Notas de prensa

Máis de 150 alumnos de galego no Bierzo, de viaxe de estudos en Galicia

Un grupo de 157 alumnos e alumnas, residentes nas comarcas galegofalantes do Bierzo e de Sanabria, acompañados de profesorado de 11 dos 19 centros adscritos ao Programa de Promoción da Lingua Galega enmarcado no Protocolo Xeral de Colaboración entre a Xunta de Galicia e a Xunta de Castela e León rematan hoxe a visita de estudos que os trouxo a Galicia.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recibiunos hoxe pola mañá no peirao de San Adrián de Cobres, onde embarcaron para coñecer a Illa de San Simón. García Gómez animounos “a seguir estudando a lingua e a cultura de Galicia e tamén a falar galego nos vosos respectivos lugares de orixe para contribuírdes a manter a lingua nestes territorios galegofalantes do exterior”. Acompañounos a subdirectora xeral de Política Lingüística, Lourdes Batán.

O alumnado, que saíu onte de Ponferrada, tivo oportunidade de visitar Carril, a Illa da Cortegada e a Illa de San Simón; hoxe visitarán a vila mariñeira de Baiona e, xa de camiño de volta, Vilanova de Arousa e Santiago de Compostela. Durante esta viaxe, tiveron oportunidade de participar en actividades deportivas e de lingua, charlas de sensibilización medioambiental, visitas guiadas e outras actividades culturais.

1101 alumnos e alumnas estudan galego en Castela e León este curso

O Programa de promoción do galego no Bierzo e en Sanabria, iniciado no ano 2001, chega este ano aos 1101 alumnos e alumnas con 19 centros adscritos: no caso dos centros de infantil e primaria, en León, CEIP da Quinta Angustia de Cacabelos, CEIP San Ildefonso de Camponaraya, CRA de Carucedo, CRA Jimena Muñiz de Corullón, CEIP Compostilla de Ponferrada, CEIP Jesús Maestro de Ponferrada, CEIP Virgen del Carmen-La Placa de Ponferrada, CEIP Valentín García Yebra de Ponferrada, CRA del Puente de Domingo Flórez, CEIP Mª Luisa Ucieda de Toral de los Vados, CEIP de Toral de Merayo, CEIP San Lorenzo de Brindis de Vilafranca e CRA Cubillos del Sil de León; e, en Zamora, CEIP Tuela-Bibey de Lubián. Canto aos centros de ensino secundario, o IES adscritos son o Bergidum Flavium de Cacabelos, o Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo e os ponferradinos Europa e Virgen de la Encina. Ademais, na EOI de Ponferrada estudan galego este curso preto dun cento de alumnos e alumnas.

Ademais de en Castela e León, a Secretaría Xeral de Política Lingüística promove o galego nos estudos preuniversitarios no IE Cañada Blanch de Londres, nos institutos cataláns do proxecto Galauda e mais no Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires. Deste xeito, responde ás demandas dos galegofalantes que viven no exterior e dá a coñecer o noso idioma entre a poboación de orixe non galega.

Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e en Sanabria, 2018-05-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES