Notas de prensa

Entregados os Premios de Excelencia Académica a 362 estudantes de todos os graos ofertados nas tres universidades galegas

Estes premios recoñecen os mellores expedientes en cada un dos tres primeiros anos de todos os graos oficiais impartidos no SUG, co obxectivo de motivar ao alumnado universitario para mellorar o seu currículo e recoñecer a súa actitude de compromiso co seu proceso formativo e o seu mérito e esforzo no estudo. Trátase, por tanto, de estimular o aproveitamento académico dos estudantes e incentivar a excelencia.

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, destacou o esforzo e a motivación dos 362 universitarios galardoados cos Premios de Excelencia Académica que por primeira vez outorga a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Así o sinalou durante o acto de entrega destes galardóns, dotados con 1.000 euros e un diploma acreditativo e que forman parte do Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para potenciar a calidade das universidades galegas.

Estes premios -que recoñecen os mellores expedientes en cada un dos tres primeiros anos de todos os graos oficiais impartidos no SUG- son unha nova liña de axudas ao estudo da Consellería de Educación, co obxectivo de motivar o alumnado universitario para mellorar o seu currículo e recoñecer a súa actitude de compromiso co seu proceso formativo e o seu mérito e esforzo no estudo. Trátase, por tanto, de estimular o aproveitamento académico dos estudantes e incentivar a excelencia co fin de seguir avanzando na construción dun Sistema Universitario Galego competitivo e de calidade.

“Decidimos convocalos como un xeito de motivarvos para mellorar o voso currículo, xa que acadalos acredita o voso mérito no estudo”, dixo Pomar, quen alentou os galardoados a “seguir formándovos, sempre aprendices, sempre curiosos”. “Sodes estudantes cunha nota media igual ou superior a 8 puntos, cos mellores expedientes de cada curso en todos os graos. Que se di fácil, pero implica un esforzo sostido, un compromiso serio e moitas renuncias”, abondou.

Estes galardóns veñen completar os Premios Fin de Carreira, que cada ano lles outorga a Consellería aos mellores expedientes dos egresados nas universidades do SUG. Nesta primeira convocatoria resultaron recoñecidos un total de 362 universitarios, que se corresponde cos que obtiveron as mellores cualificacións no curso 2017/18 nas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) en cada un dos cursos de grao oficial, agás o último, e que continuarán os seus estudos nas universidades galegas.

A meirande parte dos premios (o 64,4%) recaeron en mulleres, polo que estas acaparan máis de 6 de cada dez galardóns fronte ao 35,6% dos homes.

Por universidades, o 42,31% dos premios concedidos foron para a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o 31,04% para a Universidade de Vigo (UVigo) e o 24,65% para a Universidade da Coruña (UDC).

Requisitos

Cómpre lembrar que son as propias universidades as que seleccionan os expedientes académicos das persoas que, superando a totalidade dos créditos correspondentes a un curso académico completo segundo o plan de estudos na primeira convocatoria, obtivesen a maior nota media, sempre superior aos 8 puntos.

Concédeselle un premio por cada titulación oficial de grao e programas de simultaneidade de graos ao alumnado que finalizase os estudos de 1º, 2º e 3º curso. Quedan excluídos os de último ano por poderen optar aos premios fin de carreira que tamén convoca a Consellería. Para o alumnado dos graos oficiais con máis de catro cursos, segundo o plan de estudos de ditas titulacións, esténdese o premio ata o cuarto curso para os graos de 5 anos e ata o quinto curso para os graos de 6 anos.

Premios de Excelencia Académica, 2019-09-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (estacions-ano-cdc.jpg) A exposición 'As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI' pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea. Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia.
Foto de la tercera plana (infancia_2.jpg) Galicia continúa a manter o liderado na taxa de escolarización 0-3 por cuarto curso consecutivo, cun 64 %. Os datos do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes referentes ao período lectivo 2026-2026 consolidan este primeiro posto, con 14 puntos por riba da media nacional. Ademais, Galicia é a única comunidade autónoma que está por encima da barreira do 60 % en niveis de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil e supera en case 20 puntos o obxectivo da Unión Europea para o ano 2030, que é do 45 %. Estas cifras colocan a Galicia como referente no apoio ás familias e á infancia e son posibles grazas a medidas como a gratuidade das escolas infantís.

Notas

Ducias de persoas participaron nas actividades do Vendaval, Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra, que entre o 25 e o 30 de agosto levou proxeccións, concertos, conversas e encontros con cineastas a diferentes espazos da comarca. Unha proposta cultural diferente, de balde e vinculada ao territorio que volverá durante o outono e a primavera con dous novos pases e novas propostas cinematográficas.
A USC vén de reafirmar a súa aposta en prol da administración dixital e de que parte dos seus servizos poidan ser prestados de xeito eficaz por medios telemáticos, coa renovación (2026-2028) do Certificado de conformidade co Esquema Nacional de Seguridade no seu nivel medio. Isto é froito do traballo conxunto da Secretaría Xeral, a unidade de Seguridade da Información que coordinou o proceso, a Ãrea TIC, e o Comité de Seguridade da Información.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES