
Con percorridos que van dos 69 aos 80 quilómetros, a proba conta con etapas de diferentes dificultades, "sendo o máis importante que se trata dun evento deportivo para todos, que contribúe a difundir a riqueza termal, paisaxística e natural da provincia, motivo polo cal a Deputación de Ourense apoia esta iniciativa que destaca os valores de saúde, sacrificio e convivencia que tan ben definen ao deporte", dixo Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, na presentación que tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial.
Neste sentido, o presidente da Fundación ADO Moure, Carlos Moure, agradeceu a colaboración das diferentes institucións e empresas e dixo que o obxectivo desta proba "é que a xente coñeza a fermosa contorna de Baños de Molgas e os demais concellos limítrofes gozando da natureza e da bicicleta". Tamén, o alcalde de Baños de Molgas, Xaime Iglesias, remarcou que este evento "ten un carácter especial, polo que supón de compartir en familia unha actividade deportiva que achega dinamismo ao noso municipio".
O xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez lembrou que o proxecto "Estacións", co que supuxo de recuperación para as antigas estacións de ferrocarril como a de Baños de Molgas "contribuíu a impulsar o territorio", e destacou ao turismo deportivo como "unha das grandes apostas de máis éxito da Deputación de Ourense".
Carlos Barbosa, subdirector xeral de "La Región", grupo empresarial que colabora co evento, expresou o agradecemento á Fundación ADO Moure e á Deputación de Ourense, subliñando "a alianza de colaboración que fai posible o desenvolvemento de actividades como esta", que La Región apoia por medio dos seus soportes de comunicación, entre os que citou o suplemento +Deporte, comentando tamén o labor que ADO Moure fai a prol da seguridade viaria dos ciclistas.
As catro etapas do "Challenge los 4 días de Ourense" terán como punto de saída e chegada Baños de Molgas e percorrerán, ademais, os concellos de Maceda, Vilar de Barrio, Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Taboadela e Ourense.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.