Notas de prensa

O Ministerio de Universidades confirma que Galicia é a CCAA coas taxas de matrícula máis baixas do Estado

O Ministerio de Universidades acaba de ratificar que no período 2011-2019 Galicia é a comunidade autónoma cos prezos públicos universitarios máis baixos do Estado, e incluso moi por debaixo da media do conxunto de España, polo que xa cumpre, desde hai dez anos, coas novas esixencias que desde o Goberno Central se van decretar para o conxunto das CCAA para o vindeiro curso universitario. Así se pon de manifesto no documento coa proposta de prezos públicos para o curso 2020/21

Este documento foi elaborado polo Ministerio e foi debatido na Conferencia Sectorial de Política Universitaria, presidida polo ministro de Universidades, Manuel Castells. No decurso da xuntanza, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, sinalou que Galicia leva unha década adiantándose a esta proposta do Ministerio, con prezos de primeira matrícula de grao conxelados e moi por debaixo da media do Estado, e que así seguirán para o vindeiro curso, tal e como ratificou o Consello da Xunta da semana pasada.

Precisamente a proposta do Ministerio toma como referencia o prezo medio de Grao en España no curso 2011/12, que é de 16,05 euros/crédito, cando o prezo das taxas de matrícula de grao nas tres universidades galegas sitúase en 11,89 euros/crédito (exactamente a mesma cantidade que se pagaba no curso 11/12 e que se vai pagar no 20/21), é dicir, 4 euros por debaixo do que establece o Goberno central. Deste xeito, Galicia adiántase ás decisións do Goberno central, mentres que outras comunidades terán que facer un elevado esforzo para cumprir cos requisitos nos vindeiros anos.

Segundo a conselleira, esta política de contención sempre tivo un obxectivo marcado, que era minorar o esforzo económico das familias e garantir a igualdade de oportunidades no acceso aos estudos superiores. Nesta mesma liña se manifestou o ministro Manuel Castells, quen anunciou que se transferirán fondos ás CCAA para que asuman o financiamento das universidades e reducir así o gasto das familias.

No caso de Galicia, cómpre subliñar que ademais de manter conxelados os prezos das matrículas de grao e dos máster habilitantes (os que son necesarios para exercer unha profesión), de cara ao vindeiro curso, a Consellería de Educación dá un novo paso baixando tamén as matrículas dos máster non habilitante (enfocados a unha especialización de coñecementos ou á investigación científica), ata equiparalos aos prezos de grao universitario.

Renovación pedagóxica e tecnolóxica

Por outra banda, Manuel Castells incidiu na necesidade de que as universidades se adapten ás condicións nas que terá que discorrer o vindeiro curso e sinalou como prioridade a renovación pedagóxica e tecnolóxica, para o que tamén dotarán de financiamento ás CCAA a través de fondos europeos. A conselleira apuntou que Galicia tamén ten como primeiro obxectivo o impulso de novas metodoloxías de ensino no sistema público universitario, en liña co manifestado polo ministro.

Ministerio de Universidades, 2020-05-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES