Galicia participa por primeira vez en Miami na convención ASTA de axencias de viaxe americanas formando a máis de 150 axentes
A presenza de Galicia neste evento enmárcase na estratexia de reforzar a presenza internacional e achegar tamén o Ano Santo 2021 a mercados de crecente interese como está a demostrar ser o estadounidense. É xa o terceiro mercado internacional do que proveñen máis viaxeiros, por detrás de Portugal e Alemaña. O ano pasado máis de 110.000 estadounidenses escolleron Galicia como destino turístico.

Galicia participa este ano por primeira vez na Convención Global ASTA organizada pola Asociación de Axencias de Viaxes Americanas que se está a celebrar esta semana na cidade de Miami con máis de 1.200 participantes e onde persoal da Xunta e membros do sector turístico galego impartiron un curso de capacitación sobre o destino Galicia a máis de 150 axentes.
Ademais, a directora de Turismo, Nava Castro, tamén asiste a esta convención na que Galicia conta cun expositor compartido con Turespaña para encontros de traballo e citas profesionais e onde se promove o destino galego para reforzar os lazos turísticos entre ambos destinos de cara ás oportunidades do Xacobeo 2021. Por parte do sector, o Clúster Turismo de Galicia conta neste evento cos turoperadores Rutas Meigas, Pilgrim, Galiwonders, SimplyTravel Galicia, Interrías e Eatour Specialist.
Mercado que medra un 20%
A presenza de Galicia neste evento enmárcase na estratexia turística do Goberno galego por reforzar a presenza internacional e achegar tamén o Ano Santo 2021 a mercados de crecente interese como está a demostrar ser o estadounidense.
É xa o terceiro mercado internacional do que proveñen máis viaxeiros, por detrás de Portugal e Alemaña. O ano pasado máis de 110.000 turistas estadounidenses escolleron Galicia e no que vai de ano a demanda turística de EEUU está a medrar a un ritmo do 20%. O mesmo sucede no eido do Camiño de Santiago, onde tamén é o terceiro país estranxeiro do que proveñen máis peregrinos.
Xunta de Galicia, 2019-08-27
Actualidad

A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukuić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro. A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukuić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.

Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.
Notas
A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para as III Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que se celebraron en Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia profesionais e alumnado das tres universidades galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias.