Notas de prensa

O Festival Noroeste Estrella Galicia celebrará a súa 32º edición do 7 ao 12 de agosto de 2018

Unha das citas musicais de referencia do noroeste peninsular regresa este verán con máis de 100 actuacións de balde que inundarán máis de 15 escenarios urbanos da Coruña, como a praia de Riazor, prazas, museos, teatros, parques, rúas e locais de referencia da cidade. Ana Curra, Christina Rosenvinge, Group A e Mordem son as primeiras artistas confirmadas.

Como cada ano, A Coruña transformarase no mes de agosto para acoller unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este 2018, o festival celebrarase do 7 ao 12 de agosto e contará con máis de 100 bandas e artistas que inundarán cos sons máis eclécticos -pop, rock, indie, heavy, vangarda, fado, hip hop, fusión, folk, punk, noise, canción de autor, etc.- todos os recunchos urbanos da cidade. Dentro do cartel para esta 32º edición, que segue fiel á súa aposta pola calidade, a contemporaneidade e a singularidade de todos os seus directos, están xa confirmados os nomes de Ana Curra, Christina Rosenvinge, Group A e Mordem. Catro xeracións de mulleres cunha brillante e celebrada traxectoria, estilos variados e moito que dicir enriba dos escenarios.

CALIDADE, DIVERSIDADE E APOSTA POLO DESCUBRIMENTO DURANTE O DÍA E A NOITE.

O Festival Noroeste Estrella Galicia é unha cita musical única en España, que ofrece un programa atractivo de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 60.000 persoas. Considerado como un dos eventos musicais máis imprescindibles do verán no norte peninsular, o Noroeste está organizado polo Concello da Coruña e conta coa colaboración especial de Estrella Galicia. Un ano máis, o Noroeste Estrella Galicia apostará pilas bandas locais e galegas e buscará ser o reflexo dunha cidade moderna e fundamentalmente musical. Da súa man, A Coruña abrirase a novos camiños, a novas maneiras de facer e de mirar, consolidándose coma un reclamo de turismo atractivo, experiencial, contemporáneo e singular.

Na súa 32º edición, o Noroeste Estrella Galicia contará de novo coa colaboración de Cuac FM, que celebrará un ano máis o seu xa tradicional Concurso de Bandas e Solistas, do que moi pronto abrirase a convocatoria de participación. Ademais, na súa aposta por interactuar co tecido asociativo e os axentes culturais da cidade, o festival contará por segundo ano consecutivo coa colaboración de Clubtura e Desconcierto Cultural. Así mesmo, o Mercado da Colleita, de Hijos de Rivera, celebrarase de novo en paralelo na súa sesión de música dominical.

Fiel á filosofía que ven caracterizando ao festival nas súas últimas edicións, o Noroeste Estrella Galicia manterá en 2018 o seu carácter urbano e aos 15 escenarios que deron cabida aos concertos en 2017 -a Praia de Riazor, o Castelo de Santo Antón, a Praza de San Nicolás, a Fundación Luis Seoane, a Casa Museo Casares Quiroga, o Campo da Leña, a Praza das Bárbaras, as rúas de Torreiro ou Capitán Troncoso e o Parque do Paseo das Pontes, entre outros- sumaranse novas localizacións para ofertar ao público novas experiencias e novas formas de interactuar coa cidade a través da música.

En 2018, o Noroeste Estrella Galicia repetirá a súa aposta por ofrecer ciclos de programación para todo tipo de públicos a diferentes horas do día e da noite. Na súa 32º edición contará de novo con sesións matinais (para ampliar a experiencia da cidadanía tamén no mediodía, da man de bandas con pegada da escena galega e estatal), o Ciclo Selección Noroeste (con directos exclusivos en teatros e recintos a cuberto da cidade) e o Noroeste + (cando finalicen os directos na praia e nas prazas, os locais da noite coruñesa abrirán as súas portas a dj’s residentes e visitantes como sobremesa do festival).

Na súa pasada edición, o evento coruñés rexistrou máis de 200 horas de música ao vivo e unha asistencia de preto de 90.000 persoas, con bandas do talle de Kaiser Chiefs, The Jesus and Mary Chain, Iván Ferreiro, Surfin’ Bichos, Rosalía & Refree, Los Mambo Jambo, Aviador Dro, Mourn, Bala ou Enric Montefusco, entre moitos outros. En 2018, o Festival Noroeste Estrella Galicia continuará medrando e prestando especial atención á cultura de proximidade e a artistas e bandas emerxentes por descubrir, que compartirán escenarios con recoñecidos nomes da escena estatal e internacional.

O Concello da Coruña e Estrella Galicia continúan a súa colaboración trala firma en 2016 dun convenio institucional relativo á programación cultural que se pode gozar na cidade e que ten como máximo expoñente ao Noroeste. Este acordo é froito da creenza común de que a cultura é a ferramenta imprescindible para definir e impulsar unha cidade cada vez máis viva, cosmopolita e avanzada.

Festival Noroeste Estrella Galicia, 2018-05-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES