
A consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, apoia a publicación do libro-CD Maruxa Boga. Recordando a Galicia, de aCentral Folque, que recupera a figura desta muller emblemática da diáspora e a memoria do programa máis popular e lonxevo da radio galega na Arxentina. A obra presentouse na sede do Consello da Cultura Galega, que colabora con esta publicación a través dos seus arquivos gráficos e sonoros.
Maruxa Boga foi a principal locutora dos espazos radiofónicos galegos en Arxentina, nos que divulgou a música xerada na colectividade da emigración desde 1945 cando, seguindo a proposta que lle fixera Castelao, que apadriñou a primeira emisión, crea o programa Recordando a Galicia, que se mantivo en antena ata 1984.
Personaxe emblemático da diáspora galega, Maruxa Boga foi pioneira na radiodifusión e no ámbito artístico-musical. Nacida en Río da Prata en 1915 asumiu como propia a orixe galega dos seus pais (de Barbanza), participando desde nova da efervescencia cultural que caracterizaba a emigración de Arxentina.
Polo estudo de Recordando a Galicia pasaron intelectuais, artistas e escritores como Castelao, Luís Seoane ou Manuel Colmeiro. Pero sobre todo foi un espazo de difusión e posta en valor da música galega creada en Arxentina, contando co fondo musical que lle proporcionaban as casas discográficas locais e coas actuacións ao vivo das principais agrupacións, compositores e artistas residentes.
A Xunta colabora con esta publicación que serve como recordatorio e recuperación de parte da memorial cultural de Galicia, restablecendo a importancia que a radio galega tivo na emigración, e reivindicando a figura dunha muller que lle puxo voz e personalidade a toda unha época.
No acto estiveron presentes o secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o xornalista Jesús Blanco, un dos autores do libro; Ramon Pinheiro, director artístico de aCentral Folque, e María Xosé Porteiro, en representación do Consello da Cultura Galega. A presentación completarase coa actuación de Alejandro Vargas ao piano e a voz de Alba María, que reinterpretarán dúas cancións contidas no disco do libro, da colección Chave Mestra.
A Xunta de Galicia pon en marcha no Centro Galego de Arte Contemporánea o Club de escoita, unha actividade na que as persoas participantes lle porán banda sonora ás creacións artísticas que acolle esta entidade pública e que está dirixida polo músico galego Santi Araújo. O proxecto, que bota a andar a tarde de hoxe e desenvolveranse ata finais de maio, complementarase cunha actividade que se desenvolverá no pub Modus Vivendi, na nova liña estratéxica do Centro Galego de Arte Contemporánea de abrir aínda máis a súa programación á sociedade en contacto co resto de accións culturais que se levan a cabo na súa contorna.
O presidente da Xunta informou de que o Consello deu luz verde ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, 'o que supón un 6,4% máis que este ano' e que inclúen 'rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar'. 'Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións. Os orzamentos son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo.