Notas de prensa

O 23º Festival de Cine de Ourense proxectará preto de 70 traballos

Preto de 70 traballos de 17 países distintos, proxectaranse durante o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), do 29 de novembro ao 5 de decembro. Un certame que tamén homenaxeará ao actor Luís Tosar (premio Cidade de Ourense); á actriz Mabel Rivera (premio Fundación AISGE a toda a traxectoria); e ao director ourensán Xavier Bermúdez (premio Calpurnia de Honra).

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, considera que estamos ante un certame "potente" con clara vocación universal e de permanencia, "o festival do cinema de Galicia" cuxa edición número 23 supón un salto de calidade. A programación do Festival de Cine de Ourense 2018 que hoxe se presentou no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" é "o programa da ilusión" e a Fundación Carlos Velo foi "fundamental na celebración desta 23 edición", dixo Manuel Baltar.

Para a Deputación de Ourense "a cultura, con maiúsculas, é un elemento competitivo e diferenciador. Temos unha parte importante do cine de Galicia con protagonismo ourensán, tiñamos un Festival con 22 edicións celebradas, e teremos un festival con, polo menos, 22 edicións máis, que non se van a materializar só na vindeira edición, senón que durante todo o ano queremos levar a cabo diversas actividades vencelladas ao cine por toda a provincia", adiantou o presidente do goberno provincial.

O coordinador artístico do certame, Miguel Anxo Fernández, destacou, así mesmo, que a pesar de tratarse dunha edición organizada en tan só 7 semanas, ofrece un programa "variado" e cualificou o festival de "feliz realidade" froito dun desafío e un intenso traballo en equipo.
Luís Tosar, Mabel Rivera e Xavier Bermúdez: os premiados no OUFF 2018.

O actor "máis internacional dos nosos actores", segundo Miguel Anxo Fernández, Luís Tosar, será un dos invitados de honra ao OUFF. O intérprete recibirá o premio Cidade de Ourense como recoñecemento á súa traxectoria, coincidindo co vixésimo aniversario da súa primeira película.

Así mesmo, a actriz Mabel Rivera acudirá á gala de clausura para recoller o premio Fundación AISGE a toda a traxectoria; e o cineasta ourensán Xavier Bermúdez, "o máis laureado do cinema ourensán", recibirá o Calpurnia de Honra.

O programa: sección oficial

Do 29 de novembro ao 5 de decembro, o Festival de Cine Internacional de Ourense proxectará traballos procedentes de 17 países en 6 localizacións da cidade: o Teatro Principal, dúas salas do Auditorio Municipal, o Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Cine Clube Padre Feijoo e, por primeira vez, o Liceo de Ourense.

Na Sección Oficial compiten 10 longametraxes de 9 países, moitos deles premiados en certames tan prestixiosos como Cannes, San Sebastián, Sundance ou a Seminci. Ademais, por primeira vez compite unha película rodada en Ourense, " Tódalas mulleres que coñezo", documental de Xiana do Texeiro que fala do acoso, a violencia sexista e a desigualdade entre homes e mulleres, e que tamén ten localizacións en Lugo.

A Sección Oficial tamén destaca por incluír 4 longametraxes rodadas por mulleres e outras 4 óperas primas que vivirán no OUFF a súa estrea en Europa.

As películas a concurso son: "Cría puercos", do mexicano Ehécatl Garcia; "Axúdame a pasar a noite", do tamén mexicano Ramón Chávez Delgado; "Mug", da directora polaca Malgorzata Szumowska e gañadora do Gran Premio do Xurado na última Berlinale; "The miseducation of Cameron Post" (Estados Unidos), de Desiree Akhavan e Espiga de Prata na Seminci; "Kona fer i strio" (Francia, Islandia e Ucraína), de Benedikt Erlingsson; "Capharnäum" (Líbano, Francia), de Nadine Labaki e gañadora de tres premios en Cannes; "Memorias dun home en pixama", de Carlos Fernández Vigo, cinema español e animado; "Beast", do británico Michael Pearce; "Fishbone", do alacantino Adán Aliaga; e "Tódalas mulleres que coñezo".

Por outra banda, 24 curtametraxes de creadores galegos compiten no concurso OUFF en curto.
Seccións paralelas: ciclos "Amal en ruta", Ingmar Bergman e En Feminino.

O festival contará, ademais, con varias seccións paralelas. O ciclo "Amal en ruta" dedicado ao cinema euroárabe, un ciclo sobre Ingmar Bergman con motivo do centenario do nacemento do lendario cineasta sueco; En Feminino, que presenta varias películas dirixidas e protagonizadas por mulleres; e unha selección das mellores longametraxes de Xavier Bermúdez, premio Calpurnia de Honra.

Por outra banda, "Mar de Terra", o documental sobre o Entroido con protagonismo e música de Kepa Junkera, abrirá o festival o día 29 no Auditorio Municipal; mentres que "Un home fiel", drama de Louis Garrel premiado en San Sebastián, será a película de clausura.

E, por primeira vez nos 23 anos de historia do OUFF, o festival estreará dúas series de televisión, "Lobos e cordeiros" e "Vos Mariachi", porque, para Miguel Anxo Fernández, "non se entende a afección audiovisual sen o medio televisivo".

OUFF escola e Fas Muvis

A nova edición do OUFF contará con dúas actividades, unha delas recorrente na programación do OUFF: OUFF Escola e Fas Muvis, ademais de con exposicións, música e obras literarias. O IX Certame de Cinema OUFF Escola pretende impulsar o uso do galego, coñecer a visión dos máis novos sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo. Dentro do OUFF escola enmárcase tamén a proxección do filme "A cambio de nada" de Daniel Guzmán. Será o 4 de decembro ás 11.00 horas no Teatro Principal para colexios de Secundaria de Ourense.

Fas Muvis. Límite 48 horas é unha das novidades desta edición do festival. Trátase dunha proba por equipos para realizar unha peza audiovisual dunha duración de entre 3 e 10 minutos durante un tempo limitado de 48 horas. O proxecto, relacionado coa cidade de Ourense, poderá ser ficción, documental ou mesmo un publireportaje pero deberá ser rodado unha 40% en exteriores da cidade e en galego.

A Deputación de Ourense coa colaboración da Xunta de Galicia, Concello de Ourense, ABANCA, GADIS e Fundación AISGE únense dentro da 23 ª edición do Festival de Cinema Internacional de Ourense para facer de Ourense de novo a capital do cinema en Galicia.

Toda a información sobre o Festival de Cine Internacional de Ourense atópase na web www.ouff.org, desde onde tamén se pode descargar o programa de man para non perdernos ningunha estrea.

Deputación de Ourense, 2018-11-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ãngel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES