Notas de prensa

O teléfono de atención e información 012 atendeu máis de 18.300 chamadas desde o inicio do estado de alarma polo coronavirus

O teléfono de Atención e Información á Cidadanía -012- recibiu máis de 18.300 chamadas desde o inicio do estado de alarma ata o pasado martes, o que supón un 77% máis que nunha xornada ordinaria. Así, se o promedio de chamadas recibidas neste número é de 647, nos últimos 16 días superou as 1.100. O teléfono 012 está a canalizar, con carácter xeral, a atención á cidadanía, tal e como acordou o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) do pasado 16 de marzo.

A través deste número estanse a atender as consultas non sanitarias dos cidadáns relacionadas co COVID-19, polo que funciona como un servizo multifuncional para informar aos cidadáns das súas dúbidas e preocupacións máis frecuentes sobre este tema en base a fontes oficiais co obxectivo de evitar a aparición de informacións erróneas.

O servizo de Atención e Información á Cidadanía reforzouse para dar resposta ao aumento do volume de chamadas durante a situación de emerxencia sanitaria. Así, desde o comezo do estado de alarma vense reforzando a dotación de recursos humanos, en concreto en máis dun 40%. Ademais, estendeuse a atención a festivos e fins de semana para potenciar o servizo mentres estea en vigor a situación sanitaria.

Os cidadáns poden contactar con este servizo a través do teléfono 012 (981 900 643 para chamadas realizadas desde fóra da comunidade autónoma) ou do correo electrónico 012@xunta.gal, para asesorarse e recibir información sobre os servizos prestados pola comunidade autónoma.

No 012 estanse a atender dúbidas relacionadas coas restriccións e as medidas adoptadas para frear o avance do coronavirus. As consultas máis frecuentes rexistradas neste número fan referencia á apertura e peche de negocios e empresas, ás axudas e prestacións ás que poden acollerse distintos colectivos, aos desprazamentos permitidos, ao mantemento do réxime de visitas de menores, así como á realización de trámites coa Administración autonómica e á suspensión de prazos administrativos.

Outro importante volume de chamadas están relacionadas coa aplicación dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE). Por iso, a Xunta habilitou o teléfono gratuíto 900 815 600 para atender consultas dos cidadáns no eido económico e laboral, fundamentalmente vinculadas aos ERTE, e onde son atendidos directamente por profesionais da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Por outra parte, o Goberno galego reforzou o actual teléfono do voluntariado (900 400 800), integrado no servizo de Atención e Información á Cidadanía 012 cun servizo de axuda aos cidadáns, no que se lle dá prioridade a aquelas chamadas que alerten de situacións de vulnerabilidade ou emerxencia social.

O persoal que atende neste número está á disposición de persoas que necesiten apoio psicolóxico especializado que serán derivadas a un profesional deste ámbito se é preciso. Desde o teléfono social tamén se derivarán chamadas ás persoas anotadas nunha rede de voluntariado para conversa ou acompañamento telefónico a persoas maiores ou vulnerables. Ademais, esta liña serve para informar de posibles casos de especial vulnerabilidade e emerxencia social para buscar unha solución.

Centro de Coordinación Operativa (Cecop), 2020-04-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES