Notas de prensa

O Pazo da Ópera da Coruña acolle este xoves a estrea de ‘Diversos funcionais’, dentro da convocatoria Cultura Accesible e Inclusiva

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado da edil de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, asistiu ao ensaio xeral do concerto que a Banda Municipal de Música da Coruña ofrecerá este xoves, 2 de maio, no Pazo da Ópera. A actuación suporá a estrea e presentación ao público do disco Diversos funcionais, un traballo que nace froito do proxecto ​Músicas inclusivas e participativas.​

Este programa, impulsado polo Concello da Coruña a través da Fundación Emalcsa, promove a posta en marcha de iniciativas que faciliten a inclusión de persoas con diversidade na vida cultural e sexan protagonistas da mesma.

Durante o ensaio, que serviu para presentar o disco ante os medios de comunicación, Xulio Ferreiro salientou esta iniciativa, “que usa a música como vehículo de inclusión”. O primeiro edil salientou que “este proxecto representa claramente o proxecto de cidade no que estamos a traballar dende o goberno da Coruña: unha cidade máis próxima, activa, inclusiva e plural, que ten presentes a todas as voces e a todas as potencialidades”. Por outro lado, salientou o valor da inclusión a través da música. “Temos sorte, neste sentido, de ser unha cidade que é a casa da Sinfónica de Galicia, que conta cunha Banda Municipal do nivel de esta, de contar con ducias de corais de arraigo e de ser o escenario do Festival Noroeste. Con este proxecto, de novo, A Coruña vai amosar o seu potencial artístico e creativo”, engadiu.

Músicas inclusivas e participativas ​naceu no ano 2016, ao abeiro da primeira convocatoria de Cultura Accesible, coa colaboración co músico e técnico sociosanitario Rober Pier, coa idea de desenvolver unha terapia musical enfocada á diversidade a través do coñecemento e a interpretación de mantras creados polo artista. Logo de dous anos de obradoiros e concertos nos que tamén participou a Banda Municipal, este ano a Asociación Tres por Cuatro ampliou o proxecto para dar cabida a un maior número de entidades que traballan no ámbito das diversidades na cidade e favorecer a gravación dun disco da man da agrupación musical municipal. Así, persoas usuarias da Asociación de Dano Cerebral Adquirido (Adaceco), Fundación Adcor, Asociación para a integración do neno disminuído (AIND), Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Grupo de Persoas con Discapacidade de A Coruña (Grumico), Centro de Atención a Persoas con Discapacidades da Coruña (CAPD Coruña) e Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) participaron nos últimos meses tanto nos obradoiros como no rexistro dos 10 temas que conforman o disco. No traballo, que se presentará este xoves nun concerto aberto á veciñanza, tamén interviron artistas como Lydia Botana, o grupo vocal EntreElas ou os coros Sotto Voce e Ludus Tonalis.

Diversos funcionais ​recolle as obras creadas ao longo destes obradoiros por Robert Pier, entre as que se inclúe unha nova peza, Éter, que se presentará no concerto do xoves. As obras contan con arranxos de Simón García, compositor e músico da Banda Municipal, que interpretará os temas baixo a dirección de Juanjo Ocón. No concerto, tamén participarán membros do grupo coral CEIP San Pedro de Visma e do coro da Universidade, superando así o cento de cantantes que se darán cita no escenario do Pazo da Ópera.

Músicas inclusivas e participativas ​é un dos doce proxectos que se levarán a cabo neste 2019 no marco da terceira edición de Cultura Accesible e Inclusiva. No programa, no que no ano pasado participaron máis de 10.000 persoas nos seus eventos, conta co apoio de entidades como a Fundación María José Jove, Repsol, Vegalsa, Fundación Banco Sabadell e Naturgy.

Concello da Coruña, 2019-04-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES