xeneralizado no conxunto de Galicia, se ben os datos máis anómalos se deron na metade sur, onde a presenza frecuente de masas de aire cálido deixou moitas xornadas con avisos por temperaturas extremas.

Concretamente, as zonas máis calorosas foron as do Ribeiro, Verín e Valdeorras, onde a media mensual superou os 34 graos. Pola contra, os rexistros máis baixos se concentraron na Mariña lucense e na Costa da Morte, comarcas nas que os valores máis altos apenas chegaron aos 20 graos.

A excepcionalidade deste mes de xullo desde o punto de vista das temperaturas apréciase tamén se as comparamos co período de referencia 1981-2010, xa que a anomalía media rexistrada nos termómetros o mes pasado foi a segunda máis alta de toda a serie, só superada pola do ano 2013.

Ausencia de precipitacións

Polo que respecta ás precipitacións, xullo foi tamén extremo, con lugares de Galicia nos que non choveu durante todo o período. A única excepción foi o primeiro día do mes, durante o que unha fronte pouco activa deixou ao seu paso pola Comunidade nubes e algunha chuvia feble pola mañá.

O resto de xullo foi en xeral e no conxunto de Galicia extremadamente seco, tanto que hai que retroceder ata o ano 1986 para atopar un precedente no que se rexistraran aínda menos precipitacións. En concreto, a anomalía media das chuvias rexistradas nas estacións galegas máis representativas foi dun 93% por debaixo do agardado nesta época do ano.

Por zonas, os valores máis altos acadáronse na Mariña, que se viu rozada por algunha fronte débil, e no leste da Comunidade, con treboadas que deixaron arredor de 50 l/m2 acumulados. De feito, a comarca de Valdeorras foi a única na que choveu máis do habitual.

Avisos por temperaturas para os próximos días

Galicia está a verse afectada por unha masa de aire cálida procedente do norte de Ãfrica, que deixará temperaturas elevadas durante as próximas tres xornadas, sobre todo na metade sur da Comunidade.

Segundo o boletín emitido por MeteoGalicia para advertir deste episodio, para hoxe o nivel máximo de aviso será amarelo na zona do Miño de Ourense e en Valdeorras. Mañá, xoves, prevese que sexa o día de máis calor, con aviso laranxa tamén no Miño ourensán –onde poderán superarse os 39 graos- e amarelo en moitos puntos do interior das catro provincias.

A influencia do aire cálido africano manterase sobre a Comunidade tamén o venres aínda que a previsión é que descendan un pouco as temperaturas máximas, que poderían superar os 36 graos. Para esta xornada MeteoGalicia mantén o aviso amarelo só para o Miño de Ourense, a comarca de Valdeorras e o sur de Lugo.

Meteogalicia, 2020-08-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES