Notas de prensa

Publicadas as medidas para a reactivación do transporte público autonómico en condicións de seguridade para usuarios e traballadores

Publicada a Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade pola que se regulan as novas medidas para a reactivación do transporte público de viaxeiros de competencia autonómica en condicións de seguridade para usuarios e traballadores. O texto recolle as medidas que se aplicarán para garantir, en todo momento, a seguridade de traballadores e viaxeiros e facilitar a atención ás necesidades de mobilidade, de acordo á evolución da situación sanitaria.

Estas medidas serán de aplicación nos servizos de transporte público terrestre de titularidade da Xunta que se desenvolvan integramente no territorio galego e nos de transporte marítimo que se leven a cabo entre portos ou puntos da Comunidade Autónoma. Comezarán a facerse efectivas o vindeiro luns, 11 de maio, unha vez entre en vigor a orde publicada hoxe.

A dita orde especifica que a reactivación paulatina da actividade no transporte se establecerá en función da evolución epidemiolóxica na que se atope Galicia para garantir en todo momento un transporte seguro e, de feito, distingue diferentes tipos de servizos de transporte e horarios (en períodos punta e val) segundo as unidades territoriais establecidas pola autoridade sanitaria.

O documento detalla medidas comúns de protección da saúde e hixiénico-sanitarias que deben adoptar as persoas viaxeiras e o persoal de condución ou acompañante, pero tamén especificacións para a limpeza dos vehículos e embarcacións e para as infraestruturas de transporte (estacións de autobuses e paradas), así como a disposición de elementos de sinalización recordatorios das prohibicións, obrigas e recomendacións en materia de hixiene.

Para acceder ao transporte público e mentres permanezan no seu interior, os viaxeiros terán a obriga de usar máscara, sendo recomendable tamén o emprego de luvas. Deberán manter -na medida do posible- as distancias de seguridade (dous metros) durante o acceso e saída dos vehículos ou embarcacións e, se presentan síntomas ou consideran que teñen probabilidade de infección, deberán absterse de empregar ditos servizos. Aconséllase que as persoas especialmente vulnerables non fagan uso do transporte público.

Ademais, recoméndase realizar o pago mediante a Tarxeta de Transporte Metropolitano ou por medios tecnolóxicos similares para evitar o contacto co persoal de condución. En calquera caso, instalaranse dispensadores de xeles hidroalcohólicos en todos os vehículos e embarcacións, sendo obrigatorio o seu uso antes e despois de realizar o pagamento cando se realice en metálico.

En canto ao persoal de condución ou acompañante, estarán na obriga de usar máscara ademais de dispor dos equipos de protección determinados polos servizos de prevención de riscos laborais e respectar as medidas en materia de hixiene, saúde pública e seguridade no traballo. Ademais, deberán informar e orientar de xeito adecuado aos viaxeiros.

No que respecta á capacidade dos vehículos e embarcacións, a oferta de prazas dispoñibles limitarase á metade da súa capacidade, debendo garantir que non se ocupe máis dun asento da mesma fila, excepto por familias ou persoas que convivan xuntas, nin asentos contiguos, ademais de impedir a ocupación da primeira fila detrás do condutor. Recoméndase, ademais, a instalación de mamparas ou pantallas transparentes que separen o dito posto da zona empregada polos usuarios. Nos vehículos con prazas de pé, deberase manter o distanciamento físico entre as persoas usuarias co fin de manterse en valores inferiores a dúas persoas por metro cadrado.

Extremaranse as medidas de limpeza: cada cambio de quenda recoméndase realizar unha limpeza, debéndose desinfectar completamente os vehículos ou embarcacións, cando menos, unha vez ao día. Ademais, sempre que sexa posible, manteranse ventilados de xeito natural.

Nas estacións de autobuses de viaxeiros e nas principais paradas disporanse elementos de sinalización que permitan o mantemento dunha distancia física de, cando menos, dous metros entre as persoas usuarias e darase a máxima difusión de todas as pautas que publiquen as autoridades sanitarias e que resulten pertinentes.

Oferta de servizo

A oferta de servizos de transporte público regular de titularidade da Xunta que se desenvolvan dentro da mesma unidade territorial será dun mínimo 80% en horario punta, é dicir, entre as 06,00 e as 09,30 horas e entre as 13,00 e as 16,00 horas dos días laborais e dun 50% en horarios val. Esta oferta de servizos reducirase nun mínimo do 50% cando se trate de servizos de transporte a desenvolver entre dúas unidades territoriais diferentes.

As empresas concesionarias dos servizos de transporte público adaptarán a súa oferta de servizos de tal xeito que se lle garanta á cidadanía o acceso aos principais servizos básicos e centros de traballo. Ademais, poderán intensificar a súa oferta nas franxas horarias de maior demanda coa finalidade de mitigar o efecto das restricións da capacidade máxima dos vehículos e deberán dar a máxima información aos usuarios sobre a oferta de servizos.

Durante a situación do estado de alarma e ata que se retome a actividade lectiva no ensino obrigatorio, os servizos de transporte público regular de viaxeiros por estrada de titularidade da Xunta prestaranse coas condicións estipuladas para os días “non lectivos”.

Coa orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia a Xunta establece medidas para reactivar os servizos de transporte público de viaxeiros dun xeito paulatino e coa máxima seguridade de acordo á realidade das necesidades de mobilidade existentes no territorio e á evolución da situación sanitaria, garantindo, en todo caso, as medidas sanitarias e de saúde e de hixiene necesarias e que a cidadanía poida acceder aos seus postos de traballo e aos seus servizos básicos coas máximas garantías.

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, 2020-05-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES