
Este plan de promoción e produción para músicos e músicas contará con actividades abertas ao público. Están confirmadas unha serie de clases maxistrais centradas en diversos conceptos e disciplinas musicais. Artistas dun prestixio indiscutible compartirán os seus coñecementos durante as mañás do 11 ao 13 de decembro na Escola Municipal de Música. Xabier Díaz, Luis Pastor , Sumrrá e Narci Rodríguez serán os responsables destas formacións sen custe ningún.
As tardes do 10 ao 14, entre o Centro Cívico da Cidade Vella e o Garufa Club acollerán charlas formativas sobre diversos aspectos relacionados cunha carreira musical: facturación, relación cos medios de comunicación, elaboración dun rider técnico, planificación estratéxica
realizados por profesionais do sector como Patricia Hermida, Diego Basadre ou Manuel Alonso.
Ademais haberá interesantes charlas sobre o impacto e posibles consecuencias do Estatuto do Artista, sobre os medios de comunicación e a súa responsabilidade co sector musical ou sobre políticas culturais no concello de Coruña. Haberá tempo tamén para unha charla entre os premios honoríficos dos Premios Martín Códax da Música da cidade herculina.
Abrirase un censo online para proxectos musicais de Coruña e contorna que estean en activo, unha importante ferramenta que xa demostrou a súa utilidade en outros concellos galegos. E terán lugar speedmeetings entre músicos e programadores.
Tamén está confirmada a presenza de Juan Pérez-Fajardo, considerado o gran fotógrafo do rock and roll en España, que achegará do 13 de decembro ao 6 de xaneiro á Casa Museo María Pita a súa exposición Soundtrack sobre fotografía musical. Ademais dunha visita guiada pola exposición, impartirá unha charla sobre a importancia da imaxe para os artistas.
O sábado 15 será un día de celebración da música na rúa en horario de sesión vermú. Unha homenaxe a discos Portobelo e Jazz Filloa con pasarrúas musical e máis sorpresas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.